Areeiro recomenda vixilancia para evitar danos por botrite

Publicidade
Areeiro recomenda vixilancia para evitar danos por botrite

Trazas de botrite en acios Albariño. // Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda no seu último aviso sanitario incrementar a vixilancia dos viñedos ante a posible aparición de danos por botrite e outras podres da uva. O persoal técnico aconsella revisar os acios con feridas así como aquelas variedades más sensibles, que ata o momento estiveron libres das infeccións dados os meses de seca.

Logo das chuvias rexistradas nos últimos días e coa previsión de que volvan producirse nas próximas xornadas, os expertos vaticinan que se incrementarán os danos por botrite, polo que mesmo pode ser preciso aplicar algún tratamento. Atendendo ó momento da vendima deberá empregarse un funxicida cun prazo de seguridade acorde á marxe de tempo dispoñible.

Dende Areeiro recordan que no rexistro de produtos fitosanitarios autorizados polo Ministerio de Agricultura existen solucións de orixe natural cun prazo de seguridade de entre 1 e 3 días. Asimesmo, os viticultores tamén dispoñen de tratamentos contra a botrite onde é preciso agardar 14 días, un prazo que pode interferir coas datas límites impostas polas adegas, polo que recomendan consultar ós técnicos a necesidade de tratamento no caso de ter feridas nos grans.

Co cambio producido nas condicións meteorolóxicas nas últimas xornadas, o persoal de Areeiro tamén detectou un incremento dos danos de mildio nos viñedos, coa aparición tanto de novas manchas como co aumento das antigas. Con todo, os expertos consideran que a aparición destes síntomas non fará perigar a axeitada maduración da uva, posto que tras este período sen choivas, as cepas contan con abundante vexetación sa.

Pese a iso, recomendan seguir mantendo a vixilancia ante as previsións meteorolóxicas que anuncian ventos húmidos do suroeste e choivas febles para a provincia de Pontevedra. Ó mesmo tempo, tamén aconsellan eliminar os brotes afectados nas viñas de reducidas dimensións, así como a aplicación de tratamentos naqueles predios nos que aínda non se proceda á vendima.

Os expertos constataron ademais nos últimos días a presenza de oídio, que mesmo pode incrementarse dadas as previsións meteorolóxicas actuais. Porén, debido a que o fungo xa non pode afectar os acios nesta fase de maduración, non se precisará aplicar ningún tratamento máis nos viñedos de aquí á vendima. Dende Areeiro recomendan eliminar os acios máis afectados para impedir que a podre se instale sobre eles de empezar a rexistrarse períodos de precipitacións, tal e como se agardan.

Previr as pragas nas hortas

Á marxe das recomendacións para o viñedo, dende a Estación Fitopatolóxica tamén inciden na importancia de eliminar os restos vexetais das colleitas que se van realizando, como a pataca ou a tomateira. Inciden en que moitas pragas empregan estes restos para pasar o inverno, de tal xeito que unha vez que se repoñan os cultivos poden volverse ver afectados por elas. Por este motivo, recomendan eliminar estes restos, no canto de deixalos a carón do invernadoiro ou na horta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información