Bico de Xeado, Innolact, Torre de Núñez, Vegalsa Eroski e a Aula de Produtos Lácteos, premios Galicia Alimentación 2020

O Clúster Alimentario de Galicia recoñece este cinco empresas e proxectos na sexta edición dos seus galardóns. Tamén premia a traxectoria de David Corral, de Mieles Anta, e Juan A. Vázquez, director xeral de Martín Códax

Bico de Xeado, Innolact, Torre de Núñez, Vegalsa Eroski e a Aula de Produtos Lácteos, premios Galicia Alimentación 2020

Premiados durante o acto de entrega celebrado na Cidade da Cultura, en Santiago.

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) acaba de celebrar a sexta edición dos seus Premios Galicia Alimentación 2020 cos que recoñece sete proxectos, compañías e persoas que destacaron ao longo deste ano pola súa traxectoria no ámbito da alimentación. Coa entrega de premios Clusaga clausuraba o seu V Foro Galicia Alimentación, co que conmemora, ademais, o seu décimo aniversario e que se celebrou de forma telemática.

Os VI Premios Galicia Alimentación 2020, en cambio, tiveron lugar de forma presencial, na xornada do xoves na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O presidente de Clusaga, Juan José de la Cerda, felicitou durante a súa intervención aos premiados, aos que responsabilizou “do fortalecemento, potenciación e crecemento do sector alimentario” nos últimos anos. De la Cerda incidiu en que, a pesar da situación sanitaria do Covid-19, “desde o Clúster queriamos que estes Premios Galicia Alimentación servisen para insuflar alento a un sector que este ano se deixou a pel”, valorou.

“Durante o confinamento, as compañías dedicadas ao sector da alimentación foron cualificadas como esenciais e se algo nos deixou claro esta pandemia é, precisamente, que somos imprescindibles e esenciais os 365 días do ano”, explicou.

Os premiados

Nesta sexta edición, O Clúster Alimentario de Galicia recoñeceu 5 empresas e proxectos nas categorías de produto innovador, estratexia de mercado e internacionalización, proxecto empresarial e proxección do sector alimentario e as bebidas.

Na categoría produto innovador premiou á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, máis coñecida como Bico de Xeado. O xurado puxo en valor que a empresa elabora “produtos premium de alta calidade, artesáns e adaptados ás tendencias de consumo cun formato e presentación coidada e cunha estratexia de comercialización baseada nunha rede propia de puntos de venda con tendas propias e distribución en hostalaría”.

A Marca Quescrem, da compañía Innolact, resultou ser a outra firma premiada polo lanzamento do primeiro kéfir para untar do mercado. Neste caso, o tribunal destacou o seu “posicionamento en saúde, cos beneficios na saúde dixestiva e por ser un produto 100% natural sen aditivos. Un artigo adaptado ao estilo de vida e necesidades nutricionais dos consumidores con formatos adaptados aos novos tipos de fogares e con gran funcionalidade e versatilidade”.

Na categoría estratexia de mercado, o premio foi para a campaña Unha homenaxe aos nosos maiores de Torre de Núñez, unha iniciativa que se converteu nun recoñecemento a un dos grupos máis vulnerables durante a emerxencia sanitaria do coronavirus.

Vegalsa Eroski resultou premiada na categoría proxecto empresarial. Os membros do xurado apuntaron a súa “política de responsabilidade social empresarial e a súa aposta polo produto e provedor local, promovendo o desenvolvemento socioeconómico da contorna e a construción dunha cadea de subministración sustentable”.

Na sección proxección do sector alimentario e bebidas, Clusaga decidiu distinguir á Aula de Produtos e Tecnoloxías Alimentarias. Nesta categoría extraordinaria, o xurado seleccionou a esta plataforma científico-tecnolóxica da Universidade de Santiago de Compostela, que en tres décadas de traballo, converteuse nun centro de referencia en i+D e innovación no sector lácteo a nivel nacional e internacional.

Así mesmo, Clusaga concedeu dous premios honoríficos. Por unha banda, o Clúster quixo distinguir a título póstumo a David Corral, fundador de Mieles Anta, que conta cun equipo de máis de 20 persoas e alcanza as 300 toneladas de produción. Estes datos colocan á empresa lucense na principal produtora de mel de Galicia e a primeira exportadora de España.

O outro dos premios honoríficos foi para Juan A. Vázquez Gancedo, director xeral de Adegas Martín Códax. Vázquez Gancedo foi, ademais, socio fundador de Clusaga e ocupou o posto de vicepresidente durante cinco anos e o de presidente durante outro catro. Na actualidade, segue vinculado ao Clúster Alimentario de Galicia como vogal da xunta directiva.

Á entrega de premios asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, así como o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro de Medio Rural, José González; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luís Cabarcos.

V Foro Galicia Alimentación 2020

Durante o foro, que se realizou de forma telemática, analizáronse, entre outras, cuestións como a transformación e o futuro do sector alimentario tras o Covid-19, a innovación e comercialización no ámbito da alimentación, a sustentabilidade na cadea de valor e as tendencias globais. Tamén se analizaron as tendencias de consumo na restauración ante o novo perfil do consumidor ou a alimentación sustentable.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información