O vacún maior mantivo esta semana a tendencia á alza na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca con subas en case tódalas categorías. Nos becerros de cebo a tendencia foi a baixa, ao igual que nos de recría, nos que case non houbo subas nos prezos de referencia.
En canto á afluencia de gando, polo recinto pasaron un total de 1.086 animais, dos cales foron adxudicadas un total de 1.024 cabezas; tamén son cifras menores que na pasada semana.
Prezos do vacún
Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, mantiveron o prezo en 63 euros. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días tiveron un valor medio de 110 euros (+ 11). Os becerros pintos de máis de 50 días acadaron unha suba de 31 euros, o que deixa un prezo de referencia de 180 euros.
Nos becerros de recría de cruces industriais, a tendencia xeral foi á baixa, agás nas femias de máis de 50 días. Así, nos machos de 15 a 20 días a baixada foi de 15 euros e cotízanse a 358 euros; nas femias foi de 56 euros e quedouse en 183 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 376 euros, logo dunha baixada de 27 euros con respecto da feira anterior. Nas femias desta categoría o descenso foi de 14 euros e quedan cun valor de referencia de 251 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos rexistraron unha caída de 19 euros e pasan a cotizarse de media a 516 euros, mentres que as femias tiveron un aumento de 34 euros e sitúanse nun valor medio de 409 euros.
No caso dos becerros de cebo houbo unha oscilación nos prezos. Nos machos de cruces industriais rexistrouse unha baixada de 24 euros con respecto do prezo medio da semana pasada, e o prezo de referencia foi de 934 euros. Nas femias produciuse un aumento de 20 euros e acadan un valor medio de 886 euros. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.106 euros, ó rexistrar unha caída de 53 euros. As femias desta raza están nos 919 euros, logo dun descenso de 44 euros con respecto da semana anterior. Pola súa banda, os de raza frisón cotízanse a 895 euros (+41) e as femias tiveron unha gran caída (-628) quedándose nos 177 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 1.105 euros (-70 euros).
No vacún maior a tendencia foi á alza, agás nos animais de da categoría extra, que descontaron 77 euros con respecto da semana anterior e quedan cun valor de referencia de 2.084 euros. Pola súa banda, as vacas da categoría primeira tiveron un prezo medio de 1.167 euros, o que amosa unha suba de 11 euros. As vacas de segunda experimentaron un incremento de 19 euros e quedan nos 750 euros. Os exemplares de descarte cotizáronse a un prezo medio de 482 euros, o que supuxo un aumento de 52 euros con respecto da semana pasada. No caso dos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia foi de 2.244 euros (-922 euros).
Estabilidade nas mesas de prezos
Esta semana o porco cebado mantense de novo estable, mentres, os leitóns seguen á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de canle II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.
Os leitóns experimentaron un incremento de 1 euros para ambas as categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 98 euros (cun prezo de 4,9 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 93 euros e cun prezo por quilo de 4,65 euros.
O mercado do ovo presentou lixeiras baixadas esta semana. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,90 (-0,03) euros a ducia, os da L están a 2,34 euros (-0,03), os da M están a 2 euros (-0,02) e os da S a 1,70 euros a ducia (-0,02). As galiñas de desvelle semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo, segundo a última Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun), do pasado 18 de xaneiro.