Ampliación de fondos para as indemnizacións por saneamento gandeiro

Ampliación de fondos para as indemnizacións por saneamento gandeiro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou unha segunda convocatoria de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de gando no marco dos programas de saneamento animal, co obxecto de seguir tramitando as solicitudes que se presenten este ano. Así, este novo orzamento ascende aos 200.000 euros, a sumar ós 400.000 destinados a inicios de ano.

Cabe lembrar que poden ser beneficiarias as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

Tamén os que teñan animais e produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

No caso do sector avícola, poderán ser indemnizados os titulares de aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e de reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas dentro dos programas nacionais de control de salmonela. Tamén, os que teñan aves sacrificadas/mortas por mor da enfermidade de Newcastle ou doutra doenza das aves declarada oficialmente.

Sector porcino
No que se refire ao sector porcino, poderán recibir axuda os titulares de porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente. Así mesmo, corresponde indemnización por visóns americanos que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.

A maiores, a presente orde recolle dereito a compensación por animais que morreran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, prorrogarase ata o día 30 de novembro de 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información