Canto se cobra por vendimar en Galicia?

A piques de comezar a vendima as adegas e viticultores enfróntanse a un problema cada vez máis acuciante no agro: A falta de persoas dispostas a traballar. Analizamos como está a situación en Galicia

Publicidade
Canto se cobra por vendimar en Galicia?

Vendima na DO. Rías Baixas. Foto: Cedida

Comeza a época de vendima, unha das máis precoces e difíciles dos últimos anos, principalmente pola falta de man de obra. Falamos con Manuel do Pazo, secretario de Unións Agrarias na Denominación de Orixe Rías Baixas, e con Carlos Basalo, secretario da mesma organización pero no Ribeiro, para coñecer como se afronta a campaña.

Foi un ano difícil para os viticultores, pois implicou máis esforzo e gasto do esperado, principalmente debido ao problema do mildiu e do pedrisco. Neste sentido, ambos insisten na importancia de que o mercado asuma eses sobrecostes da produción deste ano, polo que o prezo do viño debería subir lixeiramente ou como mínimo manterse nos valores actuais. Tamén coinciden na dificultade de atopar man de obra, un problema que cada ano vai a peor.

“A escasez da man de obra frea o avance do sector”

Carlos afirma que cada ano resulta máis difícil atopar traballadores para o sector agrícola en xeral e no vinícola en particular, factor que dificulta moito as posibilidades de crecer das adegas.

“A escasez da man de obra frea o avance do sector, xa que moitos viticultores desexarían contratar a máis persoal para seguir crecendo pero non atopan xente que queira traballar no sector, e moito menos que teñan formación ou experiencia. Durante a vendima acontece o mesmo, por iso cada vez máis adegas apostan por traer cuadrillas de traballadores especializados en vendimar de fóra de Galicia e mesmo de España, que en moitos casos cobran por kilo colleitado. Ainda así, estase pagando como en anos anteriores, entre 50 e 70 euros por xornada, ao que habería que sumarlle as comidas, que moitas veces se fan no propio campo ou nos restaurantes da zona.

Na comarca de Monterrei nótase menos este problema pois non se necesita tanta man de obra ao estar moito máis mecanizada. Nas zonas próximas a Portugal tamén se nota menos pois ven máis xente de alí a traballar. Á maioría da xente, actualmente, non lle gustan os traballos agrícolas, fuxen de traballar no campo. Incluso a xente nova que ven vivir ao rural, moitos non están interesados nestes traballos”, recoñece Carlos Basalo.

Pola súa parte, Manuel do Pazo confirma que os xornais que se están pagando son como nos anos anteriores: “O prezo por hora normalmente oscila entre os 8 e os 12 euros, o que se ven pagando estes anos. As adegas cada vez comezan a buscar xente antes pois saben o difícil que resulta atopar traballadores. Ademais, normalmente ven moita xente do sector da hostelería pero este ano a tempada estase alongando máis do normal e non se poden incorporar á vendima. A xente pon carteis pero o que mellor funciona é o boca a boca”, asegura o secretario de Unións Agrarias na Denominación de Orixe Rías Baixas.

“A administración complica aínda máis poder contratar xente”

Ambos coinciden en que a Xunta e as administracións públicas, lonxe de axudar, dificultan máis a situación, aplicando restriccións que non teñen ningunha lóxica e son inflexibles, facendo que moitos traballadores non se podan incorporar por estaren en situacións incompatibles legalmente.

“Resulta moi difícil atopar xente que queira traballar e á que lle podas facer contrato, porque están xubilados, están cobrando o RISGA ou o desemprego, ou porque traballan noutro sector e resulta incompatible, como no caso dos mariscadores”, afirma Manuel.

Carlos Basalo, pola súa banda, fala do vacío legal que hai na axuda entre veciños. “Supostamente é legal que nos axudemos entre veciños sempre que non haxa acordos económicos, isto chámase axuda de boa veciñanza. Agora ben, se ven un inspector e resulta que no DNI do veciño pon outro enderezo, queda na man do inspector decidir se multar ou non, e iso non pode ser. Teñen que solucionar estes problemas legais dun xeito flexible, permitindo que os amigos e familiares podan participar, ainda que está claro que o feito de que haxa contratos e seguros é algo fundamental e bo para todos”, defende o responsable de Unións Agrarias na DO. Ribeiro.

Tanto Carlos como Manuel recordan con certa nostalxia cando a vendima era un momento de festa, de reunirse cos veciños, amigos e familiares, de celebrar a recollida dos froitos dun ano de traballos na viña. Co paso dos anos, estase perdendo esta concepción festiva, convertíndose nun paso máis na produción do viño, cada vez máis difícil de realizar, principalmente debido ao abandono dos traballos agrarios por gran parte da sociedade, e tamén, debido á falta de apoio e flexibilidade institucional. Esperamos que sexa un bo ano de colleita e que o tempo acompañe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información