“A quinoa é un cultivo en expansión e xa está adaptada a Europa”

Entrevista a Didier Bazile, investigador no cultivo da quinoa e experto invitado da FAO. Defende que "crear emprego na agricultura e apostar por unha agroecoloxía científica son a alternativa para alimentar a humanidade no futuro de forma segura".

Publicidade
“A quinoa é un cultivo en expansión e xa está adaptada a Europa”

Didier Bazile

Didier Bazile é un dos maiores expertos mundiais na quinoa, un pseudocereal orixinario dos Andes que na actualidade é considerado un superalimento polas súas cualidades nutritivas. O seu consumo multiplicouse nos últimos anos e o seu cultivo está en expansión.

O investigador francés do CIRAD (Centro de Investigación Agronómica para o Desenvolvemento) e experto invitado da FAO participou a pasada semana no Simposio internacional de Cultivos Proteicos, organizado polo CSIC e que se celebrou en Pontevedra.

Que importancia ten o cultivo da quinoa a nivel mundial?
Os cinco cultivos máis importantes para a alimentación mundial son o trigo, o millo, o arroz, a pataca e o sorgo. A quinoa aínda é un cultivo menor para a agricultura e a alimentación mundial pero temos que ter en conta que se nos anos 70 só se cultivaba en América Latina, en cinco ou seis países dos Andes, neste momento a metade dos países do mundo cultivan quinoa ou están a experimentar o seu cultivo.

Isto significa que pode pasar a ser un cultivo de grande importancia para a alimentación mundial nos próximos anos. A expansión do cultivo da quinoa é parecido ao que houbo no seu momento coa pataca ou o arroz.

Para protexer os dereitos dos agricultores e dos países, os acordos internacionais sobre recursos fitoxenéticos definen o marco para a circulación das sementes a nivel mundial. Os fluxos de sementes a nivel mundial están regulados para evitar biopiratería ou apropiación dos recursos xenéticos pero, ao mesmo tempo iso significa que se non temos acceso a unha diversidade de sementes con ampla diversidade xenética vai ser difícil adaptar as plantas a outros ambientes. Neste sentido, as leis internacionais poden aparecer como un freo para os intercambios de sementes entre institucións que queren testar e adaptar a planta fóra da súa zona de orixe.

“As regulacións internacionais son un freo para adaptar a quinoa a outros climas”

Respecto a iso, o que estou a traballar coa FAO son cales son as alternativas ás leis internacionais para facilitar os intercambios de sementes e a innovación e experimentación dos cultivos, sen perder de vista a retribución dos pobos andinos que contribuíron a manter para toda a humanidade a diversidade xenética da quinoa. O obxectivou xeneral é manter non só a diversidade biolóxica in situ senón que tamén a dinámica evolutiva do cultivo creando sempre nova diversidade a través do proceso de selección de sementes polos labregos.

Grans de quinoa

Grans de quinoa

Cales características da quinoa que, segundo os expertos, a converten nunha extraordinaria fonte nutritiva?
Nos anos 70 a quinoa era soamente coñecida polos vexetarianos, que buscaban un vexetal con máis proteínas. O bo da quinoa é que non só contén unha boa cantidade de proteínas senón, sobre todo, todos os aminoácidos esenciais, as proteínas que o corpo humano non pode producir e que hai que encontrar na nosa alimentación.

Nos anos 90, a NASA elixiu a quinoa como un cultivo potencial para a exploración extraterrestre. É dicir, entre as 7.000 plantas que se usan como alimentación a nivel mundial, elixiuna entre as 20 mellores en canto ao seu nivel de produción, menor consumo de auga e maior valor nutricional.

Estase a empezar a cultivar a quinoa en Europa?
O primeiro ensaio en Europa foi nos anos 80 en Inglaterra. Despois houbo colaboración entre Inglaterra, Holanda e Dinamarca para xerar novas variedades adaptadas a Europa.

Hoxe en día hai cultivo experimental de quinoa en case todos os países europeos e unha produción establecida en Francia, Bélxica, Dinamarca, etc.

Trátase dun cultivo apto tanto para alimentación humana como animal…
Efectivamente, pódese elaborar forraxe de quinoa para os animais e conservala mediante ensilado.

Para consumo humano, é interesante que non só se poden consumir os grans, senón tamén as follas, como ensalada, co mesmo valor proteico que a espinaca.

Podería ser este un cultivo dentro da nova PAC?
A quinoa entrou en Europa grazas a PAC, a comezos do 2000, nos países do sur de Europa (Grecia, Italia, España) como cultivo alternativo ao tabaco. Agora pode ser unha alternativa a outros cultivos.

Ademais, trátase dun cultivo con alto rendemento en sementes, que non necesita moita auga.

Onde se pode dirixir un agricultor interesado no cultivo da quinoa?
Neste momento o problema é que hai pouca cantidade de variedades de sementes adaptadas a Europa, variedades autorizadas para a comercialización na UE. Agora mesmo só hai sementes procedentes das universidades de Wageningen, en Holanda, e da de Copenhague, en Dinamarca. Son as dúas únicas fontes de sementes autorizadas para a comercialización dentro de Europa. As outras sementes que se experimentan proceden de países andinos pero non están autorizadas para un cultivo de campo.

En Francia e en Bélxica uníronse agricultores con grupos de investigación das universidades e con empresas privadas para transferir os coñecementos ao agricultor e para asegurar a compra.

É un cultivo que ten boa saída comercial?
Polo momento si. Nos últimos cinco anos houbo un tremendo aumento da demanda a nivel mundial, pero neste momento os prezos están a baixar e estabilízanse.

Traballas na FAO. Para o 2050 estímase que a poboación mundial chegará aos 9.000 millóns de persoas Que retos formula este escenario para a agricultura?
É unha pregunta complexa. O que temos que considerar xunto ao aumento da poboación é o desprazamento da poboación do campo ás cidades. Polo tanto, vai haber un desequilibrio entre as persoas que producen alimentos e os consumidores. Polo tanto, o reto é ver como desenvolver o emprego rural para evitar o éxodo dos campesiños.

Campo de quinoa no Perú. Autor: Goberno de Ayacucho

Campo de quinoa no Perú. Autor: Goberno de Ayacucho

Por outra parte, a experiencia dos transxénicos dos últimos vinte anos mostra que non son unha resposta á alimentación mundial cando estamos a falar de seguridade alimentaria coas súas múltiples dimensións. Non achegan resistencia á seca e acaba habendo novas enfermidades cando utilizamos transxénicos varios anos con utilización de químicos. Os transxénicos significan monocultivo e iso acaba provocando desequilibrios a nivel dos agroecosistemas.

Coa agroecoloxía, a biodiversidade é a alternativa, e non significa volver ao modo de traballar dos nosos avós, senón aproveitar os novos coñecementos científicos e copiar o modelo da natureza para deseñar sistemas de cultivos eficientes no uso da auga, no uso dos nutrientes do chan e a preservación da súa fertilidade, nas regulacións de pragas e enfermidades, etc. Ver como varias especies na parcela pódense complementar, traballar en sinerxías, para evitar enfermidades e así mellorar os rendementos de forma sustentable.

“Crear emprego na agricultura e apostar por unha agroecoloxía científica son a alternativa para alimentar a humanidade de forma segura”

Ademais, para lograr este desafío, hai que considerar que teremos que manexar sistemas complexos o que vai necesitar man de obra e intelixencia humana para observar a natureza e adaptar as prácticas agrícolas. Para favorecer a estabilidade da produción agrícola nestes tempos de cambios globais, temos que revisar a estrutura xenética das variedades que utilizamos.

Durante os últimos 50 anos desenvolvemos variedades moi estandarizadas e iso significa que cando hai unha praga toda a parcela se perde. En cambio, se temos máis heteroxeneidade, con plantas que non son idénticas dentro da mesma variedade, teremos máis estabilidade na produción agrícola.

En canto ao consumo de carne, penso que deberiamos integrar máis nos sistemas agrícolas gandaría e agricultura para mellorar o funcionamento dos sistemas agrícolas. Se non queremos fertilizantes químicos para a agricultura, necesitamos achegar aboamento orgánico ás plantas, para manter e mellorar a fertilidade dos chans. Sen aboamento animal, é difícil unha agricultura ecolóxica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información