Conclúe a vendima máis abondosa da década en Galicia con máis de 75 millóns de kilos de uva recollidos

A piques de rematar os traballos, recolléronse un total de 75,4 millóns de quilos de uva, dos que case 66,3 millóns foron de variedades brancas e os 9,1 millóns restantes de tintas. A cantidade de uva colleitada é a máis importante do decenio 2014-2023, superando nun 18% a media do dito decenio

Publicidade
Conclúe a vendima máis abondosa da década en Galicia con máis de 75 millóns de kilos de uva recollidos

Galicia rexistrou neste 2023 a vendima máis abondosa da última década, segundo puido constatar a Xunta a través dun informe elaborado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural. Así, a piques de rematar os traballos, recolléronse un total de 75.425.734 kg de uva, dos que 66.291.952 kg (88%) foron de uva branca e 9.133.782 kg (12%) de tinta.

A cantidade de uva recollida, que xa foi adiantada por Campo Galego ao comezo da vendima, é a segunda máis importante da serie histórica -só superada pola do 2011-, sendo un 18% superior á media do decenio 2014-2023. Todas as denominacións de orixe aumentaron a produción respecto da pasada campaña, incluída Ribeira Sacra, a falta do peche da colleita e de coñecer o dato definitivo de uva recollida nesta DO. Denominacións de orixe

Estes son os datos correspondentes á vendima de 2023 segundo as diferentes denominacións de orixe:

-Rías Baixas 44.323.220 kg
-Ribeiro 11.491.299
-Ribeira Sacra 5.227.957
-Valdeorras 7.783.356
-Monterrei 6.599.903

– TOTAL. 75.425.734 kg

Incremento dun 22% na colleita en Rías Baixas

Na denominación de orixe Rías Baixas, a cantidade de uva vendimada supuxo un incremento dun 22% respecto da media do decenio 2014-2023 e foi un 8% superior á da campaña 2022, constituíndo o récord absoluto da súa historia.

Esta DO caracterízase polo predominio das variedades de uva branca, cun 99% do recollido. Entre elas destaca a Albariño, que cun 97% do total producido é a gran protagonista da denominación.

A denominación de orixe Ribeiro é a segunda en canto a volume recollido, cun 12% de cantidade de uva máis que na campaña pasada e un 6% por riba do valor medio do período 2014-2023. Esta DO está especializada na produción de viños brancos e, de feito, as variedades brancas representan un 93% do total, fronte ao 7% das tintas.

Na denominación de orixe Ribeira Sacra, a cifra de uva vendimada é inferior á da pasada campaña, en parte debido a que os labores aínda non remataron. En todo caso, as previsións de colleita cumpríronse en canto a cantidade e calidade. A uva entrou en boas condicións sanitarias e prevese que o viño teña unha graduación dentro dos valores
medios dos últimos dez anos.

Sube un 20% a uva recollida na DO. Valdeorras

A uva recollida na denominación de orixe Valdeorras supón un incremento dun 30% respecto da media dos últimos dez anos e do 20% en relación coa campaña precedente.

En canto ao reparto varietal, nesta vendima colleitouse un 76% de uva branca e un 24% de tinta. Entre as brancas, destaca a variedade Godello, a máis característica de Valdeorras, que representa o 96% das uvas brancas vendimadas. En tintas a principal é a Mencía, cun 75% do total destas variedades.

Pola súa banda, o balance na denominación de orixe Monterrei é tamén moi positivo, xa que un ano máis acadouse un récord absoluto na vendima, cun aumento dun 2% respecto do ano pasado e dun 29% sobre a media do decenio 2014-2023. Neste territorio, a variedade Godello supón o 55% de toda a uva vendimada e o 75% da branca, mentres
que a Mencía representou un 21% de todas as variedades vendimadas e o 80% se o referimos ás tintas.

Plan de controis

Por quinto ano consecutivo, a Consellería do Medio Rural activou, en coordinación cos consellos reguladores e como reforzo do seu control, un plan de controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe galegas. Este é un plan propio da Xunta, ao cal destinou este ano preto de 200.000 euros, e que ten como principal obxectivo evitar situacións fraudulentas que se poidan producir desvirtuando o sistema xeral de control da calidade e a orixe das materias primas coas que se elaboran os viños galegos con DO.

Para este control contouse cun equipo -semellante ao do pasado ano- formado por 19 persoas, das cales 15 eran inspectores de campo (capataces), tres técnicos e unha coordinadora. Este programa púxose en marcha en coordinación con todos os consellos reguladores de cada unha das cinco denominacións de orixe, que contan tamén con persoal propio -fixo e eventual- para os labores de control. Este persoal realizou o control sobre, aproximadamente, 2.500 parcelas, que corresponden a cerca de 130 viticultores das diferentes denominacións. Ademais, fixéronse labores de seguimento das operacións de carga e descarga de mosto e viño (119 controis) e a realización de aforos en máis de 100 adegas. Por último, tamén se efectuaron un total de 80 visitas a centros de acopio de uva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información