Agromuralla denuncia os atrasos no cobro da PAC

Agromuralla denuncia os atrasos no cobro da PAC

Representantes de Agromuralla

A asociación Agromuralla denuncia que “a día de hoxe son moitas as explotacións beneficiarias da PAC que aínda non cobraron nada ou só unha mínima parte das axudas, na maior parte dos casos baixo o pretexto de que teñen aberto un proceso de inspección ou que teñen algún trámite de alegacións sen resolver”.

A través dun comunicado o colectivo de gandeiros lamenta “a falta de seriedade” da Consellería do Medio Rural neste sentido. Agromuralla lembra que “en anos pasados cobrábase a PAC integramente no mes de novembro ou decembro, ou incluso algún ano no mes de outubro”. “Por iso -engaden- non entendemos que os nosos gobernantes, e máis concretamente a Conselleira do Medio Rural, se encha a boca dicindo que fixeron adiantos (cando os primeiros pagos parciais os fixeron sobre Nadal) ou que nos fan un gran favor aboando as cantidades que están pendentes, cando a data de hoxe xa tiñan que estar pensando en facer os pagos da PAC 2016”.

Dende esta asociación advirten de que “estes atrasos no pago da PAC 2015 non só prexudican ós gandeiros por non aportar solvencia na época de grave crise que sufrimos, senón tamén porque, se temos a sorte de que nos aboen a PAC 2016 antes do 31 de decembro, a repercusión fiscal vai ocasionar máis desastres nas granxas ó ter que devolver á Axencia Tributaria parte do diñeiro da axuda en forma de impostos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información