A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, remitiu este luns un novo aviso fitosanitario do estado dos viñedos da provincia, no que recomenda extremar as precaucións ante posibles danos de mildio e oídio. As condicións meteorolóxicas destes días están a ser favorables para desenvolver ambas infeccións.
Na súa última revisión dos viñedos están a detectar manchas nas follas, moi incipientes e apenas visibles, de danos por mildio. Polo de agora, non detectaron síntomas nos acios. Dado que para os próximos días as condicións meteorolóxicas seguirán a ser propicias para a aparición destes patóxenos, dende Areeiro recomendan ós viticultores manterse moi alerta e realizar unha intervención inmediata en canto se detecten os primeiros síntomas.
O persoal de Areeiro tamén detectou xa nalgunhas follas o característico micelio do fungo de oídio. Así, no caso de ter que renovar o tratamento fronte ó mildio, aconsellan engadir tamén un produto fronte ó oídio para evitar unha maior afección das cepas.