Xenética Fontao mantén durante este mes de xaneiro a tradicional campaña de venda de doses en colaboración cos Africor provinciais. Para esta campaña, Fontao seleccionou un total de 23 sementais, 10 touros xenómicos de primeiro ano (Doses Next) e outros 13 de touros xenómicos dos máis destacados das últimas avaliacións (Doses Top). A maiores, Xenética Fontao ofrece doses de seme sexado de 12 touros, seleccionados de entre os anteriores.
Este ano, Fontao disparou a súa oferta de seme sexado, tras iniciar o pasado ano a súa produción a gran escala. Entre os touros con dispoñibilidade de seme sexado figura, entre outros, Gabrielle, o novo número 1 dos touros xenómicos españois, así como numerosas posibilidades de touros A2A2 e/ou con Kappa caseína BB, como son o caso de Maldini ou Ryan Red, ambos A2A2 e BB.
Os touros da campaña clasificáronse por unha vintena de parámetros a ter en conta na selección (índices de produción, de tipo, funcionais e mérito económico), ademais de polo Gico, o índice xeral.
Pódense consultar os touros da campaña neste enlace. Doutro lado, o programa da TVG A Labranza difundiu tamén estes días unha reportaxe sobre a campaña, con explicacións dos técnicos de Fontao e coa valoración dunha gandería que traballa a maior parte da súa xenética con Fontao, Gandería Lebón, de Samos (Lugo).