A xunta directiva de Confemadera Galicia, a patronal de empresas do sector da madeira, acordou o abandono inmediato dos distintos foros de interlocución que mantén coa Xunta de Galicia. A entidade considera que a Administración galega se caracterizou nos últimos anos pola súa “desatención reiterada, pasividade e falta de solucións” cara o sector forestal, polo que decidiu deixar a Mesa da Madeira, o Consello Forestal e o grupo de traballo do Plan Forestal de Galicia, órganos consultivos nos que participa a propia Administración xunto con representantes do sector.
Desde Confemadera entenden que estes órganos consultivos non estaban servindo para solucionar os problemas do monte galego. “Son necesarias actuacións concretas e non crear máis comisións e grupos de traballo sen ningunha capacidade executiva”, demandan. As empresas critican a falta de atención da Xunta cara o sector e, en concreto, da Consellería de Medio Rural, á que critican con dureza: “Acabouse o tempo das reunións de adoctrinamento da Consellería de Medio Rural, que é no que se convertiron estes foros”, apuntan en nota de prensa remitida hoxe.
Confemadera demanda políticas para a planificación produtiva do monte. “A Xunta só atende a loita contraincendios”, di
En liñas xerais, Confemadera insta á Administración a emprender políticas para a planificación produtiva do monte e para a prevención de incendios, xa que a patronal do sector considera que a Xunta só está a atender á política contraincendios, descuidando o resto de necesidades e compromisos co sector, polo que demanda un cambio de actitude da Administración. “É necesario pasar das palabras ós feitos como paso previo a restablecer unha interlocución construtiva coa Xunta”, valora.
Medidas concretas
Os empresarios da madeira expoñen unha serie de medidas e problemas sobre os que solicitan a intervención de Medio Rural, tales como o establecemento dun paquete de medidas para fomentar os investimentos produtivos do monte ou a erradicación das ordenanzas municipais que gravan a corta de madeira. O sector demanda tamén axudas para as empresas do sur de Pontevedra afectadas polo brote do nematodo do piñeiro.
Demandas históricas
Para explicar a ruptura coa Xunta, Confemadera expón todas as peticións que lle foi trasladando nos últimos anos á Administración galega, así como os compromisos acadados. No 2009, a patronal lembra que xa lle entregou á Xunta un documento coas principais necesidades do sector. O informe, titulado ‘Las 13 medidas para el sector forestal’, incluía propostas para abordar problemas estruturais como a atomización da propiedade forestal ou a promoción dunha selvicultura moderna de coidado do monte.
Logo de entregado aquel informe, Confemadera apunta que en xuño do 2009 chegou coa Consellería de Medio Rural a un acordo de obxectivos de lexislatura que se foi incumprindo de xeito reiterado, sen que houbese avances. En xullo do 2014, Confemadera xa elaborou un documento no que facía un balance do incumprimento dos compromisos acadados coa Administración.
A patronal destacaba naquel informe cuestións como a falta dunha figura efectiva para fomentar as agrupacións forestais de propietarios, a falta de apoio á certificación forestal ou a desatención dos montes de xestión pública, nos que Confemadera entendía que só se estaban a cumprir arredor do 40-50% dos compromisos de repoboación e traballos forestais (desbroces, podas, etc.).
Ante esta situación, Confemadera advirte de que o diagnóstico das necesidades do sector está claro: “É necesario agora actuar e adoptar medidas que supoñan unha mellora na posta en valor e aproveitamento forestal de Galicia, dando continuidade á actividade das preto de 3.000 empresas da industria da madeira, que en Galicia dan traballo a 70.000 persoas”, valora a patronal en nota de prensa.
ACTUALIZACIÓN
– A Xunta deféndese das críticas de Confemadera.