A UE destina 25,5 millóns de euros en apoio ós gandeiros de España

A UE destina 25,5 millóns de euros en apoio ós gandeiros de España

O sector demanda prezos xustos e valora en pouco as axudas. / Imaxe: Arquivo.

Dos 500 millóns de euros en axudas para o sector gandeiro comprometidos pola UE a pasada semana, para España virán 25,5 millóns de euros, segundo concretou hoxe a Comisión Europea. Corresponderalle ó Ministerio de Agricultura establecer os criterios para o reparto deses cartos, que irán principalmente dirixidos ó sector lácteo e, en menor medida, ó porcino, tamén afectado por unha crise de mercado.

A Comisión baseou a distribución dos fondos na cota láctea histórica dos países (80% do baremo) e tamén na situación particular de cada Estado en canto a baixos prezos do leite, dificultades no mercado do porcino, seca e outras circunstancias adversas (20% do baremo). Con ese criterio, dos 420 millóns de axudas directas que destinará ó final a UE para os sectores lácteo e porcino, a España correspóndenlle 25,5 millóns e sitúase como o sexto Estado da Unión con máis axudas, tras Alemaña, Francia –os dous por riba dos 60 millóns-, Gran Bretaña (36), Holanda e Austria.

Axudas ó almacenamento privado
De cara a aliviar os excedentes presentes no mercado, a Comisión acordou tamén un aumento significativo das axudas para o almacenamento privado de leite en po, que medran por riba do 100%. O almacenamento privado exténdese ademais a un periodo dun ano, tras o cal os operadores poderán sacar o produto ó mercado.

A Comisión explica ademais nun documento que decidiu non elevar o prezo de intervención pública do leite porque entende que se trataría dun sinal que “non animaría ós gandeiros a reducir a produción do leite”. En sentido contrario, a Comisión nega un retorno temporal ó control da produción –con sistemas como o da cota láctea- porque considera que existe unha boa perspectiva de mercado do leite a medio prazo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información