Canto custa producir mazá de sidra en ecolóxico en Galicia?

Un estudo encargado por Agacal afonda nos custos que se xeran nos pomares ecolóxicos destinados á produción de sidra. O informe amosa unha mínima rendibilidade económica, sobre todo nas plantacións de menos de 15 hectáreas

Publicidade
Canto custa producir mazá de sidra en ecolóxico en Galicia?

É rendible producir mazá en ecolóxico en Galicia para a elaboración de sidra? Esa é a pregunta á que tenta dar resposta o estudo de custos de produción encargado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería de Medio Rural, e que foi presentado recentemente na Estrada (Pontevedra), un dos principais concellos produtores de mazá de sidra en Galicia, que conta con máis de 100 hectáreas dedicadas a esta produción.

O traballo foi elaborado pola asesoría especializada GB Auditores Asociados SL, empresa con máis de 25 anos de experiencia no sector. A firma levou a cabo o estudo coa colaboración de dúas das principais cooperativas que agrupan a gran parte dos produtores en ecolóxico e convencional de Galicia: Ullama, situada na Estrada, e Cabrinfolla, en Bergondo (A Coruña). “É o primeiro estudo que se realiza neste ámbito e pretende amosar os custos reais e a rendibilidade económica desta produción”, explican dende a auditoría.

Na elaboración do informe participaron Ullama e Cabrinfolla, as principais cooperativas centradas na produción de mazá de sidra en Galicia

Á hora de responder sobre os custos de produción, un dos condicionantes máis importantes é o tamaño da plantación, que inflúe directamente na rendibilidade actual desta actividade agraria. A maior tamaño, a actividade vólvese máis rendible, pero a marxe aínda resulta mínima, tal e como amosa o informe.

Estimar os custos

Para chegar a estimar os custos medios que se derivan nun pomar adicado á sidra en ecolóxico, dende GB Auditores Asociados fixeron un repaso e un cálculo dos gastos que se xeran na plantación durante o seu período produtivo. Como plantación estándar fixaron un pomar dunha hectárea de superficie e cunhas 500 árbores das principais variedades que se cultivan en Galicia, xa que en termos xerais, tampouco hai grandes variacións de requirimentos ou produtividade.

O estudo avalía un período produtivo de 24 anos, que comeza coa preparación da parcela e a plantación das árbores. Estiman os gastos de mantemento durante os 6 primeiros anos, nos que non producen colleita, e a partir do oitavo ano da plantación, cando xa comeza a estabilizarse a produción. A análise prolóngase ata que comeza a decaer a produtividade das maceiras, cando se cumpren arredor dos 24 anos.

Estimaron os gastos dende os primeiros traballos precisos para realizar a plantación de maceiras ata pasar 24 anos, cando xa comeza a decaer a produción

Estipularon uns rendementos que oscilan entre os 35.000 quilos, nos anos de carga, cos anos de menor produción, nos que a media adoita situarse nos 17.000 quilos. “Levamos a cabo unha calendarización dos traballos que se van facer na plantación ó longo deses 24 anos para logo poder estimar os gastos que se van producir”, explica Enrique González, un dos socios de GB Auditores e que participou directamente na elaboración do informe.

Os principais gastos teñen que ver coas horas de traballo manual e mecánico. Realizaron un detalle pormenorizado da maquinaria que se precisa para atender a plantación e inclúense tanto os prazos de amortización dos aparellos como os gastos variables da maquinaria, tendo en conta tanto o paso do tempo como a carga de traballo.

PERIODOS, PROCESOS e tarefas basicas nun pomar_ GB Asesoria

Períodos, procesos e tarefas básicas que se levan a cabo nos 24 anos de produción dun pomar. // Datos GB Auditores.

No traballo tamén incluíron os gastos habituais dunha plantación deste tipo para o coidado e mantemento das árbores, que van variando en función de cada etapa. Así en plena produción incluíron os tratamentos que adoitan darse ás árbores coma nos primeiros anos as tarefas de arado profundo.

Xunto coa maquinaria e os tratamentos tamén incluíron os custes por hora de traballo. “Moitas veces no campo, e con actividades complementarias, os produtores esquécense de incluír nos gastos o seu propio traballo, pero é fundamental incluílo, para saber se realmente é rendible en termos económicos esta actividade”, indica González.

Horas de traballo que requiren as distintas tarefas no pomar. // Datos GB Auditoría.

Horas de traballo que requiren as distintas tarefas no pomar. // Datos GB Auditoría.

O equilibrio entre custos e prezo

A análise establece un modelo económico que permite estimar os custos para unha plantación dunha hectárea, así como tamén recolle para plantacións de 10 ou 15 hectáreas. Neste cálculo, estiman que a inversión necesaria para un pomar dunha hectárea sitúase nos 50.000 euros, mentres que para unha plantación de 15 hectáreas os gastos sitúanse nos 117.000 euros.

Nun pomar dunha hectárea, producir un quilo de mazá ecolóxica custa 0,40 euros e o prezo medio que reciben os produtores sitúase nos 0,31 euros

O factor máis significativo que determina a redución dos custos cunha plantación de maior superficie débese a que nos pomares máis pequenos a maquinaria está a ser infrautilizada, co que non chega a desempeñarse o desembolso que supón a súa adquisición. Estiman que nunha plantación dunha hectárea o uso da maquinaria é de unhas 111 horas ó ano, mentres que cando se trata de plantacións de 15 hectáreas chega ás 1.600 horas anuais, o que se aproxima máis a que estea a pleno rendemento.

Custos e gastos de maquinaria nun pomar. // Datos GB Auditores.

Custos e gastos de maquinaria nun pomar. // Datos GB Auditores.

En canto ó custo de produción, o estudo conclúe que nunha plantación dunha hectárea sitúanse nos 0,40 euros por quilo. “Esta cifra estímase despois de calcular os gastos todos que supón a plantación ó longo dos 24 anos”, puntualiza González.

A cifra afástase considerablemente do prezo de referencia que perciben os produtores. O prezo medio que manexan no estudo e que lle proporcionaron dende o sector, sitúase nos 0,31 euros por quilo. “Canto maior sexa a plantación estes custos redúcense e os prezos actuais achéganse a cubrir alomenos o custo de produción”, detalla González. Así, nas plantacións de 15 hectáreas, o custo de produción establécese entre os 0,29 e os 0,30 euros por quilo de mazá. “Con todo, aínda nestas plantacións de maior tamaño é unha rendibilidade moi baixa e resulta preciso levar un control estrito dos custos da explotación para que as contas saian”, concreta o experto.

Se se analiza por partidas, as máis significativas nos gastos do pomar corresponden ás horas de traballo, nas que se inclúen os salarios do propio produtor e dos xornaleiros; así como a maquinaria. Nun pomar de 15 hectáreas, o salario do produtor supón 0,08 euros por quilo de mazás, mentres que ós salarios dos traballadores destínanse 0,11 euros e a mesma cantidade estiman que corresponde para o gasto en maquinaria. “A situación cambia considerablemente se se trata dunha parcela dunha hectárea, xa que aí os gastos en maquinaria dispáranse ata os 0,21 euros ó estar infrautilizada, polas poucas horas de traballo que acomete”, explica o asesor financeiro.

Claves para incrementar a rendibilidade

Logo de analizar a realidade das plantacións, unha das recomendacións para que o pomar sexa rendible é contar cunha superficie mínima de 15 hectáreas. “Por debaixo das 15 hectáreas, dende un punto económico só se entende como unha actividade complementaria”, concreta González.

Na análise de custos tamén abordaron as vías que resultarían máis factibles para incrementar a rendibilidade do pomar. “Mellorar a produtividade pode ser importante, pero débese conseguir un mellor prezo para facer rendible esta actividade”, sinala o informe.

Botar man tanto das cooperativas como doutros modelos asociativos para abordar a compra da maquinaria e tratamentos ou a comercialización das mazás é outra das vías que apuntan para incrementar a rendibilidade dos pomares.

Por outra banda, na presentación do informe, o director de Agacal, José Luis Cabarcos, tamén avanzou que o Goberno galego está traballando xa na actualización da Lei da calidade alimentaria, que data do ano 2005, para reforzar a posta en valor dos produtos con figuras de protección, é dicir, dos que están inscritos a algún selo de calidade, como pode ser a mazá en ecolóxico, o que tamén podería conseguir a súa valorización.

Do mesmo xeito, Cabarcos tamén apuntou á nova Lei de recuperación da terra agraria, que inclúe ferramentas como os polígonos agroforestais, e que poden ser de utilidade para mellorar a rendibilidade dos pomares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información