A falta de auga empeza a afectar ao viñedo e adiantará a vendima

Publicidade
A falta de auga empeza a afectar ao viñedo e adiantará a vendima

Síntomas de estrés hidrico. Foto: Estación Fittopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de publicar o seu informe fitosanitario, no que actualiza a situación dos viñedos da provincia durante os últimos días.

A progresión da maduración das uvas debido á calor deste mes apunta a que pode adiantarse a vendima de seguir así as condicións do tempo, o cal en principio parece que vai suceder. En todo caso, os técnicos da estación pontevedresa advirten de que “se non chove, nas plantas con déficit hídrico pode haber algúns problemas para que este proceso sexa axeitado”.

En canto ás principais enfermidades fúnxicas esta é a situación durante os últimos días:

Mildio:

Vai rematar un mes no que non houbo precipitación algunha, caracterizado ademais por humidade relativa baixa en xeral e temperaturas máximas moi elevadas, polo que hai unhas condicións moi desfavorables á enfermidade do mildio.

Deste xeito, nin nas fincas tratada, nin nos viñedos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro non tratados desde o 18 de xuño, nin nas abandonadas aparecen sequera síntomas nos gromos novos.

Ademáis, os técnicos lembran que “os acios xa empezan a estar libres de poder ser afectados debido ao estado fenolóxico actual, pero non así a folla e os pampos, e co estrés destes días as plantas non poden perder máis folla da que xa está a cair pola climatoloxía debido a que pode interferir na boa maduración da uva”.

As previsións tampouco apuntan a que poda haber afectación do mildiu, xa que “as diferentes axencias consultadas, a día de hoxe, dan ata 15 días máis de tempo seco e solleiro aínda que con maior presenza de nubes algúns días”. “Polo tanto -aconsellan- non é necesario renovar os tratamentos”.

Oídio:

O patóxeno responsable desta enfermidade non precisa tanta humidade como o causante do mildio para desenvolverse e así na revisión desta semana os técnicos de Areeiro seguiron a observar “focos de acios afectados nas viñas que veñen arrastrando síntomas”. “Estes focos son en xeral de pequena
superficie, e afectan aos acios onde primeiro se desenvolveu a enfermidade e máis aos próximos, pero nalgún caso son moi evidentes”, precisan.

As condición climáticas actuais de alta iluminación e baixa humidade relativa non lle son favorables ao fungo. Sen embargo, avisan de que aínda que non se prevén choivas para as próximas xornadas, “si que se prevé un incremento das nubes e da humidade relativa, o que pode favorecer este fungo”.

Por este motivo, e aínda que xa non hai tanto risco de perda de acios ao estar no pintado, a recomendación da estación pontevedresa é “manter a vixilancia nos predios onde se detectara a enfermidade na campaña (nos que non a teñan sería moi difícil que aparecera a estas alturas)”.

Black-rot:

Ao estar a campaña tan avanzada xa os acios son inmunes á enfermidade, pero aínda poderían ter lugar contaminacións nas follas nas viñas con presenza do fungo de producirse choivas, o que parece que non sucederá nos próximos días.

Botrite:

“Conforme as uvas se achegan á madurez son máis sensibles a este patóxeno. Pero tamén é certo que é un fungo que precisa humidade e temperatura para desenvolverse, e neste mes non van darse estas condicións conxuntamente, nin parece que nos próximos días”, avanzan dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

En todo caso, apuntan que “tamén a presenza de podre está relacionada coa existencia de feridas nas uvas, e neste momento os grans en xeral están bastante sans, mesmo aqueles de variedades máis sensibles, pero hai que seguir con atención a evolución dos acios nas próximas semanas, porque poden producirse danos a partir das perforacións das avelaíñas, de rachos accidentais por rozas, etc”.

Avelaíñas do acio :

Aínda manténdose en niveis sumamente baixos as capturas de machos nas trampas, os técnicos de Areeiro informan de que na practica totalidade de viñas visitadas hai presenza de algunhas penetracións de Lobesia botrana, “pero nunha delas a situación observada esta semana foi diferente, e de feito sabemos que as poboacións do insecto poden ser moi variables entre predios próximos”.

Os danos directos desta praga non soen ser graves pero as feridas ou penetracións das eirugas son vías de entrada para o fungo da podre (e por iso os limiares de tratamento gardan relación coa sensibilidade da uva ao patóxeno).

Por tanto, aconsellan que “é fundamental facer seguimentos específicos en cada predio para decidir sobre a conveniencia ou non de realizar unha intervención” e lembran que “non deben ser intervencións inxustificadas para protexer á fauna beneficiosa que existe nas viñas”.

Outras incidencias:

Continúan as mesmas referidas nas últimas semanas: plantas con síntomas de alteracións de madeira, acios con golpe de sol e síntomas de déficit hídrico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información