Balance de Agaca na súa asemblea anual

Agaca presenta na súa asemblea xeral un balance global negativo para os produtores debido ó incremento dos custos de produción. Na xornada o actual director xeral Cooperativas Agro-alimentarias de España, Agustín Herrero, próximo a xubilarse, despídese dos cooperativistas galegos

Balance de Agaca na súa asemblea anual

Instante da celebración da asemblea xeral de Agaca celebrada este venres en Compostela.

La Asociación Galega de Cooperativas Agro-alimentarias (Agaca) celebrou esta mañá, en Santiago de Compostela, a 34 edición da súa Asemblea Xeral na que participaron como convidados, o actual director xeral de Cooperativas Campo-alimentarias de España, Agustín Herrero, que está a piques de xubilarse e o seu sucesor no cargo, Gabriel Trenzado que informou sobre os Ecoesquemas da PAC.

A asemblea transcorreu na normalidade en canto á aprobación das contas anuais e resultados do exercicio do 2021, pero o resumo da Memoria de Actividades amosa que foi un ano de recesión para o agro galego pola escalada de prezos dos custos de produción. Tal e como indican dende Agaca, ós produtores estalles resultar imposible trasladar este incremento dos prezos á cadea alimentaria, debido á posición oligopolista da gran distribución, pese a que os produtores foran cualificados como esenciais durante a pandemia.

Sector gandeiro

O leite e as carnes en xeral, sufriron un pésimo ano de rendementos económicos soportando unha situación inflacionista espectacular onde cada partida de gastos se viu incrementada (no caso dos fertilizantes máis que duplicada).

Todo incrementou o seu valor: as materias primas de alimentación animal e os pensos; en consecuencia, a luz, os carburantes, o ferro e os materiais básicos das instalacións a repoñer, os fertilizantes, mesmo os salarios do persoal contratado, os servizos técnicos, o transporte…

Cara a finais do ano 2021 algúns dos prezos de alimentos comercializados polos gandeiros comezaron unha leve recuperación, desigual, con dentes de serra e nada estable a medio prazo. Dende Agaca alertan que o leite e as carnes seguen a ser, xunto con algún produtos de horta como as leitugas, produtos reclamo da gran distribución, para os que desenvolven estratexias de banalización dos produtos consentidas polas autoridades.

“Un ano máis houbo perdas claras de rendas pola política económica imposta polos oligopolios da distribución, que provocou unha caída de rendas e de marxes económicas netas, mentres se segue agardando por unha lexislación efectiva que impida a tradicional destrución de valor que practican os últimos elos da cadea”, valoran en Agaca.

O porcino foi o subsector que proporcionalmente máis renda perdeu, sendo duramente castigado polas caídas das exportacións a China, ademais da carestía brutal dos custos de produción.

A carne de polo e a avicultura en xeral tiveron un ano malo con máis vales que picos, que a inflación dos pensos acabou de castigar. Máis estable se comportou a carne de coello, pero cuns custos de produción desbocados que terminaron de penalizar as rendas en relación co ano anterior.

O vacún de carne comezou a recuperar prezos prepandemia lentamente no segundo semestre do ano, sen lograr compensar a elevación dos custos de produción. “O vacún de carne de Galicia é un sector que necesita de urxencia cambiar, pois son varios anos en declive continuo, con prezos que non acaban de despegar”, indican. Ademais, preocupa que os prezos dos animais da IXP Ternera Gallega reduciron a achega de valor ao resto de animais. “Urxe xerar valor para frear o declive produtivo do sector”, apuntan.

Sector agrícola

O sector agrícola resultou substancialmente mellor que o gandeiro. A produción e comercialización de viño viuse inicialmente afectada pola pandemia a causa das caídas de vendas na restauración. Con todo, o 2021 pasará globalmente coma un dos mellores anos do sector de viño de Galicia: houbo axilidade comercial na resposta á crise que pronto atopou na alimentación, e mesmo na exportación unha vía de escape que reduciu os efectos económicos da pandemia. A mediados de ano comezaba a escasear o viño galego nos mercados nacionais e internacionais, o que animou os prezos de venda.

“Ao final, para o sector do viño (con gran presenza de cooperativas) podemos afirmar que foi un bo ano onde melloraron os prezos de comercialización, tanto da uva como do viño. Subiron os custos (laborais, dos fertilizantes, a reparación de parras, luz…), porén, a mellora dos prezos de venda do individuo viticultor e da adega compensaron suficientemente o incremento dos custos”, valoran en Agaca. Ademais, 2021 foi un ano de boas colleitas, polo que globalmente o crecemento das rendas medias do sector foi importante.

Na produción de horta, que leva varios anos en cifras globais positivas, o 2021 tamén foi favorable: melloraron lixeiramente os prezos medios (arredor do 4%) e as producións, provocando unha compensación coa escalada de custos de produción. De media estabilizáronse as rendas de explotacións produtoras, o que supón un bo resultado se se compara co doutros sectores.

O subsector de flor e planta viva, que tivo un ano 2020 tan malo coma os sectores gandeiros máis afectados, mellorou substancialmente no ano 2021, acadando os niveis previos á pandemia. Aínda que os custos subiron, as entidades produtoras puideron acercarse ás rendas do ano 2019, despois dun ano 2020 totalmente desastroso en termos económicos.

O mel manifestou un comportamento globalmente positivo no exercicio, pero segue estando atacado e perseguido polas diferentes pragas de difícil control (vespa velutina…) e que reduce os volumes agardados.

Agaca tamén destacou ‘o excelente traballo’ desenvolvido polas cooperativas de subministración e servizos: fábricas de penso, almacéns de venda de alimentación, fertilizantes, plásticos…, así como as cooperativas con prestación de servizos ás persoas socias: servizos veterinarios, agronómicos, seccións de crédito, de maquinaria etc. “Estas cooperativas, sempre vinculadas cos sectores produtivos, tiveron unha actividade e un exercicio difíciles pois deberon afrontar a escalada de prezos internacionais. Hoxe, o sector agroalimentario galego é coñecedor da importancia que supón dispoñer dunha rede de empresas ao servizo de gandeiros e gandeiras que fomentan a competitividade e a redución dos custos de produción. Sen esta rede de empresas cooperativas os custos de produción nunca serían os máis reducidos do Estado”, valoran en Agaca. Tamén apuntaron que a boa campaña forraxeira do 2021, con incremento de producións e de calidade, resultou clave para conter, aínda que fose minimamente, a escalada dos custos de produción nas granxas, especialmente as de vacún.

Como sinalaron durante a asamble xeral, o ano 2021 foi un ano de recesión global de rendas no agro galego, ante a forte escalada dos custos de produción. Con relación á evolución da renda media de profesionais da agricultura e da gandería galega, esta foi claramente negativa en relación á media dos do resto de España onde hai moita máis presenza agraria que gandeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información