Baixada xeral dos prezos do gando en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha redución xeral das cotizacións tanto dos becerros de recría, coma dos carniceiros e do vacún maior. As mesas do porcino e os ovos continúan sen cambios

Baixada xeral dos prezos do gando en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia–Abanca experimentou este martes unha baixada xeral dos prezos. As reducións producíronse en boa parte das categorías da recría, becerros carniceiros e do vacún maior, aínda que tamén houbo excepcións á alza. Na mentres, as mesas de porcino continúan unha semana máis sen cambios e tamén se manteñen sen variacións os ovos.

En concreto, nos becerros de recría as baixadas foron xerais. A única excepción produciuse nos tenreiros frisóns de menos de 20 días, que experimentaron unha suba de 15 euros ata acadar os 85 euros de media. Nos becerros de entre 20 e 50 días, houbo unha baixada de 12 euros polo que se cotizan a 90 euros. Nos animais de máis idade, os de máis de 50 días, a redución foi de 3 euros e quedan nun valor de 129 euros.

Semellante sorte tiveron os becerros de cruces industriais. Nos animais de menos de 20 días, a baixada foi de 14 euros e pasan a 250 euros. Nas femias desta sección a redución foi de 51 euros e véndense a 122 euros. Nos becerros de 20 a 50 días, produciuse unha baixada de 3 euros ata os 262 euros no caso dos machos e nas femias, tralo mesmo desconto, o prezo medio sitúase nos 174 euros. Nos becerros de máis de 50 días, os machos reduciron o seu valor en 22 euros, ata os 387 euros. As femias cotízanse a 254 euros ó descontar 29 euros.

Nos becerros carniceiros de cruces industriais houbo unha baixada de 39 euros, polo que pasan a cotizarse a 831 euros. As femias desta categorías experimentan un incremento de 119 euros e acadan os 721 euros. Nos exemplares de Rubia Galega houbo unha suba de 46 euros para os machos, de xeito que agora se sitúan nos 955 euros de media. As femias desta raza reduciron o seu prezo en 83 euros e cotízanse a 746 euros. O único exemplar de raza Frisoa vendeuse a 404 euros. Nos animais que contaran co selo Ternera Galega Suprema tiveron un valor medio de 961 euros, 30 euros máis que a semana pasada.

A tendencia á baixa tamén se notou no vacún maior. A única excepción produciuse nas vacas de primeira, que incrementaron o seu valor en 75 euros para quedar nos 1.175 euros. Nas vacas de segunda houbo unha baixada de 11 euros polo que acaban en 712 euros de media. O prezo das vacas de desvelle situouse esta semana nos 434 euros, logo de descontar 12 euros. Tamén as vacas da categoría Extra caeron 7 euros e adxudicáronse por un prezo medio de 1.797 euros. O único exemplar de Vaca e Boi de Galicia vendeuse por 1.802 euros, 693 euros por encima do marcado na feira anterior.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacuno-13_10_2020-

Sen cambios no porcino

As mesas de negociacións do porcino mantivéronse esta semana de novo sen cambios. Deste xeito, o porco cebado da categoría selecta está a 1,325 euros o quilo, mentres que o normal se atopa a 1,3 euros. Nos Canal II o prezo medio é de 1,688 euros por quilo e os exemplares de desvelle cotízanse entre os 0,47 e os 0,53 euros.

Nos leitóns, os animais procedentes dunha única gandería continúan asentados nos 35 euros, situándose a 1,75 euros por quilo. Nos exemplares procedentes de varias granxas, o prezo por quilo é de 1,5 euros e por animal acada os 30 euros.

O mercado do ovo afronta esta semana tamén sen variacións. Así, os ovos da XL cotízanse a 1,52 euros a ducia, os da L atópanse a 1,12 euros, os da M están a 0,94 euros e os da S véndense 0,78 euros.

As galiñas de desvelle semipesadas, as situadas entre os 2,1 e 2,2 quilos, están nun valor entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello experimentou esta semana unha suba de 0,15 euros e sitúase nos 2,15 euros por quilo.

central-agropecuaria-de-galicia-porcino-13_10_2020-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información