A suspensión de novas plantacións de eucalipto que proxecta a Xunta xera debate no sector forestal. A cuestión non é menor, pois o Goberno galego propón unha moratoria por catro anos, desde esta primavera ata decembro do 2025. Con esa medida, aspírase a frear a expansión de superficie do eucalipto e a incentivar, de xeito paralelo, as plantacións de piñeiros e frondosas caducifolias.
Repasamos pros e contras da medida a partir da óptica de propietarios e empresas forestais.
É preciso limitar a expansión do eucalipto?
Desde a perspectiva das organizacións ecoloxistas e da cidadanía que comparte esa mesma mirada ambiental sobre o monte, a resposta é clara. Se a pregunta se lle traslada ó sector forestal, a análise é máis ampla e ábrese outra pregunta. Se é preciso limitar a expansión do eucalipto, como hai que facelo?.
“Como propietario forestal, moléstame a prohibición a novas plantacións de eucalipto” -valora en principio o secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijoo-. “O debate non é sobre a protección das masas de frondosas caducifolias, que xa está prohibido sustituír por eucaliptos, ou sobre a protección das terras agrarias, nas que tampouco se pode plantar eucalipto, nin sobre a protección de espazos naturais. A Xunta o que quere regular é como se organiza o monte produtivo, que é unha cuestión na que o propietario debería ter libertade de decidir”, defende Jacobo Feijoo.
“É igual que se ao propietario dunha leira a Xunta lle di se ten que plantar millo ou cebolas” -compara o responsable de Asefoga-. “Outra cuestión é que se entre no como hai que facer as cousas”.
O aumento das restriccións sobre as parcelas de monte non gusta a ningunha asociación de propietarios forestais, se ben parte delas aceptan, con condicións, a moratoria a novas plantacións de eucalipto. Ramón Reimunde, o presidente de Promagal, o colectivo que agrupa ás asociacións de produtores de eucalipto do norte galego, apoiou estes días publicamente a moratoria.
Entre os argumentos de Reimunde para aceptar a moratoria, destácase o temor a unha posible sobreoferta futura de eucalipto nitens que faga caer o mercado e os prezos. Sublíñase tamén que por parte dos propietarios pode haber unha aceptación da moratoria se vai acompañada de apoios para as plantacións de coníferas e frondosas caducifolias, a fin de compensar o seu menor atractivo económico e de favorecer a biodiversidade.
Pode haber unha sobreoferta de madeira de eucalipto a curto prazo?
A posibilidade dunha sobreoferta de madeira de eucalipto en poucos anos é unha cuestión que preocupa ós propietarios do norte galego e que xera debate no sector.
“Podo estar de acordo en que quizais haxa unha sobreexplotación de eucalipto, que ten os seus riscos, xa que pode baixar o prezo ou chegar unha praga que xere un forte impacto, pero que é mellor, esta sobreexplotación ou que o monte quede abandonado?” -pregúntase Miguel Vázquez, de Maderista Souto, unha empresa forestal de Lugo que traballa na corta de tódalas especies forestais.-. “Se eu teño unha finca de eucaliptos e me din que en 12 anos o prezo baixa un 50%, plantaría igual porque seguiría tendo beneficio”, analiza.
Á espera dun inventario forestal actualizado que aclare as existencias reais de eucalipto en monte, Jacobo Feijoo cuestiona a posibilidade dunha sobreoferta. “Toda materia prima é precisa a nivel mundial, nun contexto de aumento de poboación e demanda. Se non hai demanda en Galicia, existirá fóra” -opina-. “Quizais tamén os aserradoiros galegos teñan que plantearse de cara ó futuro traballar con madeira de eucalipto nitens”, plantea.
Como afrontar a escasez de piñeiro para aserradoiros e fábricas de taboleiro?
Desde hai anos, a cadea da madeira de Galicia advirte da escasez de piñeiro que se aveciña. A progresiva substitución de piñeiros por eucaliptos, primeiro na costa e agora no interior da Coruña e Lugo, reduce as coníferas dispoñibles para a cadea do piñeiro, unha cadea que aglutina en Galicia a arredor de douscentos aserradoiros e a fábricas de taboleiro e madeira técnica.
Os colectivos de propietarios forestais que, como Promagal, apoian a moratoria do eucalipto, fano coa condición de que a Xunta estableza apoios para as plantacións de piñeiros e de frondosas caducifolias, de xeito que a menor rentabilidade económica destas plantacións sexa compensada polas axudas da Administración para plantación e tratamentos silvícolas.
Eses futuros apoios son ben recibidos por todo o sector, aínda que hai quen avoga por desvincular o apoio ó piñeiro da prohibición do eucalipto. “Estou a favor dos incentivos do piñeiro para o propietario, pero en contra da prohibición do eucalipto”, sopesa Jacobo Feijoo.
O éxito que poidan ter as axudas para os piñeirais é outra cuestión que xera escepticismo entre profesionais do sector. “O problema do piñeiro é que antigamente plantábase coa idea de que quedase para os que viñan atrás. Agora o propietario forestal, que na súa maioría supera os 60 anos, xa non ten esa idea. Se non pode plantar eucalipto, para min o risco é que haxa moito terreo que quede abandonado” -valora o madeireiro Miguél Vázquez-. “Eu o piñeiro véxoo como unha especie para potenciar en montes veciñais, en especial nos conveniados pola Xunta”, sinala.
Que alternativas pode haber á suspensión xenérica de novas plantacións de eucalipto?
“Estou tódolos días no monte e non me atrevo a dicir unha solución porque non a vexo. É verdade que xa hai suficiente eucalipto no monte para a industria, pero creo que hai que ser xusto co propietario. Como lle dis a un propietario que ten 5 hectáreas de piñeiro que non pode plantar nada de eucalipto mentres un veciño seu ten todo a eucalipto?, inquire Miguel Vázquez.
É un punto de vista compartido por outros profesionais do sector. “A unha prohibición xenérica non lle vexo lóxica nin é o máis xusto para os propietarios porque pode suceder que un propietario teña tódalas parcelas a eucalipto e outro teña todo a piñeiros. A prohibición impediríalle ó propietario dos piñeirais plantar nada de eucalipto, o cal non é moi xusto” -explica Luis Diaz, de Forestal Diaz Casariego (Xove, Lugo)-. “Unha posibilidade é que no monte produtivo os propietarios tivesen que reservar unha parte de piñeiro. Sería unha forma de limitar o eucalipto e de axudar a regular o mercado”, valora.
A idea de cupos de plantación por propietario é unha opción que tamén expón Miguel Vázquez. “Poñamos un propietario medio en Galicia, con 4 hectáreas de monte. Podería ter 2 hectáreas a piñeiros, media con carballos e outra hectárea e media con eucaliptos que lle proporcionarían rendementos no curto prazo e que compensarían as outras parcelas, con rendementos a máis longo prazo”, valora.
“Cunha prohibición xenérica, tes propietarios forestais que gañan moito e empobreces ós demais. Outra posibilidade, se se quere aumentar a superficie de piñeiros, podería ser que cando un propietario corta x hectáreas de eucalipto se lle pida replantar unha parte de piñeiro”, valora Miguel Vázquez.
E hai posibilidades de aumentar o aproveitamento madeireiro das frondosas caducifolias?
As frondosas caducifolias, como carballo, rebolo ou castiñeiro, teñen un aproveitamento residual na industria da madeira de Galicia. Calcúlase que as cortas de frondosas con destino industrial representan arredor do 3% do total, en tanto o outro 97% corresponde a eucaliptos e piñeiros. O uso principal das frondosas son as leñas domésticas.
“Poderíase ter investido en mellora xenética e en apoio á silvicultura de frondosas, pero non se fixo. A día de hoxe, un propietario que teña na súa finca unha carballeira ou rebolos ou bidueiros non ten perspectivas de obter desa finca ningún rendemento. Tampouco ten posibilidade de cambiar a outra especie produtiva porque non o permite a lexislación” -explica o secretario xeral de Asefoga, Jacobo Feijoo-. “Coloquialmente, podemos dicir que o propietario que ten unha carballeira percibe que lle tocou unha maldición”, conclúe.
Desde as empresas de aproveitamento forestal, coinciden no escaso interese das frondosas. “Non hai madeira de frondosas boa en monte. O carballo galego non das feito bo del. Destínase principalmente para leña, pero co aumento dos pellets, que son de piñeiro, este uso vai a menos” -explica Miguel Vázquez-. “Outra cousa sería o carballo americano, que ten infinitamente mellor xenética e calidades finais”, compara.
O madeirista tampouco ve grandes perspectivas noutras especies de frondosas caducifolias habituais no monte, como a madeira de castiñeiro, “que ten menos saída que antes”, ou nos bidueiros. “O bidueiro é unha madeira de pouca calidade e resistencia. Tampouco hai no monte plantacións coidadas e con pés gordos, que si que poderían ter saída. En xeral, o bidueiro destínase a moer, para taboleiro, e nin para ese uso o queren de boa gana as fábricas”, lamenta.
Outro factor a ter en conta nas frondosas é a súa esixencia de solos de calidade. “O eucalipto plántalo en calquera lado, e o piñeiro case tamén, pero un carballo americano precisa un bo solo, profundo e axeitado, e un castiñeiro aínda máis”, apunta Miguel Vázquez.
As restriccións de cortas en masas de frondosas caducifolias é unha última cuestión que Miguel considera que cómpre valorar. “É habitual que en moitas parcelas de frondosas caducifolias só deixen cortar un 30% dos pés, o que é un problema para o propietario e reduce moito o rendemento da finca”, conclúe.