“A Mariña sempre foi unha comarca cun gran dinamismo emprendedor no rural”

A Asociación de Desenvolvemento Rural (ADR) Terras de Miranda continúa apostando polo desenvolvemento dun turismo sostible do territorio, potenciando os recursos descoñecidos de cada Concello, en paralelo ao traballo con outros sectores como o agrícola ou o servizos

“A Mariña sempre foi unha comarca cun gran dinamismo emprendedor no rural”

A xerente do GDR Terras de Miranda, Elena Martínez. / Fonte: Elaboración propia

Dar ferramentas aos axentes que integra o territorio e fomentar un turismo sostible é a folla de ruta que segue a Asociación de Desenvolvemento Rural (ADR) Terras de Miranda. Este grupo integra moitos outros colectivos que lle fan diversificar o esforzo cara diversas ramas de actividade, desde o sector agrícola ao sector servizos, onde se volca coa dotación de servizos sociais. Falamos coa xestora da asociación, Elena Martínez.

Canto tempo levades coordinando o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), que municipios comprende, institucións e que colectivos que participan?

Levo traballando no GDR 21 anos, 15 anos como xerente na Asociación Terras de Miranda, no primeiro Leader + (2002-2006) e no Leader actual (2014-2020) e 6 anos como técnico do GDR Comarca de A Mariña (2007-2013). Comprendemos 14 municipios: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Xove.

Forman parte do noso GDR: Concellos, Asociacións de Mulleres Rurais, de Mozos e Mozas, Culturais, Artesanais, SAT, ACIAM (Asociacións de comerciantes), Asociacións de veciños, de Mozos e Mozas Agricultoras, de Fruticultores, e un longo etcétera.

Un dos vosos lemas é ‘Impulsando o progreso da Mariña Lucense’. A que tipo de proxectos se orientaron as axudas nos últimos anos para conseguir este impulso (tanto públicos como privados)?

A nosa actividade foi moi plural e orientada a articular todos os elementos que interveñen na dinámica do nosos territorio. Por exemplo, subvencionamos proxectos de aloxamento turístico (aldea de turismo rural, pensións, hoteis, apartamentos turísticos, glamping, cabanas de madeira,etc.), proxectos empresariais, transformación e comercialización de produtos agroalimentarios, vivendas para maiores independentes,  construción de locais sociais e equipamentos dos mesmos para o desenrolo de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías ou equipamento para o desenrolo de outras actividades de formación, entre outros moitos proxectos.

Ademais, recentemente traballamos con paquetes turísticos que presentamos ao resto de axentes do territorio, ao mesmo tempo que fixemos obradoiros de como elaborar un paquete turístico para crear sinerxias entre todos eles. Ademais, pretendemos incentivar que todos os axentes sexan quen de dar información específica e turística tanto da zona, como das posibilidades que ofrece, para levar o turismo máis alá de certos puntos de interese destacados.

Como valorades a situación de desenvolvemento rural no voso territorio e os obxectivos que vos marcades?

Considero que todo contribúe a favorecer o desenvolvemento do noso territorio, desde unha pequena iniciativa a unha máis grande, e que os resultados vense a curto e medio prazo.  Proxectos empresarias, turísticos, de servizos sociais, agrarios, etc., en algúns como os servizos sociais son máis inmediatos, no sentido en que a repercusión para o territorio é dende un primeiro momento.

A Mariña sempre foi unha zona con un gran dinamismo emprendedor. Hai emprendedores novos, que queren poñer e poñen en marcha iniciativas, xa desde un carácter moito máis innovador. E logo tamén con empresas que queren modernizar e ampliar a súa actividade para adaptarse ás novas demandas do mercado.

Encontrámonos tamén con debilidades que ten o territorio nas que se debería traballar, pero xa desde un ámbito político que conlevarían á xeración de novas oportunidades no mesmo. Temos un gran problema de transporte, tanto entre os municipios de A Mariña, como de horarios coas cidades porque están moi limitados. Igualmente, os obxectivos que nos marcamos van desde impulsar a creación, modernización e diversificación empresarial, ata traballar nun turismo máis sostible, no ecoturismo, e nunha maior oferta de experiencias turísticas.

O turismo é un dos puntos fortes da Mariña, e en xeral o sector servizos. Desde o GDR  tamén é unha das vosas apostas. Como apoia este GDR o turismo?

Por un lado subvencionando os proxectos turísticos, sobre todo de aloxamento turístico, foron os máis solicitados a través das convocatorias Leader e por outro lado a través de proxectos de animación do GDR:

O primeiro proxecto baseouse en identificar os recursos patrimoniais de carácter cultural, natural e gastronómico de maior interese do territorio para mellorar a competitividade das empresas relacionadas con produtos agroalimentarios locais de KM0 e para o deseño de experiencias turísticas autoguiadas atractivas vinculadas cos procesos produtivos do territorio.

No segundo proxecto fíxose á adaptación da oferta ás características do mercado mediante a creación de paquetes de produtos e experiencias e a creación de sinerxias entre o tecido produtivo e os servizos turísticos do territorio. Tamén se levou a cabo a captación e incorporación de empresas turísticas necesarias para a execución do proxecto, e realizáronse dous obradoiros de networking.

No terceiro proxecto deseñouse un manual de prescritores do destino dirixido ao tecido turístico e un obradoiro de activación de prescritores dirixido ás empresas adheridas co obxecto de presentar unha ferramenta que posibilite o coñecemento da oferta do territorio que permita prestar un asesoramento de calidade aos visitantes, así como facilitar sinerxias con outros axentes cos que se poida colaborar. Presentouse un selo identificativo da Rede de Prescriptores do territorio facendo un estudo de mercados nacionais e internacionais para a comercialización e prospección de mercados, axencias de viaxe e touroperadores, e deseñando un paquete base extraído dos anteriores. Tamén se realizou un FAM TRIP no territorio con axencias de viaxes de Canarias.

Do mesmo xeito, desenvolveuse un proxecto para poñer en marcha un club de produto de ecoturismo, no que se identificaron as bases, o modelo de xestión, o manual de requisitos e o plan de acción. En definitiva leváronse acabo moitos outros proxectos enfocados a desenvolver e potenciar un turismo sostible.

Ademais de todo, a sede do GDR está asentada na Horta de Mondoñedo. O sector primario, e en xeral a agricultura, é outro dos vosos focos?

No referente ao sector primario, traballamos nesta liña a través de proxectos de cooperación con outros GDR galegos. O primeiro proxecto: ‘Alimentos da Biosfera: Rede para a promoción de circuítos curtos alimentarios baixo a marca Reserva da Biosfera’ e logo a través do proxecto ‘Rede de Ecocomedores’ para animar o consumo de produtos ecolóxicos, de tempada e de proximidade en comedores escolares do territorio.

Entre outras colaboracións, participamos como socios do proxecto ‘Eo Alimenta’, cuxo impulsor foi o Concello de Ribadeo xunto coa Universidade e a Fundación Juana de Vega, polo cal se plantexou unha estratexia alimentaria para a cunca do Eo, que afecta a tres territorios -Ribadeo, Trabada e Barreiros-. Neste momento estase a intentar poñer en marcha as accións que se determinaron en dita estratexia.

Arrancamos recentemente un novo período para os Grupos de Desenvolvemento Rural. Cales son os obxectivos da vosa estratexia para esta nova etapa?

  • Diversificación da economía e mellora da competitividade
  1. Modernización e diversificación de empresas
  2. Fomento do autoemprego
  3. Xeración de oportunidades
  4. Potenciación do mercado turístico
  • Plan de dixitalización
  1. Mellora da competitividade empresarial a través da dixitalización dos procesos de produción
  2. Incentivar o teletraballo
  3. Creación de entornos de traballo intelixentes
  4. Aplicabilidade das ferramentas dixitais nos procesos de comercialización
  5. Aplicabilidade das ferramentas dixitais nos servizos a colectivos desfavorecidos
  • Aplicación da estratexia europea ‘Da granxa á mesa’
  1. Valorización dos produtos agroalimentarios de calidade do territorio
  2. Fomento da actividade agraria, principal ou complementaria
  3. Promoción de programas de comercialización de produtos km0
  4. Relación entre a venda agroalimentaria e o agroturismo
  5. Redución da pegada de carbono e da contaminación
  6. Recuperación de terras en abandono para creación ou ampliación da actividade agraria
  • Mellora da eficiencia enerxética e emprego de enerxías limpas
  1. Implantación de enerxías renovables
  2. Mellora da capacidade enerxética nas explotacións agrarias
  3. Redución do gasto enerxético tanto en iniciativas privadas como públicas
  4. Emprego de enerxías limpas nos procesos industriais
  5. Aproveitamento dos recursos da auga
  6. Xeración de actividade económica relacionada coa biomasa
  • Medidas de corresponsabilidade social
  1. Fomento de iniciativas do empoderamento da muller a través da potenciación do emprendemento
  2. Mellora da empregabilidade dos colectivos desfavorecidos, sobre todo persoas con discapacidade
  3. Loita contra a violencia de xénero
  4. Emprego de transporte sen combustible fósil
  • Conservación do patrimonio rural
  1. Mellora e coidado do medio ambiente
  2. Posta en valor dos espazos naturais e dos elementos patrimoniais
  3. Desenvolvemento de actividades turísticas (Ecoturismo- Espeleoparque)
  4. Preservación dos valores idiosincráticos do territorio
  • Servizos asistenciais básicos
  1. Iniciativas de coidado dos maiores, menores e dependentes
  2. Creación e mellora de espazos asistenciais
  3. Servizos básicos ás persoas a domicilio
  4. Mellora dos servizos de transporte adaptado

Con que orzamento contades e que investimento prevedes mobilizar?

Se 3.000.000€ é o investimento a mobilizar, pois aproximadamente o dobre.

Que cuestión ides priorizar, polo tanto, para este novo ano que ven?

Entre elas está o sector empresarial e agrario/forestal. Imos darlle unha volta para implicarnos neste ámbito e ver de que xeito podemos apoialo.

Que destacarías do Bono Activa Rural?

Son 18.000€ para autónomos. É unha nova oportunidade que se introduce no novo programa da cal se poderán beneficiar proxectos que sexan importantes para os núcleos rurais, pero que polas características dos mesmos non dean alcanzado unha puntuación o suficientemente elevada para conseguir subvención, xa que tamén os recursos cos que contamos son escasos.

Como valorades o nivel de coñecemento que ten a poboación nas vosas comarcas sobre o GDR e as posibilidades das axudas Leader?

Todavía hai xente no territorio que non coñece os GDRs, pero penso que levando xa tres programas Leader realizados no territorio, o coñecemento é cada vez maior, ao igual que a demanda de proxectos ou información acerca das nosas axudas.

Tamén os proxectos de animación e cooperación nos permiten traballar con axentes do territorio de distintos ámbitos que fai que cada vez coñezan mellor o noso traballo e se dirixan a nós para demandar axuda ou charlas, formación, etc.. e tamén fai que aumenten as sinerxias entre os distintos axentes implicados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información