Xenética Fontao comeza a producir seme sexado para toda España

Produciranse un mínimo anual de 30.000 doses nas instalacións desta empresa pública dependente da Xunta, o que fará que non haxa que importalo, como ata o de agora 

Laboratorio de Xenética Fontao.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e presidente de Xenética Fontao, José Balseiros, visitou as instalacións desta empresa pública para supervisar e coordinar, co seu equipo directivo e co seu persoal, os labores de posta a punto para o comezo inmediato da produción en exclusiva de seme sexado para toda España.

Nesta liña, Balseiros cualificou este feito como “unha boa nova” para todos os gandeiros, xa que no sector lácteo apostan especialmente por contar con xovencas femias e no da carne preferentemente por machos e, con esta técnica, váiselles garantir ata nun 90% esta selección xenética, o que redundará, de xeito moi importante, na mellora da competitividade das súas explotacións.

O seme sexado eleva ata o 90% as posibilidades de que o sexo do animal froito da xestación sexa o seleccionado, algo esencial para os gandeiros de leite, que buscan femias, e de carne, que prefiren machos

Ademais, puxo en valor que se producirán un mínimo anual de 30.000 doses e destacou que este labor será en exclusiva para toda España, o que significa que calquera outro organismo, laboratorio ou axencia que o queira producir terá que depender de Xenética Fontao, empresa adscrita á Consellería do Medio Rural.

Ao mesmo tempo, o director xeral salientou que Xenética Fontao xa pasa por ser, dentro de España, pero tamén no ámbito europeo, un centro de referencia nesta materia e que agora “dáse un paso máis” para consolidar esa realidade e para favorecer o sector gandeiro galego.

A produción será en exclusiva para toda España

Neste sentido, José Balseiros apuntou que ata o de agora ese seme sexado había que importalo dende outros países, pero desde este momento existe a posibilidade de aproveitar estas técnicas aquí, en Galicia, polo que o director xeral aseverou que Galicia está na vangarda en materia de xenética animal, algo que contribúe decisivamente a consolidar a súa posición de liderado nacional e mesmo de referente a nivel europeo na produción de leite e de carne, en cantidade e calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información