Adega Entre os Ríos: Recuperando a tradición dos viños do Barbanza

A adega Entre os Ríos pertence a IXP Viños do Barbanza e Iria. Os seus viños representan unha aposta por unha tradición que quedou en segundo plano entre os 70 e 80 do século pasado. Agora, as súas premisas de calidade, honestidade, e busca dun viño propio da zona teñen cada vez máis peso no mercado nacional e internacional

Publicidade
Adega Entre os Ríos: Recuperando a tradición dos viños do Barbanza

A bodega Entre os Ríos aposta por unha recuperación da tradición vitícola da zona e por variedades autóctonas

A adega Entre os Ríos está situada na Pobra do Caramiñal, en plena comarca do Barbanza. A pesar de que aparentemente non haxa unha tradición vitícola nesta zona, é un territorio historicamente recoñecido polos seus viños. Desde o 2006, os seus resultados encáixanse na IXP Viños do Barbanza e Iria, e ás súas producións estanse sumando novas bodegas. A busca de altas calidades e dunha diferenciación son cuestións que identifican o método de traballo desta bodega.

Características do viño, tipos e método de traballo

“Non hai moita diferencia cos viños da parte norte, é dicir, da Arousa posto que os chans son moi parecidos, principalmente de granito con esquistos en zonas de ladeira baixa, e outras zonas con terra de aluvión, máis de cultivo”, detalla José Crusat. Entre os Ríos ten unha orientación sur-suroeste, unha cuestión que “fai que o sol, desde que levanta, estea dándolle de cheo ás nosas colleitas”, amplía o adegueiro.

Estes viños, en boca, “teñen un perfil que tira máis ao Salnés, cun punto máis de frescura e de alegría, ligada cunha proporción de acidez, aínda que isto depende de cada produtor”, destaca o fillo do dono da bodega. A maduración é moi semellante á dos cultivos veciños; a uva sae cos mesmos graos, aínda que unha das diferencias é “a aposta por traballar con clons propios de viñas que xa había na zona, é dicir, non se buscou clons seleccionados de viveiros de planta, senón que se apostou pola selección basal que fixemos nós de cepas vellas de albariño desta zona”, destaca José Crusat.

O traballo con lavaduras naturais é outras das consideracións que Crusat menciona á hora de falar dos viños da adega Entre os Ríos. “Non queríamos traballar con lavaduras artificiais e seleccionadas, nin facer maduracións excesivas”, aporta o adegueiro. Entre as variedades que manexan está nun 97% presente a variedade albariño e nun 3% a caste raposo. En certas anadas inclúen outras especies coma mencía atlántica ou caíño, pero sen formar parte das principais.

A variedade raposo non se podía utilizar ata o 2011. Foi entón cando a través dun traballo conxunto entre varias entidades, incluída a Fundación Juana de Vega, o CIF Lourizán e municipios coma Betanzos, se conseguiu o seu recoñecemento. “É unha tipoloxía que non se utilizaba pero que representaba unha uva moi antiga propia da zona que da lugar a un branco lexítimo”, especifica José Crusat. Outras adegas da zona posúen cepas desta raza que teñen en torno a 200 anos, sen embargo, Entre os Ríos utiliza unha mestura de novas plantacións feitas e cepas vellas mercadas na zona.

Mostra da recollida de uva dos viñedos de Entre os Ríos

Mostra da recollida de uva dos viñedos de Entre os Ríos

O marco de plantación é o emparrado, “en xeral como no resto da zona”, comenta José Crusat. A tendencia cara a viticultura ecolóxica é outro dos resgos que identifica esta adega. O mundo do viño está orientándose cara os cultivos sostibles, e esta realidade márcase nestas producións da Pobra do Caramiñal mediante “unha eliminación dos herbicidas, que xa se fixo desde fai 12 ou 13 anos, da maior parte dos insecticidas, e dunha aplicación reducida de funxicidas”, explica Crusat. As enfermidades fúnxicas non distan da afección que existe na zona; “por exemplo, en Cambados ou Vilagarcía é semellante, mentres que si que pode cambiar con respecto ao Miño”, avanza o adegueiro.

Entre os Ríos ten unha produción anual dunhas 25.000 botellas de viño. Baixo a mesma marca teñen 14 referencias de elaboracións de viño diferentes, aínda que “non se fan todas cada ano”, comenta José Crusat. Da mesma maneira, Francisco Crusat, dono da adega, afirma que “sempre están probando cousas novas, coa aplicación de diferentes técnicas e distintos coñecementos enolóxicos”, pero sempre “cun control absoluto do proceso”. Algúns dos resultados que proban nesta bodega non se inclúen dentro da IXP, e aínda que forman parte da marca, teñen unhas producións reducidas.

Mercados e potencialidade da IXP

Ata o ano 2006 a IXP Viños do Barbanza e Iria non gozaron de recoñecemento legal. No 2007 eran 3 adegas as que conformaban a produción desta IXP. “A evolución estase producindo dunha maneira lenta, pero algo en común dos viños da zona é a pretensión dos adegueiros dunha busca de alta calidade e diferenciación”, destaca Francisco Crusat. Actualmente, están dentro desta Indicación Xeográfica outras dúas bodegas “e en xeral, tanto polas novas, como polas que xa estabamos, estamos notando un crecemento progresivo”, especifica o dono de Entre os Ríos.

“O potencial de calidade dos viños do Barbanza xa está demostrado e potencial de crecemento tamén o hai; mostra disto é que a última anada esgotouse en 8 meses”, afirma José Crusat. Polo tanto, esta IXP reloce posibilidades de chegar a máis recoñecemento e maior produción. Nestes momentos, baixo os valores de calidade e autenticidade que se atribúen, os adegueiros da zona apostan por facer novas plantacións, e seguir adiante con novos proxectos.

O mercado de Entre os Ríos é amplo. A situación pandémica beneficiou, en certo modo, a comercialización dos seus viños. “Mentres que no 2020 exportabamos a nivel internacional un 43% da produción, no 2021 chegamos a un 50%”, aporta José Crusat. Os mercados destes viños do Barbanza son moi diferentes a nivel nacional e internacional. Segundo Francisco Crusat, comercializan para “Nova York, Xapón e países europeos”, ademais de “distribuír a nivel nacional para Madrid, Barcelona ou Murcia, entre outras, e incluso a nivel local para grandes restaurantes”.

Un territorio con tradición vitícola

A comarca do Barbanza, e en xeral as zonas dos viños que se envolven nesta IXP, “sempre tiveron viño”, afirma José Crusat, fillo do dono da adega Entre os Ríos, “e no seu momento, destes viñedos do corazón das Rías Baixas saían os importantes albariños de Leiro e Sotomaior”, amplía Paco Crusat. Foi a partir da década dos 70 e principios do 80, cando as actividades do mar solaparon a actividade vitícola da zona. “A xente mirou máis para o mar por aquel entón, pero aínda así, existen documentos comerciais antigos polo cal se sabe que o viño era a terceira mercadoría desta zona que máis se movía nos portos”, explica José Crusat.

A formación da D.O. Rías Baixas deulle respaldo a ese decrecemento de finais do século pasado, e mesmo derivou “no cambio de dereitos de plantación cara o outro lado da ría”, detalla o adegueiro. Na segunda metade dos 90, produciuse unha paulatina recuperación, retomando en certo modo a produción e a súa comercialización. No ano 2000, Entre os Ríos, fixo a primeira anada para a venta, sendo o primeiro ano da converxencia “de facer viños para amigos e para consumo propio a viño para vender”, especifica Crusat.

Paco Crusat na esquerda, e o seu fillo, na dereita, xestores da bodega

Paco Crusat na esquerda, e o seu fillo, na dereita, xestores da bodega

Francisco Crusat fai de novo fincapé na tradición e na cultura vitícola da zona afirmando que “os viños do Barbanza eran moi importantes; referentes en moitos casos” e que “en Boiro, e en xeral pola zona, estaban das mellores cepas de castes como a raposo”. Nestes momentos están apostando pola súa recuperación, en paralelo “a unha busca de recoñecemento destes viños”, comenta o dono de Entre os Ríos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información