Amplíase o prazo para solicitar axudas para a recuperación de soutos de castiñeiros

A Xunta amplía o prazo de presentación das solicitudes de axudas para a recuperación de soutos de castiñeiros ata o 15 de setembro de 2023

Amplíase o prazo para solicitar axudas para a recuperación de soutos de castiñeiros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a orde da Consellería do Medio Rural pola que se modifica o prazo de presentación de solicitude de axudas para a recuperación de soutos de castiñeiros afectados polos incendios forestais que se produciron en Galicia o ano pasado, por un importe total de 500.000 euros.

As achegas para a recuperación de soutos están dotadas cun orzamento de 500.000 euros, que irán destinados a restaurar os danos causados polos incendios rexistrados no mes de xullo de 2022. A solicitude desta subvención e os trámites administrativos posteriores poden realizarse por medio dunha entidade colaboradora; que á súa vez, tamén realizará os traballos de campo e as obras necesarias para a execución das accións subvencionables das que é beneficiaria a persoa interesada. O prazo para presentar a solicitude de axuda amplíase ata o 15 de setembro de 2023.

É a primeira vez que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal integra na xestión da orde de axudas ás entidades colaboradoras, que son aquelas que, actuando en nome e por conta do órgano concesor para todos os efectos relacionados coa subvención, colaboran na execución e xestión das achegas sen que se produza a previa entrega e distribución de fondos recibidos. Con esta medida preténdese reducir e facilitar a carga administrativa das persoas titulares dos soutos danados polos incendios de 2022.

O prazo de presentación de solicitudes amplíase tendo en consideración esta primeira experiencia na xestión e co obxecto de facilitar a súa tramitación, e que sexa o máis ampla e eficaz posible por parte das entidades colaboradoras.

Estas axudas para a recuperación de soutos estrutúranse en tres liñas de financiamento. En primeiro lugar, de achegas para corta, recollida e estelado ou retirada de pés de árbores danados polo lume, roza do souto e plantación de novos pés de castiñeiros en substitución dos exemplares danados.

En segundo termo, outra liña destínase á reparación dos danos causados polos incendios nas pistas forestais estremeiras ou interiores, así como nos cerramentos dos soutos. E en terceiro lugar, establécense axudas para a reparación dos danos nos equipamentos inmobiliarios auxiliares da explotación do souto para castaña. Nestas dúas últimas liñas, a súa petición está condicionada a que se solicite a primeira opción das axudas.

Os beneficiarios destas subvencións serán os titulares, arrendatarios ou persoas que teñan un dereito de explotación e/ou xestión dos soutos, quedando excluídas as administracións ou entidades do sector público. Tamén poderán obter estas axudas aquelas persoas cuxas propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas a instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia resulten seleccionadas, segundo o establecido nesta norma.

Enlace á orde do DOG sobre soutos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información