Agricultura ultima o decreto para saber a que prezo lle vende o leite a industria á distribución

As fábricas deberán comunicar de xeito mensual as cantidades comercializadas e as cifras ingresadas. A Administración insta ás cadeas de distribución a abandonar a práctica das subastas á baixa

Agricultura ultima o decreto para saber a que prezo lle vende o leite a industria á distribución

O decreto introducirá máis transparencia na cadea de valor do leite.

A cadea de valor do leite esconde un punto escuro na transición entre industrias e distribución. Coñécese a que prezo cobran os gandeiros o leite, sábese a canto se vende no supermercado pero non existen datos oficiais sobre o chamado prezo de cesión da industria á distribución. O Ministerio de Agricultura ultima agora un decreto que obrigará ás fábricas a comunicar estes datos, de xeito que a Administración poida facer públicas as cifras agregadas de prezos por tipo de marca (distribución, fabricante) e leite (Uht, pasteurizado, etc.).

Desde o sector gandeiro e desde as propias industrias fíxose ver nos últimos meses que un dos atrancos á suba das cotizacións do leite no campo estaba na distribución, cun sistema de compras que tensionaba os prezos á baixa. O recente acordo do sector lácteo asinado en setembro entre parte do sector gandeiro, factorías leiteiras e distribución incluía un compromiso expreso das cadeas de supermercados para cambiar os seus modelos de abastecemento, baseados en fórmulas a curto prazo, por contratos a longo prazo que ofrezan maior estabilidade e prezos sostibles para o resto da cadea.

Na primeira reunión de seguemento do acordo lácteo, a finais de outubro, unha das cuestións sobre as que incidiu o Ministerio foi na necesidade de que a distribución abandone a práctica de facer subastas mensuais á baixa para adquirir o leite envasado. Agricultura, segundo trascendeu tras a reunión, advertiulle ás cadeas de supermercados de que esas prácticas debían rematar xa, toda vez que os grupos asinantes do acordo se comprometeran a iso.

Transparencia

O decreto que ultima o Ministerio ofrecerá maior transparencia sobre a cuestión dos prezos e permitirá coñecer as cantidades medias abonadas pola distribución á industria. O borrador do decreto, que xa examinaron as partes para presentar suxerencias, establece que os fabricantes deberán comunicar entre os días 1 e 20 de cada mes as cantidades vendidas o mes anterior a cada cadea de supermercados, así como os prezos percibidos por esas vendas. Os datos individuais de cada empresa serán confidenciais, pois a Administración só fará públicos os datos agregados.

A Agencia de Información y Control Alimentarios (Aica) encargarase de comprobar a veracidade dos datos a través do seu plan de inspeccións. En caso de que un fabricante non suministre as súas cifras de vendas, poderá ser sancionado de acordo coa Ley 12/2013 de la Cadena Alimentaria.

Estudo da formación de prezos
O sector agardaba a publicación do decreto ministerial na primeira quincena de novembro, se ben é previsible que os trámites burocráticos retrasen a norma unhas semanas máis. Para cando se publique o texto, posiblemente xa se terá rematado o estudo que está a elaborar a Interprofesional Láctea (Inlac) sobre a formación de prezos na cadea de valor do leite.

O estudo da Inlac, que se lle trasladará ó Ministerio en canto estea listo, determinará cales son os prezos sostibles que debería percibir cada eslabón da cadea en función dos custos ós que debe facer fronte. Trátase dunha información que no sector entenden como clave, pois o acordo ministerial fala de que distribución e industria deben abonar un prezo sostible polo produto.

O cruce das cifras do estudo da Inlac cos datos reais dos pagos da industria á distribución permitirá saber se eses pagos se atopan no arco dun prezo sostible, cunha remuneración xusta para gandeiros e industrias.

Desde Cooperativas Agroalimentarias de España agardan que o traballo da Inlac estea rematado en breve, aínda que interpretan que as organizacións non asinantes do acordo lácteo –en alusión a Coag e Upa- están a dilatar a conclusión do estudo con cuestións menores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información