A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla denuncia “un claro incremento das desigualdades” entre explotacións no prezo que cobran neste momento polo leite que producen en función do tamaño da explotación, o momento no que foi asinado o contrato coa industria e a comunidade autónoma na que se atope.
Para Agromuralla, “resulta inconcebible que a comunidade que máis leite produce no Estado cobre un prezo inferior á media”, e que este diferencial de Galicia con outras comunidades mesmo se teña incrementado, pasando dos habituais 2-3 céntimos menos a 7 neste momento con respecto ao que cobran por exemplo os gandeiros de Castela e León ou Andalucía (53 céntimos de media en Galicia e 60 nestas comunidades).
“A falta de leite está a levar a unha competencia entre industrias por captar novas granxas subministradoras e á fixación de criterios de negociación dispares mesmo dentro da mesma empresa, con ofertas individualizadas para a renovación dos contratos que fan aumentar as diferenzas entre ganderías”, quéixase Agromuralla, que critica “as dubidosas prácticas de negociación que seguen a aplicar as industrias” e apela á “importancia da unión dos gandeiros en defensa dos seus intereses”.
Intentos de baixar os prezos por parte das industrias
Dacordo coa información da que dispón Agromuralla, algunhas industrias están a informar da baixada do prezo do leite nun curto – medio prazo. “Neste momento hai razóns obxectivas para que o prezo do leite en orixe siga en ascenso, posto que os custos de produción están en máximos históricos e está habendo un importante descenso da produción de leite a nivel europeo, ao tempo que os produtos lácteos están a subir de maneira importante nos supermercados”, argumenta Agromuralla.
Desfase entre o valor nos supermercados e o que cobran os gandeiros
Con todo, os prezos pagados aos gandeiros polo leite seguen sen subir en relación ao que o fan os produtos lácteos no supermercado. “Os consumidores están a pagar máis polo leite, pero ese incremento non acaba chegando aos produtores, senón que segue quedando polo camiño, nos petos das cadeas de distribución e das industrias, que queren enriquecerse unha vez máis a costa do traballo e o esforzo dos produtores”, asegura Agromuralla.
Até agora, a maior parte dos contratos entre gandeiros e industrias renovábanse na primavera cunha vixencia dun ano, pero a alta volatilidade vivida no mercado nos últimos meses levou á sinatura de contratos de menor duración, por tres meses na maioría dos casos, polo que neste momento tocaría revisar os contratos asinados no pasado mes de setembro. “Neste momento non hai xustificación algunha para cambiar o criterio de firma dos contrato, nin en canto a prezos nin en canto a duración” argumenta Agromuralla.
Novas subas dos insumos a partir de xaneiro
Cos custos de produción do penso, o gasóleo, os fertilizantes e a electricidade disparados, as granxas perderon cartos de maneira importante na primeira metade deste ano 2022 e só lograron cadrar os números e aminorar as perdas coas subas no prezo do leite producidas tralo verán, que serviron para nivelar as marxes negativas que viñan arrastrando moitas das granxas leiteiras galegas.
Agromuralla fai un chamamento á unidade de todos os gandeiros, produtores de leite, á hora de negociar os contratos que corresponde renovar neste momento, a coxuntura é a mesma que nos últimos meses polo que os prezos seguen a mesma tendencia á alza e a duración dos contratos debe seguir a mesma liña, e alerta do previsible encarecemento dalgúns insumos a partir de xaneiro, o que acabaría impactando nos “altísimos custos” de produción que soportan as granxas neste momento.