O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se amplía o prazo de execución e xustificación das axudas convocadas o ano pasado para o impulso da boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común. Deste xeito, o prazo inicialmente fixado deica o 30 de xuño queda finalmente prorrogado ata o 30 de setembro deste 2022.
Coa ampliación, búscase paliar as dificultades que tiveron as comunidades de montes como consecuencia das limitacións debidas á pandemia da covid-19. Nesa liña, cómpre lembrar que a emerxencia sanitaria supuxo a adopción de medidas especificas de prevención, como a fixación de capacidades máximas en lugares pechados ou limitacións en distintas actividades.
Así, esta circunstancia afecta directamente á execución dos traballos previstos no marco desta convocatoria de axudas, principalmente á organización e á celebración das asembleas xerais e reunións previstas na normativa aplicable en materia de montes veciñais en man común, tendo en conta que esta forma de propiedade común de natureza xermánica conta cunha media de 44 comuneiros por monte.
Financiadas polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno central con cargo a fondos NextGenerationEU e cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, cabe lembrar que estas achegas se convocaron por vez primeira o ano pasado, resultando beneficiarias un total de 1.056 comunidades dun importe global superior aos 6,1 millóns de euros.
Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220525/AnuncioG0426-190522-0002_gl.html