Cales son as tendencias que están a marcar os mercados para os viños brancos?

Un dos maiores expertos en viticultura, o enólogo José Hidalgo, analiza a presenza e as perspectivas dos viños brancos en España, así como os cambios que se están producindo nos mercados internacionais, que cada vez valoran máis os viños brancos, entre eles os galegos

Publicidade
Cales son as tendencias que están a marcar os mercados para os viños brancos?

Uvas de Albariño, unha das variedades que está sendo moi demandada no mercado americano.

España contaba en 2021 cunhas 945.578 hectáreas dedicadas á produción vitícola, segundo os datos manexados polo Ministerio de Agricultura. Desta superficie, máis da metade, unhas 494.000 hectáreas son de viños tintos, mentres que un 47%, unhas 451.000 hectáreas, están ocupadas por viños brancos. Con estes datos, teñen futuro os viños brancos?

Esa foi unha das preguntas ás que tentou dar resposta o enxeñeiro agrónomo e enólogo, José Hidalgo durante a súa participación nas xornadas sobre este tipo de viños organizadas polo GDR Ribeira Sacra Courel, en días pasados no concello lucense de Quiroga.

Un dos piares nos que se sustenta este boom dos viños brancos no mundo está nas variedades autóctonas

Unha das primeiras premisas que o experto mundial deixou patente é que, a nivel mundial está a incrementarse o cultivo de variedades brancas. Pero ademais, cada vez estase poñendo máis o peso nas variedades autóctonas, sobre todo no comercio exterior. “Un dos piares nos que se sustenta este boom dos viños brancos no mundo está nas variedades autóctonas”, indicou o experto.

Nun repaso polas variedades brancas cultivadas en España, Hidalgo destacou que pouco máis do 4% dos viñedos brancos son de variedades estranxeiras. As castes foráneas representan en España apenas unhas 19.800 hectáreas. Un dato que valorou como moi positivo tendo en conta a importancia que están a cobrar as variedades autóctonas.

Jose Hidalgo

José Hidalgo durante a súa intervención nas xornadas sobre viños brancos organizadas polo GDR Ribeira Sacra Courel.

Hidalgo lembrou ademais a importancia que teñen os viñedos vellos e as posibilidades que poden chegar a ofrecer aos viticultores e adegas. Fíxoo lembrando o caso dunha das adegas de Rueda á que asesora e que atopou en vellas cepas de branco “un auténtico tesouro”, como el mesmo o cualificou.

As cepas vellas poden esconder ‘auténticos tesouros’ polo que debe valorarse ben a decisión de desfacerse daquelas plantas que co paso do tempo se volveron menos produtivas

A adega atopou documentación que aseguraba que uns dos viñedos vellos databan de 1900. Para confirmar este dato, xa que iso tamén implicaría que se trataba de cepas prefiloxera, decidiron someter a análises cinco cepas. As analíticas determinaron que todas elas eran Vitis vinífera, pero una delas ademais resultou ser unha variedade branca descoñecida. “Comparárona con todos os patróns xenéticos e non coincidía con nada do catalogado. Que mala decisión tería sido arrincar estas cepas, aínda que nun primeiro momento podería ser o máis lóxico, xa que son cepas pouco produtivas, con baixos rendementos por hectárea, pero que con todo tiñan outros valores”, reflexiona o enólogo.

Tendencias en viños brancos

Ao analizar as tendencias actuais que marcan a evolución do mercado dos viños brancos a nivel mundial, Hidalgo sinala que o consumo de viños brancos está a cambiar e o mercado americano, un dos principais consumidores dos viños españois, está a demandar fundamentalmente viños frescos, ácidos, aromáticos, pero cada vez buscan aromas máis atlánticos.

O mercado mundial está a demandar viños multivarietais. Aínda contando con variedades cunha gran identidade, como pode ser no caso de Galicia o Albariño ou o Godello, a tendencia nos mercados internacionais son os viños elaborados combinando variedades. “Os gustos americanos e do mercado anglosaxón están a cambiar. O estilo dos viños no mundo está a cambiar e temos que ver por onde van eses ventos para seguir esas tendencias”, recomenda Hidalgo.

Demándanse viños multivarietales e estanse abrindo camiño os viños de garda, en botella, fronte aos novos ou as crianzas nas que predomina a madeira

Tamén está a quedar desterrada a moda do consumo dos viños novos que, como recoñece o enólogo, foi provocada, en gran medida polas propias adegas, ao ofrecer e afacer ao consumidor para demandar este tipo de viños. Hidalgo apunta que moitas veces, non chegou a dárselle a oportunidade de evolucionar a moitos dos viños que se consomen xa como novos, pero que tamén ofrecen uns grandes resultados se se lles permite ese tempo para evolucionar. “Hai unha clara tendencia cara aos viños de garda, fronte ao consumo de viños novos”, sinala.

Tamén se están deixando de elaborar viños onde predominan os aromas dunha crianza centrada na madeira. “A crianza en madeira segue sendo importante para algúns viños, pero xa non se levan os viños onde predomina a madeira. Búscase que a madeira estea presente de forma sutil”, explica o enólogo. Por este motivo, está a optarse por empregar madeiras menos tostadas e formatos grandes para evitar que a madeira predomine.

Solos e climas para os viños brancos españois

Á hora de analizar o cultivo de variedades brancas en España, Hidalgo sinala dous factores determinantes: o clima e o solo, xa que condicionarán a obtención de viños de calidade. En base a estes dous criterios, en España poden recoñecerse diferentes zonas de produción de viños brancos.

Con solos silíceos, atopamos viños elaborados en climas continentais nas Denominacións de Orixe (DO) galegas (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra), así como as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Betanzos, Barbanza-Iria, Val do Miño, Ribeiras do Morrazo ou Terras do Navia, xunto cos viños elaborados en terras do norte de España como as DO Cangas, Liébana ou Cantabria. Tamén con solos silíceos, pero con clima continental atópanse os viños brancos producidos na Ribeira do Guadiana.

En solos calizos e arxilosos e clima continental atópanse os viños brancos da DO Rueda, producidos en Ávila, Segovia e Valladolid. Así como viños da Mancha, Navarra, Somontano ou o Val de Sadacia. Con este mesmo tipo de solo, pero nun clima oceánico prodúcense no País Vasco os viños Txakoli, das DO de Áraba, Guetaria e Biscaia.

Nun clima mediterráneo e con solos silíceos producen viños brancos no Condado de Huelva e Alella (Barcelona), en Xerez, en Penedés, Montilla- Moriles (Córdoba) ou en Valencia.

Ademais, Canarias achega cos seus brancos outra clara diferenciación ao producirse estes en solos volcánicos e cun clima subtropical.

tipo de solos _Viñedos en España

Tipos de solo nos que se cultiva viñedo na Península Ibérica.

Variedades brancas en España

En canto ás variedades de uva branca cultivadas en España, Hidalgo realiza un percorrido por algunhas das máis significativas, atendendo á superficie de viñedo plantado e ás propiedades dos viños que se obteñen:

Airén, é unha variedade destacada entre os brancos en España, xa que é a que maior presenza ten, cunhas 200.000 hectáreas cultivadas principalmente na zona centro da Península, en Castela – A Mancha e Madrid, así como en Andalucía, Murcia e a Comunidade Valenciana. Máis do 44% do viñedo de cepas brancas cultivado no país é desta variedade. Ata hai pouco era tamén a variedade con maior presencia no mundo, aínda que agora atópase en terceiro posto desta clasificación.

Foi unha variedade moi desprezada durante moito tempo, pero da que se están facendo elaboracións moi especiais, con viñedos vellos de secaño, dos que practicamente xa non quedan. “É unha variedade de moito volume, que ademais se plantou en zonas cunha gran produción, o que contribuíu a que se producise un círculo vicioso no que un prezo baixo levou a producir maior cantidade, pero sen preocuparse pola calidade, nunha espiral moi complicada da que está a tentar saír”, explica Hidalgo.

Caietana Branca, suma unhas 35.000 hectáreas, o que supón case o 8% das cepas brancas de España. Son cepas plantadas sobre todo en Estremadura, Castela-A Mancha, Andalucía, Madrid, Aragón ou A Rioxa.

Garnacha branca. Cultívase en todo o val do Ebro, da Rioxa ata Cataluña. Viños de gran potencia e lonxevidade en botella. “Na actualidade, e case sempre a partir de viñedos antigos, elabóranse con tecnoloxía moderna e mesmo fermentándoos en barrica, obténdose uns excelentes resultados, cuns viños dourados de gran froitosidade e potencia”, explica Hidalgo. Hai só unhas 3.100 hectáreas.

Albillo. A pesar de que apenas se contabilizan unhas 1.600 hectáreas deste viñedo en zonas do centro e noroeste de España, está a revalorizarse. “É unha das variedades de moda. En zonas como Ribera de Duero están a pagarse importantes cantidades de diñeiro por viñedos vellos desta variedade”, apunta o enólogo.

O Albariño, cóntanse unhas 6.100 hectáreas repartidas entre Galicia, Cantabria, Cataluña e Castela A Mancha. “Produce viños con aromas varietais moi intensos e de gran personalidade; en boca son viños secos, de gran corpo e equilibrado cunha acidez notable”, explica.

Godello. É unha das variedades con gran presenza en Galicia, pero que xa comeza a atoparse tamén noutras zonas, como o Bierzo ou en Cataluña. “Xa hai moitas adegas que están a se interesar por esta variedade fóra de Galicia, entre outros motivos pola lonxevidade que ofrece en botella, unha das súas virtudes. Poida que a uva de Godello non sexa tan expresiva como un Albariño, pero un bo Godello ten unha vida importante”, valora Hidalgo.

Hondarrabi Zuri. É unha variedade cunhas 750 hectáreas que se cultiva sobre todo no País Vasco, Cantabria, Navarra e Castela e León. A pesar da escasa superficie cultivada, está a ser moi apreciada en mercados exteriores. “É unha das variedades, que xunto co Albariño, está a triunfar no mercado de Estados Unidos. É unha variedade moi fresca e cunha boa evolución en botella”, indica o enólogo.

Macabeo ou Viura, é unha das variedades máis cultivada, cunha superficie de 56.000 hectáreas e que representa o 12% dos viñedos brancos. Os viñedos atópanse na zona centro de España, así como en Cataluña ou a Comunidade Valenciana. Os seus viños presentan boa acidez e son bastante equilibrados.

Palomino. É unha variedade moi estendida non só en Andalucía senón noutras zonas de España, entre elas Galicia, en parte debido á filoxera.

Verdello, producido nas zonas do centro de España, proporciona viños novos de excelentes caracteres sensoriais.

Entre os brancos que se cultivan en España tamén se atopan outras variedades presentes en distintas rexións como Pedro Ximénez, Parellada, Malvasía, Merseguera, Treixadura, Verdil, Moscatel, Xarello ou Zalema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información