O monte seco, tras un longo verán con escasas chuvias, e as altas temperaturas dos últimos días están a desencadear un comezo de setembro complicado na provincia de Ourense. Catro grandes incendios iniciáronse o luns en Oímbra (1.500 hectáreas), Boborás (520 hectáreas) e na Baixa Limia, no Parque Natural do Xurés, en concreto nos concellos de Muíños (800 hectáreas) e en Entrimo (850 hectáreas), segundo os últimos datos da noite de onte.
En toda Galicia, os incendios iniciados este luns leváronse por diante xa máis de 4.000 hectáreas. Os medios de extinción traballan tamén a esta hora en Monterrei (Ourense), Navia de Suarna, A Fonsagrada e Chantada (Lugo) na que é a segunda vaga de lumes do que vai de verán, tras a que se xerou durante a segunda semana de agosto, coincidindo con fortes ventos do nordés.
Núcleos de poboación
A dificultade para controlar o lume agravouse pola falta de visibilidade xerada polo propio fume, que obrigou a deter en ocasións a participación de medios aéreos. A cercanía dos incendios a núcleos de poboación, como sucedeu na Illa ou en Olelas en Entrimo, incrementou ademais a tensión.
O alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, falaba onte de “pesadilla” e dun “lume sen control” que saltaba estradas e cortalumes, polo que consideraba preciso o envío de “máis medios”. Unha granxa chegou a arder en Entrimo, un dos fogos que xerou máis problemas. Tamén en Oímbra, Monterrei e Navia de Suarna houbo que activar a Situación 2, a reservada cando os incendios ameazan as vivendas.
Desde a Xunta estase a incidir estes días na “intencionalidade” que hai detrás dos lumes e deféndese a coordinación do dispositivo de extinción contra os incendios nunha situación “complicada”, marcada pola simultaneidade de grandes lumes, que obrigan a repartir os efectivos dispoñibles.