“Branco Lexítimo, Sousón e Caíño Longo son variedades minoritarias con potencial”

Entrevista a Emilia Díaz Losada, investigadora da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), na que se está a investigar as variedades minoritarias de vide.

Publicidade
“Branco Lexítimo, Sousón e Caíño Longo son variedades minoritarias con potencial”

Emilia Díaz Losada.

Emilia Díaz Losada, investigadora da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), participou nas xornadas Winetech Plus “Os novos camiños da viticultura e a enoloxía”, recentemente celebradas en Santiago de Compostela, cun relatorio sobre”As variedades minoritarias de vide en Galicia; a súa importancia cara o futuro. ¿Seguirán sendo minoritarias? “

Que potencial ten Galicia en variedades minoritarias de vide?
Neste temática estamos empezando e o traballo é longo. A nivel enolóxico e agronómico podemos ter datos de un ou dous anos, pero o potencial real destas variedades verase co paso do tempo.

Pero a diversidade toda que temos de videiras na EVEGA está a disposición do viticultor e a medida que as vaiamos estudando veremos cales teñen máis potencial.

Por exemplo, o ratiño é unha variedade que algunhas adegas queren utilizar, non ten unha composición aromática importante pero ten un equilibrio aproveitable.

Cales son as variedades minoritarias que vos sorprenderon máis?
En Galicia hai máis de 40 variedades minoritarias. Unha das variedades que máis nos sorprendeu foi o branco lexítimo, que agora xa está autorizada.

“Branco Lexítimo, Sousón e Caíño Longo son variedades autóctonas minoritarias con potencial”

Outras variedades con potencial a nivel de tintos son o Sousón, ou o Caíño Longo que, aínda que ten moita produción, cando o ano é bo é unha variedade moi aromática e interesante.

A nivel mundial a maior parte da produción está nunhas poucas variedades. ¿Que perigo pode supor isto?
Unha perda da diversidade. As variedades de vide podémolas conservar en bancos de xermoplasma, pero para coñecer realmente o seu potencial teñen que estar cultivadas. Se o viticultor non as planta nas fincas terémolas conservadas pero non se difundirán e iranse erosionando a nivel xenético.

Para que tipo de viños son máis recomendables estas variedades?
O que un viño se venda como monovarietal ou plurivarietal depende da caste de vide, do terroir e do que o consumidor quere. Neste sentido, se ben é certo que algunhas variedades minoritarias non son interesantes para facer viños monovarietais, sen embargo si que lle poden dar especificidade a un viño comercial, achegándolle por exemplo algo de acidez ou un composto aromático do que carecen as outras.

Unha das características das variedades de vide galegas é a súa alta acidez. ¿Coa selección de variedades que estades a facer na EVEGA vedes que isto se pode corrixir?
Vemos que se pode corrixir en certa medida, porque a variación clonal é unha variación intravarietal. Iso axudado coa colocación da variedade onde ten que estar pode mellorar os resultados.

Por exemplo, está claro que nas Rías Baixas a acidez do viño cabe esperar que sexa maior que no Ribeiro. Poderemos conseguir que dentro dunha variedade un clon presente un nivel máis baixo de acidez, pero quizás non tanto como se trasladamos a variedade a unha zonas con mellores condicións de maduración para obter viños de menor acidez.

As variedades de vide autóctonas son máis resistentes ás enfermidades?
Hai que poñelo entre comillas porque as nosas variedades non deixan de ser Vitis vinífera. Si que hai algunhas variedades autóctonas que resisten mellor, pero non ao 100%. Hai que ter claro que as condicións ambientais son as determinantes no desenvolvemento dos fungos, e que en maior o menor medida as variedades son sensibles a estes.

“Pode comercializarse un cruce dunha variedade resistente cunha variedade nosa”

Como valoras as investigacións sobre novas variedades híbridas resistentes a enfermidades?    Son partidaria da innovación e está claro que ese é un camiño, aínda que moi longo, pero é realmente o que o viticultor veu facendo dende hai moitos anos: seleccionar das hibridacións naturais aquelas que mellor lle respondían. Incluso, co tempo pode que se cultive algunha variedade que resulte dun cruce natural entre unha variedade resistente cunha variedade nosa.

Creo na innovación e por diversos camiños podemos chegar ao mesmo obxectivo. É dicir, o outro camiño é estudar a diversidade das nosas variedades autóctonas podemos chegar a atopar variedades menos sensibles ao mildeu ou ao oídio, non ao 100% pero si cunha alta resistencia.

Hai algunha liña de investigación na EVEGA nese sentido?
Non. Neste momento non se están a facer hibridacións, non temos capacidade de persoal, aínda que si de medios, para poder iniciar esa liña de investigación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información