Cal é o turno de corta óptimo no eucalipto nitens en Galicia?

Unha investigación analiza o impacto da fiscalidade á hora de elixir os periodos de corta da especie forestal que máis se está a plantar en Galicia

Cal é o turno de corta óptimo no eucalipto nitens en Galicia?

Cortas de eucalipto en monte. / Arquivo.

O turno de corta óptimo dunha especie forestal pódese considerar en base a distintos factores. O básico desde un punto de vista forestal é a idade á que a especie acada a máxima produtividade, tendo en conta turnos sucesivos de corta. Pero para o propietario forestal resulta máis interesante o turno de corta desde unha óptica económica, é dicir, valorando o rendemento neto que obtén, descontados investimentos e impostos a pagar. Iso é o que fixo un recente traballo coordinado polo enxeñeiro de montes Santos Arenas, que valora o turno de corta do eucalipto nitens en Galicia, a especie máis plantada na última década para a produción forestal, segundo os datos dos viveiros galegos.

A análise, pensada para eucaliptos destinados a trituración, toma en consideración tres calidades de produtividade da parcela: altura dominante do eucalipto nitens ós 6 anos de 18 metros (boa), de 14 metros (media) e de 10 metros (baixa). En función da calidade da parcela, a produtividade do eucalipto nitens pode oscilar en Galicia entre os 17 e os 40 metros cúbicos por hectárea e ano.

Nos tres escenarios determinouse o turno económicamente óptimo tendo en conta o tipo de propiedade e os impostos a pagar segundo o caso (IBI rústico, IVA, IRPF e Imposto de Sociedades). En canto ó tipo de propiedade, tivéronse en conta as tres seguintes: pequena propiedade particular de 1 hectárea, cun baixo nivel de profesionalización; de 10 hectáreas, que se beneficia dunha economía de escala en custos e prezos obtidos pola madeira; e monte veciñal, considerando que ten un mínimo de 10 hectáreas plantadas e se beneficia tamén dunha economía de escala.

Unha primeira conclusión do traballo é que o modelo de impostos en Galicia beneficia ó pequeno propietario forestal, en detrimento dos propietarios con maiores superficies e das comunidades de montes veciñais.

O modelo de impostos en Galicia beneficia ó pequeno propietario, en detrimento de agrupacións, montes veciñais ou grandes propietarios, o que non estimula a profesionalización da actividade forestal

O actual sistema de fiscalidade favorece sobre todo ós pequenos propietarios que poden combinar a estimación obxectiva por módulos para o IRPF e o réxime especial agrario para o IVE, o que non estimula a profesionalización da actividad forestal, segundo destacan os autores do traballo (Santos Arenas, profesor no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá; Roque Rodríguez, catedrático na Escola Politécnica Superior de Lugo (USC) e Luis Díaz, catedrático na Escuela de Montes de Madrid, UPM).

O efecto da fiscalidade é especialmente chamativo para montes veciñais e grandes propietarios, pois reduce considerablemente o rendemento económico da actividade forestal. O turno óptimo, non obstante, vese pouco afectado pola fiscalidade, incrementándose un ano nalgúns casos.

  • Parcelas de maior rendemento. O turno forestal óptimo sitúase nos 15 anos, pero tendo en conta os aspectos económicos e fiscais pasaría ós 16 anos para todo tipo de propietarios. Se se ten en conta o rendemento económico de infinitas rotacións sobre o mesmo terreo (a chamada solución de Faussman), o turno situaríase en cambio nos 13 anos.
  • Parcelas de rendemento medio. O turno forestal óptimo sitúase nos 17 anos, que é tamén no que se obtén o máximo valor neto tendo en conta custos e fiscalidade. Se se consideran as sucesivas rotacións, o turno baixaría ós 14-15 anos.
  • Parcelas de baixo rendemento, nas que a rendibilidade da plantación é moi escasa. O turno forestal óptimo está en 19 anos, que é aquel no que tamén se obtén o máximo valor neto. Tendo en conta os rendementos de sucesivos turnos de corta, o turno óptimo baixaría ós 17-18 anos.
  • Para os cálculos da análise, presentada no último Congreso de Economía Agraria celebrado en Lugo, considerouse un prezo constante da madeira -tomando como referencia datos de inicio do 2019-, así como idénticas produtividades nos sucesivos turnos. En caso de baixadas de prezos da madeira, os turnos óptimos de corta alónganse.

Fiscalidade

A fiscalidade grava en especial ós montes veciñais e proxectos conxuntos como as Sociedades de Fomento Forestal. Os montes veciñais están condicionados polo imposto de sociedades sobre os beneficios que non se reinvisten (25%) e no caso de repartir os beneficios entre os comuneiros, estes terán que tributar por incremento patrimonial no IRPF, podéndose estimar unha tributación media do 16%.

É algo similar ó que sucede coas agrupacións de propietarios particulares a través das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), que se ven perxudicadas na súa fiscalidade en comparación co pequeno propietario particular, o que desincentiva as agrupacións. Un traballo feito hai uns anos pola Asociación de Exbecarios da Fundación Barrié, publicado na revista Grial, cifraba nun 33% a fiscalidade que soportarían os propietarios nunha Sofor, en comparación co 8,6% que tería un pequeno propietario particular.

En canto ós propietarios particulares, o propietario de 10 hectáreas, ten que facer fronte ó IBI anual, que repercute nos seus custos, tributará ó IRPF por estimación obxectiva (módulos) e terá que facer declaracións de IVA

O mellor escenario corresponde ó pequeno propietario que tribute IRPF por estimación obxectiva (empeorará se o ten que facer por estimación directa) e que estea no Réxime Especial Agrario, pois non realizará declaracións de IVA (recibe compensacións do 12% na venda de madeira e tributa o 10% de Iva nos custos).

Economía de escala
Á hora de valorar as contas nos distintos tipos de propiedade, un factor que reequilibra parcialmente a balanza é a economía de escala da que se benefician superficies cun mínimo de 10 hectáreas, pois poden ver reducidos os seus custos operativos ata un 40%, segundo valoran os autores, e beneficiarse ademais dun aumento de prezo na madeira vendida en lotes de maior tamaño.

4 ideas sobre “Cal é o turno de corta óptimo no eucalipto nitens en Galicia?

  1. José

    El eucalipto es veneno para el monte. Hipoteca nuestro futuro. Galicia se convertirá en un desierto sino erradicamos esa plaga cuanto antes. Por favor, colaboren para que haya un futuro.
    Miles de años de caducifolias enriqueciendo nuestro sustrato para tirarlo todo por un poco de dinero.
    ¿Que van a heredar las futuras generaciones? Un país sin biodiversidad, un país más pobre.
    Quien envenena la tierra a sabiendas es un criminal.

    Contestar
  2. Suso

    Campo galego promociona a destruccion do campo galego?.
    Se queremos futuro non podemos seguir a promocionar estás prácticas salvaxes sobre o territorio.
    Decide a quen defendedes porque parecedes un spot publicitario de ENCE e demais empresas expoliadoras do territorio e non quen di defender e promocionar o campo galego. Pensar a curto prazo só o fan mentes curtas.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información