A Asociación de Asesores Rurais de Galicia organiza unha xornada formativa este mércores en Lugo

A Asociación de Asesores Rurais de Galicia organiza este mércores unha xornada formativa aberta a todo o público que poida estar interesado nos cambios normativos en relación coa ordenación bovina e nas novidades do rexistro de usos autorizados de produtos fitosanitarios e na futura aplicación do Caderno Dixital.

As xornadas enmárcanse dentro da celebración da Asamblea Xeral Ordinaria, que a asociación celebra no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (Campus Terra).

A Xunta Directiva considera fundamental seguir apostando pola formación dos asesores rurais que integran o colectivo, un dos principais obxectivos que persegue a asociación, pioneira a nivel nacional no desenvolvemento dos AKIS, siglas en inglés dos Sistemas de Coñecemento e Innovación en Agricultura (SCIA), que comprende a organización combinada e transferencia de coñecemento entre as persoas, organizacións e institucións que empregan e xeran saber para o seu uso no ámbito agrogandeiro.

“A nosa Asociación é a única entidade que representa ao asesoramento agrario non comercial, e que desempeñan un papel fundamental no traballo diario cos nosos/as agricultores/as e gandeiros/as a través das propias entidades de aconsellamento, cooperativas, sindicatos agrarios ou pequenas consultorías técnicas de índole autónoma na que traballamos como profesionais libres. Somos unha peza fundamental no motor técnico da profesionalización agraria en Lugo e de toda Galicia”, indica Elena Piñeiro, a presidenta da Asociación.

“Tivemos oportunidade de participar activamente nos grupos de traballo de desenvolvemento do metodoloxía AKIS, a través do órgano de coordinación a nivel estatal, e tamén no ámbito europeo dentro da rede i2CONNECT, plataforma que traballa para impulsar as competencias dos/as asesores/as e as súas organizacións para involucrar e apoiar aos agricultores e aos silvicultores en procesos de innovación interactivos en toda a Unión Europea. O ano pasado colaboramos igualmente no proxecto KICAP, impulsado dende a Fundación Juana de Vega para aproveitar as oportunidades da PAC dentro do contexto galego”, afirma Elena.

Dende a Asociación tamén se organizaron actividades formativas co apoio da área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao longo de todo o pasado ano, que permitiron afondar no desenvolvemento dos plans de abonado, para coñecer a nova normativa legal que permita a adaptación para levar a cabo unha nutrición sostible nos chans agrarios, así como cursos da aplicación Xeaga, e da propia aplicación informática que desenvolverá o decreto do caderno dixital en Galicia.

Tamén poideron coñecer como se realiza o traballo de asesoramento na rexión de Baviera, a través dun programa de intercambio que lles permitiu reflexionar sobre o seu propio traballo de asesoramento, coñecer os sistemas, métodos, medios, ferramentas útiles, ideas de proxectos, etc.., que se aplican noutras rexións da UE e que poidesen ser transferidos á área e rexión de cada un.

Dende a Asociación apoian as reivindicacións de todo o sector encamiñadas a propoñer un alivio da carga burocrática pola aplicación da normativa europea a nivel local, e que propicien unha simplificación administrativa nos procedementos vencellados a toda a metodoloxía de traballo no ámbito do asesoramento agrario.

PROGRAMA DA XORNADA FORMATIVA E DA ASAMBLEA XERAL ORDINARIA:

Día 28/02/2024 – CHARLAS E ASAMBLEA XERAL
9:30-10:30 h. POÑENCIA DE DE SANIDADE ANIMAL: “Os cambios normativos en relación coa ordenación bovina (bioseguridade, formación, medicamentos, etc..) e a plataforma SIGE”.

Poñente: D. JESUS CANTALAPIEDRA ALVAREZ. Doutor en Veterinaria. Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

10:30-12:30 h. POÑENCIA DE SANIDADE VEXETAL

“Normativa e marco legal do asesoramento fitosanitario. Rexistro de usos autorizados en fitosanitarios: onde consultar e novidades do rexistro. Novas datas de Caderno de Explotación Dixital e novidades Axenda 2030.”

Poñentes:

Dª. ÁNGELES ESTEVEZ ALONSO. Xefa de sección do Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense.
Dª. DIANA GONZALEZ FERNANDEZ. Xefa da Área de Sanidade Vexetal en Santiago de Compostela.
D. VÍCTOR NOVO VÁZQUEZ. Xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal en Santiago de Compostela.

13:00- 14:00 ASAMBLEA XERAL (só para os/as socios/as)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información