A biomasa que ninguén quería atopa destino

O grupo de innovación ‘Biofore Plus’ está a traballar no aproveitamento de biomasa forestal que a penas tiña saída, como a acacia ou madeira nova queimada. Estudan como recollela no monte e posibles destinos, como biochar (carbón vexetal), abono ou a súa valorización enerxética

A biomasa que ninguén quería atopa destino

Masa de acacias. / Arquivo.

A optimización do aproveitamento da biomasa forestal residual en Galicia é un dos horizontes principais do grupo de innovación ‘Biofore Plus’. Os seus obxectivos céntranse en mellorar a recollida da biomasa residual en monte e en buscarlle usos axeitados, como a elaboración de abonos, de biochar (carbón vexetal) para gandería ou a valorización enerxética. Un dos casos particulares que abordaron é o da acacia, unha especie invasora que carecía en Galicia de usos industriais e á que lle ven un gran potencial.

A acacia e a optimización da súa xestión
Galicia é un territorio no que se fai un control puntual coa acacia, pero como explica Erika Martínez, coordinadora do grupo de innovación de ‘Biofore Plus’, “non se está facendo unha xestión da biomasa da acacia nin unha valorización posterior da mesma”. A pesar disto, ‘Biofore Plus’ está vendo que as potencialidades de cara a valorización da acacia son moi prometedoras. Neste sentido, a coordinadora do grupo de innovación sinala que “a posta en valor enerxética está centrada na biomasa de eucalipto e de piñeiro, pero a acacia presenta mellores cifras en canto a poder calorífico que o eucalipto, aínda que inferiores ó piñeiro”.

Martínez explica que “non vimos nada ata o momento que puidera limitar o seu uso, nin na valorización enerxética, nin na súa valorización como compoñente para biochar”.

A porcentaxe de impurezas que xera é outro dos puntos a favor da biomasa de acacia. Erika Martínez pon en valor que “a porcentaxe de impurezas é inferior que a do eucalipto e o piñeiro”. Unha vez finalizada a súa combustión o nivel de residuos que deixa é menor, polo que “se estima que o traballo posterior de mantemento das caldeiras tamén sería mellor”.

Recollida de biomasa en monte. / Arquivo.

Recollida de biomasa en monte. / Arquivo.

A vantaxe diferencial que pode aportar a biomasa de acacia non depende tanto do produto final como do proceso de xestión e empacado en orixe. Para chegar a un bo resultado é necesario evitar mesturar a biomasa con impropios do chan. “Se ti vas a un monte, cortas a biomasa e a deixas no chan, logo ao recollela para un camión vai levar unha gran cantidade de terra e pedras, deixando unha porcentaxe de restos no produto ao que se destine” explica a coordinadora de ‘Biofore Plus’. Para evitar isto e optimizar a xestión da biomasa, tanto de acacia como residual, a biomasa non debe tocar o chan.

“A vantaxe que conseguimos xestionando a biomasa forestal sen que apoie no chan e un número moito menor de impurezas” (Erika Martínez)

Outros aproveitamentos
Ademais da investigación na mellora de xestión da acacia, ‘Biofore Plus’ realizou probas prácticas intentando dar solución a outros dous escenarios reais latentes nos montes galegos: masas forestais queimadas a masas con reducidos crecementos por mor de pragas.

Para o aproveitamento da madeira queimada, nun primeiro momento experimentouse coa súa aplicación directamente sobre foxas de xurro, pois considerábase un método de interese para mellorar a retención de gases contaminantes. O resultado non foi de todo positivo, segundo afirma Martínez, xa que “a materia prima compostou co xurro, sen apenas absorcións de amoníaco ou nitróxeno”. Este factor levou ao grupo a abordar a elaboración de biochar (carbón vexetal) para aplicar nas fosas de xurro, a partir “da finalización do proceso de combustión, por así dicilo, da madeira queimada”.

Outros usos viables para a biomasa, ben queimada, residual ou de acacias, é a súa compostaxe, para aplicar como emenda orgánica no agro ou no monte.

Dificultades na xestión de biomasa residual
Os obstáculos aos que enfrontarse con este tipo de materiais forestais están directamente relacionados coa súa xestión “tanto porque en zonas de monte que están ben traballadas e correctamente xestionadas é complicado que se desenvolvan especies invasoras e que cheguen a ser un problema, como porque en zonas onde si hai acacias, o terreo é moi pendente ou con moita pedregosidade”, detalla a coordinadora Erika Martínez.

Ademais é necesario engadir que ao ser un tipo de masa forestal non utilizada habitualmente para biomasa, non hai moitos cabezais adecuados para a maquinaria forestal. Desde ‘Biofore Plus’ fixeron ensaios pioneiros a nivel mundial e de cara ó futuro, a terceira fase do proxecto busca dar con directrices máis concretas que permitan definir as mellores solucións técnicas. Os novos horizontes son “afinar e ir materializando partes do proxecto ata facer algunhas presentacións, que calculamos datalas para o último trimestre de 2023”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información