O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, visitou as instalacións do laboratorio da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, ao abeiro do convenio de colaboración que mantén coa Universidade de Santiago para o fomento do emprego das frondosas na construción, en concreto do castiñeiro.
O obxectivo de Pemade é ofrecer servizos e apoio docente en aspectos do coñecemento relacionados coa enxeñería da madeira con fins estruturais e, por iso, a Xunta colabora con esta plataforma para potenciar o seu emprego na construción. Isto entra dentro da aposta do Goberno autonómico pola madeira como material estrutural, tanto dende o ámbito privado como do público.