A tractorada quédase na muralla por segunda noite consecutiva

A conselleira do Medio Rural mantivo un encontro cunha delegación dos produtores. Tras a xuntanza, os gandeiros reuníronse en asemblea e decidiron continuar a protesta

Os gandeiros comezaron o xoves a prolongar a tractorada de Lugo cunha idea clara, defender un prezo xusto para o leite con maior intensidade que o feito nas protestas anteriores das organizacións agrarias. No marco de tal estratexia, o grupo de persoas que coordinou as asembleas do venres, encabezado por Roberto López, centrouse no obxectivo de manter unha reunión coa conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana. Esa reunión produciuse na tarde noite de onte en Lugo, pero na mesma só houbo un intercambio de información entre as partes. Nin Medio Rural adoptou ningún compromiso nin se lle pediron, polo que, tras o encontro, a maioría dos gandeiros decidiu en asemblea que a reunión coa conselleira non era motivo suficiente para desconvocar a tractorada.

Os tractores seguen así na muralla por segunda noite consecutiva e para hoxe agárdase a chegada de máis produtores e máquinas. O acordo non foi sinxelo. Os coordinadores oficiosos da protesta amosáronse na asemblea partidarios de levantar a tractorada, se ben coa precisión de que aceptarían a vontade da maioría. Falouse de votar a continuidade ou non da protesta, aínda que entón xurdiron debates varios, principalmente o de se podían votar todos os asistentes ou só os gandeiros que tiñan tractor na muralla.

“Como volvíades a casa de todas as manifestacións? Sen nada e co rabo entre as pernas. Queredes volver así?”

Tamén se pediu compromiso co acordo que se tomase. Tomou a palabra un dos gandeiros que foi co tractor ante Leite Río no Ceao: “Que non pase como no Ceao, que se foi indo a xente sen dicir nada e ao final quedabamos unha vintena de tractores”, criticou. Ante esta posibilidade, a conclusión da asemblea foi clara. “O que hai que facer é atraer a máis xente, que cade vez sexamos máis, non menos. Chamar ós amigos, ós veciños e que veñan para aquí”, propuxeron varios gandeiros.

Acordo
A asemblea, iniciada pasadas as 11 da noite con máis de 700 persoas, prolongouse con estes debates ata máis alá da 1.30 da madrugada, cando xa o consenso foi claro sen que se sometese a votación o tema. Os berros e apoios a viva voz para manter a tractorada foran reiterados ó longo de toda a asemblea, en tanto só voces illadas se amosaban partidarias de desconvocar. Chegados a ese punto, colleu o micrófono un fillo de gandeiro que declarou que quería ser gandeiro e lembrou o resultado habitual das protestas agrarias. “Como volviades á casa de todas ás manifestacións ás que tendes ido? Sen nada e con rabo entre as pernas. Queremos outra vez volver así?”.

Asemblea de madrugada.

Asemblea de madrugada.

Ó pouco, un gandeiro de Palas colleu o micro: “Palas quédase”, declarou entre as ovacións dos manifestantes. “Que un representante de cada concello diga o que van facer”, suxeriu. “Palas quédase”, reiterou. “Pol quédase”, dixo outro a continuación entre novas ovacións. “A Pastoriza quédase”, “Guntín quédase”. E así todos. “Friol quédase”, “Lugo quédase”, “Sarria quédase e van vir máis mañá”, “O Corgo quédase”, “Guitiriz e Cambás veñen mañá”.

Os impulsores da reunión coa conselleira teñen a intención de crear unha nova organización agraria ou sumarse a unha independente

Os gandeiros tratan así de presionar para que saian solucións das reunións previstas para o luns 7 en Bruxelas e para o xoves 10 en Madrid, esta última clave na cuestión prezos.

Organización

O grupo de gandeiros que estivo a actuar de coordinador da protesta, liderado por Roberto López, anunciou tras a reunión coa conselleira a súa intención de crear unha organización estable que agrupe ós produtores á marxe dos sindicatos agrarios. López indicou que podería tratarse dunha organización nova ou que poderían sumarse a unha organización xa existente que tivese independencia dos partidos políticos, como a Organización de Productores de Leche (OPL) -á que non mencionou explícitamente nas declaracións ós medios-.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información