Este luns publicouse no Boletín Oficial Provincia (BOP) de Lugo as bases do Ben Empregado 4, máis social. Polo tanto, dende este martes ábrese o prazo para que empresas e colectivos sen ánimo de lucro, todos eles da provincia, soliciten axudas para contratar a novos traballadores, que serán sempre desempregados lucenses.
O Goberno Provincial dotou a este plan de 2,2 millóns de euros, que permiten chegar a un mínimo de 150 entidades e asociacións e xerar outros tantos novos postos de traballo na provincia.
Desta forma, e dende este martes 26 de setembro, e durante 15 días hábiles (agás as fins de semana e os festivos), pequenas e medianas empresas, autónomos e colectivos lucenses poderán solicitar axudas de ata un máximo de 22.000 euros coas que asumir, durante 1 ano, os custos pola contratación de novos traballadores, que serán en todos os casos desempregados da provincia.
“Deste xeito, dende este Goberno Provincial buscamos cumprir cun dobre obxectivo: combater a taxa de paro na provincia, xerando postos de traballo de calidade ao incorporar cláusulas sociais nos contratos para salvagardar ou mellorar os dereitos laborais dos traballadores; e tamén contribuír ao desenvolvemento da actividade do tecido empresarial e asociativo da provincia na procura da dinamización da economía lucense”, asegura o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos.
3 liñas de financiamento
Os solicitantes poden optar a 3 liñas de financiamento: do 100%, do 90% ou do 50%.
– A Deputación de Lugo asumirá a totalidade dos custos laborais dos traballadores, concedendo ás entidades ou colectivos o 100% da axuda, cando contraten a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. Por exemplo, veciños con dificultades físicas ou psíquicas ou vítimas de violencia de xénero, entre outras.
– O ente provincial asumirá o 90% dos custos laborais de novos traballadores en xeral cando sexan contratados por entidades sen ánimo de lucro.
– E a Deputación asumirá o 50% dos custos laborais de novos traballadores en xeral cando sexan contratados por empresas da provincia.
Requisitos
Poden participar no Ben Empregado 4 todas as entidades e asociacións lucenses agás aquelas empresas que contasen con axudas das anteriores edicións desta programación e, rematada esta, non mantivesen aos traballadores nos postos de traballo xerados; ás que realizasen despedimentos improcedentes nos últimos 12 meses; ás que fosen condenadas por sentenza xudicial firme sobre despedimentos improcedentes ou expedientes sancionadores nos últimos 3 anos; ou ás que renunciasen a subvención do Ben Empregado doutras edicións unha vez seleccionado ao persoal sen tan sequera contratalo durante o período legal de proba.
Obrigas
Pola súa parte, a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, apunta que as obrigas das entidades e colectivos que resulten beneficiados son: aceptar o traballador asignado pola Deputación e mantelo no seu cadro de persoal durante un período mínimo de 12 meses de duración; manter o cadro de persoal, incluíndo aos anteriores traballadores das edicións do Ben Empregado, durante a vixencia deste programa; facilitarlle ao contratado os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas tarefas; ou achegar ao organismo provincial nos primeiros 10 días do mes a nómina e xustificante de pago do traballador correspondente.
Solicitudes
As entidades e colectivos sen ánimo de lucro da provincia interesadas en participar nesta 4 edición do Ben Empregado deberán presentar no rexistro da Deputación a documentación que se atopa www.deputacionlugo.gal. Concretamente, no espazo habilitado do Ben Empregado, onde figurarán os anexos I ao X con toda a información.
As empresas e colectivos sociais que resulten beneficiados poderán solicitar un anticipo ata o 80% da axuda. Tanto na web da Deputación como no Taboleiro de Anuncios publicaranse os requirimentos de máis información durante o proceso de resolución das subvencións.
Preto de 650 novos empregos
Coas 3 primeiras edicións do Ben Empregado, o Goberno Provincial leva xerado polo de agora un total 644 novos empregos. Co Ben Empregado 1, que é o único que está pechado, xerou 234 postos de traballo, que ocuparon 130 son homes e 104 mulleres da provincia. A inserción laboral desta primeira edición, é dicir, o número de persoas que seguen a traballar logo de rematar a subvención da Deputación, é do 30%, que representa a preto de 70 lucenses.
Co Ben Empregado 2, cando queda un 20% de empresas ás que adxudicar traballador, leva xerado ata o de agora 287 empregos, que ocupan 168 homes e 119 mulleres da provincia. Á espera de finalizar esta edición, a inserción laboral, polo de agora, é dun 25%, que representa a máis de 65 persoas que seguen a traballar rematado o período subvencionable.
Co Ben Empregado 3, cando todos os luns se seguen a ofrecer novos postos con esta programación na Bolsa de Emprego en www.deputacionlugo.gal, son ata o momento 123 os desempregados lucenses que traballan agora.