O protocolo de certificación animal ‘Welfare Quality’ está comezando a ser demandado por industrias lácteas para posicionar o seu leite no mercado. Con ese selo, as marcas buscan garantirlle ós consumidores o respeto ó benestar animal nas súas granxas proveedoras, de xeito que a certificación en benestar animal represente un posicionamento diferencial no mercado. En Galicia, Leche Celta está a requerirlle esta certificación ás granxas en pastoreo, coas que sacará ó mercado un leite producido en base a pastos.
O benestar animal, que resulta de por si un factor clave para a rendibilidade dunha explotación, convírtese así ademais nunha esixencia inaprazable para as granxas. Ante os novos requisitos, o equipo técnico da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), que lle realiza auditorías internas ás granxas interesadas en someterse á certificación, xestionada por Aenor, está a programar diversas xornadas para explicarlles ás granxas o protocolo de control. As últimas celebráronse esta semana en Lalín e Rodeiro.
“O protocolo ‘Welfare Quality’, que é aplicable tanto a explotacións extensivas como intensivas, consiste en puntuar unha serie de criterios de benestar animal”, explica María Pardo, técnico de Agaca. “Nunha puntuación entre 0 e 100, a maioría das granxas rondan unha media de 60 puntos, cumprindo de xeito sobrado para obter a certificación”, subliña.
O proceso de auditoría, ademais de permitir a obtención do selo ‘Welfare Quality’, sérvelles de guía ás ganderías para comprobar as cuestións de manexo nas que teñen marxe de mellora. Repasamos a continuación os aspectos principais que se controlan nunha granxa que queira obter a certificación de benestar animal.
1) Ausencia de fame e sede nos animais
– Valórase a condición corporal dos animais. Os auditores analizan catro rexións corporais das vacas (lombo, rabo, vértebras e grupa) para determinar o seu estado.
– Dispoñibilidade de auga. Compróbanse os metros lineais de bebedoiros, a súa limpeza e o fluxo de auga.
2) Aloxamento axeitado: confort na zona de descanso
– Tempo necesario para que a vaca se deite no seu cubículo. Dende o inicio do movemento, estímase que non deben pasar máis de 5 segundos ata que o animal estea deitado.
– Colisión coas zonas da estrutura. Obsérvase se a área de descanso presenta estreiteces que leven a roces e colisións cos elementos de separación.
– Limpeza do animal, para o que se valoran tres zonas corporais: parte inferior das patas de atrás, parte superior das patas de atrás e ubres. Os problemas de limpeza son indicativos de carencias no manexo (por exemplo, mala xestión das camas) ou nas instalacións.
– Comodidade higrotérmica. Atención á humidade e temperaturas relativas das instalacións.
– Facilidade de movemento, onde se puntua de xeito negativo as instalacións con vacas trabadas e de xeito positivo as estabulacións libres e aquelas que teñan acceso das vacas a pastos ou áreas de descanso ó aire libre.
3) Estado sanitario dos animais
– Ausencia de feridas. Compróbase que as vacas non presenten coxeiras, lesións de pel ou áreas con perda de pelo.
– Ausencia de enfermidades. Obsérvase o rabaño para comprobar presenza de toses, secrecións nasais e oculares ou dificultades respiratorias. Analízanse tamén cuestións como a porcentaxe de mortalidade na explotación, os partos distócicos nos últimos 12 meses, o reconto de células somáticas das vacas e o número de vacas caídas, que precisarán dun segundo tratamento contra hipocalcemias.
– Ausencia de dor provocada. O corte de colas está prohibido e recoméndase tamén non facer o descornado desde a perspectiva do benestar animal. De facerse, valórase de distinto xeito segundo se teña feito en animais adultos ou ben cunha pasta caústica ou por cauterización, tendo en conta tamén se houbo suministro de analxésicos ou anestesia.
4) Bo comportamento
– Observación do rabaño durante 120 minutos para analizar como se comportan entre eles, co ser humano e no medio. As interaccións entre os animais miden cuestións como o número de cabezadas, as pelexas ou as persecucións. En relación ó ser humano, analízase a distancia evitacional a que ás vacas comezan a recuar. Son todas elas cuestións que permiten detectar se as vacas presentan ou non un estado emocional positivo.
Clun obtén a certificación en pegada de carbono para o seu leite Unicla
A unión de cooperativas lácteas Clun (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto), que foi pioneira en Galicia na certificación en benestar animal de parte das granxas de Feiraco, vén de obter o certificado Aenor en pegada de carbono de produto, “convertíndose así na primeira láctea en lograr a certificación, para o seu leite Unicla”, sinala Clun en nota de prensa.
O certificado acredita a veracidade do cálculo das emisións de gases de efecto invernadoiro efectuado nos briks de leite Unicla, nos que se logrou unha redución da pegada de carbono dun 20%, segundo Clun. A análise inclúe todo o ciclo de vida do produto, desde a orixe na granxa, onde se analizan cuestións coma o manexo da terra, o cultivo de alimentos para o gando ou o uso de pensos, ata o procesado do leite na industria e a súa posterior distribución.