Os gandeiros galegos iniciaron esta noite un bloqueo ás industrias lácteas instaladas en Galicia para demandar uns prezos xustos do leite que lles cubran os costes de produción. O bloqueo comezou con varias industrias lácteas da provincia da Coruña e de Pontevedra e prevén que ao longo de mañá se estenda ao resto de Galicia.
A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, que está a coordinar as mobilizacións, tamén ten previsto estender o bloqueo a plataforma loxística de GADISA e á de VEGALSA-Eroski. O de DIA levantárono despois de que a empresa ameazase con despedir aos 120 traballadores da súa planta en Mercagalicia.
Os primeiros bloqueos foron levados a cabo por gandeiros de Mazaricos, Negreira, Santa Comba que a esta hora teñen bloqueados os accesos ás plantas de Feiraco en Negreira; á de Lácteos Pérez, en A Pereira (Santa Comba); Sangiao, en Sigueiro (Oroso), propietario de Logística Alimentaria, Lácteos Merza..etc
A estes seguíronlle os bloqueos da planta de Leite Celta, propiedade da portuguesa LACTOGAL, en Pontedeume, e da planta de Leyma, propiedade de Leite Río, en Arteixo.
En Pontevedra os gandeiros bloquearon o acceso á planta de Nestle en Pontecesures e á de Larsa en Vilagarcía, propiedade de Corporación Alimentaria Peñasanta. Esta mañá teñen previsto realizar o bloqueo da planta de CLESA en Caldas de Reis.
En Lugo, a pesar dos intentos da dirección da asemblea de gandeiros por evitalo, produtores da Terra Cha empezaron tamén a bloquear as plantas. Ata agora está confirmado o bloqueo da planta de Leite Río, propiedade de Jesús Lence, en Ou Ceao.
Dende a Plataforma din que se ven na necesidade de realizar estas medidas de presión para que o acordo para o sector lácteo que se está a negociar en Madrid teña garantías para os gandeiros. En concreto, piden que no documento se defina o que se considera prezo sostible para o gandeiro e que se establezan sancións por incumprimento, para garantir un compromiso real de industria e distribución.
Velaquí unha galería de imaxes dos primeiros bloqueos:
Home!! que eu sepa A Pereira pertence a Santa Comba de toda a vida, aínda que esté preto de Mazaricos….
Corrixido! Desculpa