Aitor Rodriguez, un novo viticultor nun dos viñedos máis antigos da Ribeira Sacra

Falamos con Aitor Rodríguez, fundador e administrador xeral de Bico de Lagar, viño tinto Mencía da DO Ribeira Sacra. Coñecemos como traballan nesta adega e como foi a colleita deste ano.

Publicidade

Falamos con Aitor Rodríguez, fundador e administrador xeral de Bico de Lagar, viño tinto Mencía da DO Ribeira Sacra. Coñecemos como traballan nesta adega e como foi a colleita deste ano.

Aitor Rodríguez e o seu tío queren facer unha aposta pola calidade e a produción en ecolóxico, aínda que de momento aínda non contan coa certificación do CRAEGA, que esperan conseguilo nuns anos.

A súa viña A Salamanca, situada na zona de Eivedo, en Vilachá de Salvadur, en Pobra do Brollón (Lugo), xa aparece mencionada en documentos históricos de 1403.

Como empezou o proxecto Bico de Lagar?
O proxecto empezou a planearse en 2019 co meu tío. Non tiñamos pensado facer nada serio e ao final metémonos na compra das viñas e finalizámolas en 2020, cando adquirimos a propiedade da Salamanca. Empezou como un xogo entre tío e sobriño e ao final estase convertendo en algo moi bonito para nós.

Onde están situadas as viñas e que extensión e características teñen?
As viñas sitúanse na Ribeira Sacra, concretamente na zona de Eivedo, que xunto con Os Conventos e Lagares conforman o tres ribeiras vitícolas de Vilachá de Salvadur.

O viñedo da Salamanca abarca dúas parcelas e ten datación de 1403, xa que pertenceu ao Mosteiro de Montederramo. Ten unha extensión duns 6000 metros cadrados. Logo temos outra parcela que nos cedeu un veciño, que está un pouco máis arriba e ten unha extensión duns 1600 metros cadrados. A diferenza da Salamanca, esta é de cepas centenarias en vaso.

A orientación das viñas é totalmente sur, no embude de Quiroga, onde temos bastantes correntes de vento e así evitamos botrite e outros posibles problemas.

Xeolóxicamente son parcelas moi especiais. En primeiro lugar atopamos moito “ollo de sapo”, un mineral que tamén se atopa noutras leiras próximas pero creo que é unha gran singularidade. Ademais, na viña A Salamanca, atopamos bastante seixo branco, o que é máis raro mesmo, tanto nesta ribeira como entras viñas de Galicia.

O solo e a climatoloxía son os dous factores que máis inflúen na uva e aquí por sorte temos unhas condicións moi boas, evítanse moitos custos en sulfatos e enfermidades

“Xeolóxicamente son parcelas moi especiais, pois temos moito ollo de sapo e bastante seixo, algo moi especial nun viñedo”

Que variedades de uva cultivades?
Estamos todo con Mencía, de feito Bico de Lagar elabórase con Mencía 100%. Teremos uns 60 ou 70 kg de Garnacha en cepas soltas, que se foron replantando fai 50 ou 40 anos, son cepas vellas. Logo temos 3 cepas de Tempranillo e non temos nada de uva branca.

Valorades producir en ecolóxico?
Pois está complicado porque antigamente neste viñedo daban herbicidas, entón entendo que para conseguir agora o certificado ecolóxico terían que pasar varios anos, e nós só levamos desde 2020. Non traballamos con herbicidas, só usamos rozadora e sachamos as cepas e socalcos. Á hora dos tratamentos, tentamos non dar sistémicos, pero este ano foi imposible se queriamos recoller uva. Pero tentamos facer todo o máis ecolóxico posible, tanto en viña como en adega. Mirar moi ben a acidez da uva, que entre perfecta en adega. Un dos nosos obxectivos é tentar achegarse o máximo posible ao cultivo e elaboración en ecolóxico.

“Un dos nosos obxectivos é tentar achegarse o máximo posible ao cultivo e elaboración en ecolóxico”

Resulta difícil conseguir traballadores?
Difícil non, imposible, como quen di. A viña xestionámola entre o meu tío, que é o meu socio, e eu. De cando en vez contamos coa axuda dalgún familiar, en momentos moi puntuais. Meter a unha persoa contratada todo o ano creo que sería moi complicado para unha adega pequena como a nosa, pero ben, todo se andará, tentaremos poder facelo.

Como xurdiu o nome Bico de Lagar e que significa?
Xurdiu un día nun bar co meu bo amigo arqueólogo Xurxo Ayán. Empezamos a deliberar, interesouse moito polo proxecto. Un día chamoume e díxome: Aitor, creo que teño o nome para o viño. A verdade é que me encantou. O nome Bico de Lagar atopámolo nos documentos recompilados durante a escavación dos Conventos. Cando os monxes e señores feudais viñan aquí a cobrar os tributos, podíanse levar calquera cousa, desde animais, comida, ou mesmo mulleres. Cando viñan a esta zona dos Conventos, que pertencía a eles, gustáballes tanto o viño de aquí, que usaban a expresión a bico de lagar para referirse a cando bebían coas ánforas de barro sobordando no bico (no bordo). Debían beber até caer redondos.

Ademais, queremos facer un cambio de etiquetaxe porque en principio tiñamos só unha referencia, pero agora mesmo queremos sacar tres referencias distintas, porque queremos facer tres viños diferentes. Todos levarán o nome Bico de Lagar pero cada referencia levará un nome a parte, para diferencialo. Cada etiqueta vai levar unha imaxe distinta, que en principio corresponderá coa parcela da que é a uva.

Onde elaborades o viño?
Un dos nosos obxectivos é facer unha adega propia, pero até agora, como non temos, estamos a elaborar nunha adega de Quiroga chamada Terraza de Outeiro, con Juan e Noemí, que se portaron incriblemente ben e somos uns privilexiados de poder elaborar viño coa súa axuda. Empezaron case ao mesmo tempo que nós pero a un nivel máis profesional e con bastantes máis hectáreas de viñedo. Contan con última tecnoloxía en adega, dixitalizada, cubas refriXeradas, moi dixitalizado, cuns coidados e coñecementos extraordinarios. De aí sae un dos mellores viños da Ribeira Sacra, acaban de gañar varios premios.

Como é o proceso de elaboración do voso viño?
A vendima é 100% manual, cortamos todo a man con tesoiras ou navallas, carrexamos arriba con caixas, e tentamos empezar canto antes para facelo á primeira hora da mañá e evitar que a uva entre en adega con moita temperatura. Mentres vendimamos facemos unha selección da uva, pero este proceso de selección xa empeza antes cando quitamos acios que vemos que non medran ben ou teñen problemas. Se hai uvas secas quitámolas uns días antes. Despois levámolo á adega en transporte, e facemos outra selección manual refugando acios secos ou mildio. Por último despalillamos e botámolo a fermentar á cuba.

Faise un proceso moi estrito na limpeza da adega, desinfectando totalmente, tratando a uva o mellor posible e ao final cada mestriño ten o seu libriño. Tentamos non botarlle nada raro, nada de tartárico, aínda que ás veces é inevitable, como o primeiro ano. O ano pasado, por exemplo, non fixo falta botarlle nada. A verdade é que estamos moi contentos co noso proceso de elaboración e a nosa evolución.

“A vendima é 100% manual, cortamos todo a man e carrexamos arriba con caixas”

Como foi a colleita deste ano?
A verdade é que foi complicada sacala adiante. Houbo moitos problemas nestas zonas coas tormentas do mes de xuño e xullo, que nos obrigou aos viticultores a pór moita máis atención e esforzos na viña, coidando tamén do mildeu, que foi unha praga complicada. Viñeron días de choiva e calor e propagouse moito pero controlouse a tempo e non xerou demasiados problemas finalmente. Baixamos moi pouco a produción respecto doutros anos, o cal é moi bo sinal.

“Tivemos que vendimiar o 26 de agosto, un mes antes que o ano pasado”

Sobre a vendima, todos pensamos que teriamos que empezar a mediados de setembro pero finalmente tivemos que vir o 26 de agosto, un mes antes que o ano pasado. Houbo días de calor extrema nos que chegamos a temperaturas superiores aos 40 graos aquí na Ribeira, o que fixo que se disparase a gradación da uva, pero ao adiantala conseguimos sacar a uva cunha boa gradación, sobre 13 graos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información