Subas nos prezos do vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra subas das cotizacións medias no gando maior. Baixada en boa parte das categorías de recría, tanto frisoa coma de cruce e nos becerros carniceiros. Nova caída do valor do porcino e continúa estable o mercado do ovo

Subas nos prezos do vacún maior en Silleda

Gando maior nas instalacións da Central. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca rexistra este martes unha suba dos prezos medios de cotización do vacún maior en tódalas categorías. Na recría e nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, cunha redución dos prezos de referencia en boa parte das seccións.

Nas mesas de porcino volveu producirse unha baixada xeral tanto nos prezos dos porcos cebados coma dos leitóns. Mentres, o mercado do ovo mantense sen cambios.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 44 euros, é dicir 16 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 89 euros, o que supón 7 euros máis que na feira pasada. Foi a única suba entre os machos desta raza. Os becerros de máis de 50 días tiveron un prezo medio de 113 euros, cunha redución de 24 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais, os tenreiros machos máis novos sumaron 2 euros e o prezo medio sitúase nos 341 euros. Mentres, nas femias houbo unha baixada de 33 euros e cotízanse a 189 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días, rexistrouse unha redución de 6 euros e teñen un prezo medio de 327 euros. As femias quedaron nos 221 euros, logo de descontar 7 euros. Os machos de máis de 50 días tiveron un valor de referencia de 517 euros, (-9 euros). As femias incrementaron o seu valor en 81 euros, polo que se sitúan nos 431 euros.

A tendencia foi semellante nos becerros de cebo, sen predominar unha. Os machos frisóns experimentaron unha baixada de 301 euros, de xeito que caen a un prezo de referencia de 473 euros. A única femia vendida marcou un prezo de 438 euros. Nos becerros de cruces industriais, o valor medio foi de 1.094 euros, logo dunha suba de 21 euros. Nas becerras desta categoría, o prezo de referencia atópase nos 846 euros, ó producirse unha baixada de 32 euros con respecto da última feira. Os machos de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.138 euros, é dicir 2 euros máis. As tenreiras rexistraron unha baixada de 31 euros, ata situarse nun prezo medio de 1.039 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron unha suba do seu valor medio en 132euros e acadan os 1.145 euros.

O vacún maior experimentou destacadas subas en tódalas categorías. As vacas da extra incrementaron o seu valor en 141 euros e o seu prezo de referencia sitúase nos 2.250 euros. As vacas de primeira acadan os 1.145 euros (+17). Os exemplares de segunda cotizáronse a 747 euros, logo dunha suba de 5 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio situouse nos 495 euros, polo que se incrementou en 17 euros en comparación coa última feira. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia acadaron un valor de referencia de 2.755 euros, o que supón 1.572 euros máis que a feira pasada.

Central_Vacun 03_10_2023

Baixadas no porcino

As mesas de cotizacións do porcino experimentaron esta semana baixadas nos prezos tanto do porco cebado como dos leitóns. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal descontaron 0,03 euros e quedan nos 1,84 e 1,815 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,357 euros, tras unha baixada de 0,039 euros. Os animais de descarte descontaron 0,06 euros e cotízanse entre 1,05 e 1,11 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha baixada dun euro para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 70 euros (cun prezo de 3,5 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 65 euros e cun prezo por quilo de 3,25 euros.

O mercado do ovo mantense esta semana sen cambios. Os ovos da XL teñen un prezo de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,4 euros, os da M cotízanse a 1,87 euros e os da S están en 1,62 euros a ducia. No prezo das galiñas de descarte semipesadas tampouco houbo cambios e cotízanse entre os 0,22 e os 0,30 euros o quilo.

O prezo do coello acada os 2,65 euros o quilo (+0,10) segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Central porcino03_10_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información