Baixo o título “Utilización de sistemas de pastoreo en explotacións de produción de leite. Influencia na calidade do leite”, César Resch expuxo as conclusións dun estudo levado a cabo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
Como punto de partida, recomenda que para a elección do sistema de alimentación das vacas de leite se teña en conta: os condicionantes da explotación; as instalacións, superficie e man de obra da que se dispón e analizar os pros e os contras do pastoreo e da estabulación permanente.
“Hai que optar por un sistema intentando obter o máximo do mesmo, porque habitualmente os sistemas mixtos dan malos resultados”, asegura.
Como podemos optimizar o pastoreo?
Para isto, César Resch recomenda:
-
Facer unha estimación da produción de herba
-
Controlar continuamente a produción dispoñible de herba e o seu crecemento
-
Facer silo só coa herba sobrante, intentando que as vacas coman o máximo de herba a dente.
-
Optimizar o agrupamento dos partos para que a oferta e a demanda se axusten o máximo posible.
Obxectivo: reducir á metade as necesidades de silo
O obxectivo co sistema de pastoreo é reducir á metade as necesidades de silo das vacas que se estiveran estabuladas permanentemente.
En concreto, pasar de 4 toneladas de materia seca por vaca e ano en intensivo a 1,7 toneladas.
Para iso é necesario facer un presuposto forraxeiro para as vacas ao longo do ano, tal e como se amosan nesta gráfica:
Etapas para o agrupamento dos partos:
A outra clave para sacarlle o máximo rendemento ao pastoreo nunha explotación de leite é agrupar os partos para concentralos nos meses de febreiro, marzo e abril, para que a época de maior produción de leite da vaca coincida cos meses con maior dispoñibilidade de pastos.
Trátase dunha labor que require de estratexias de inseminación, seleccionando unha data de parto e planificando as parideiras nas datas desexadas, unha labor que require como mínimo dous anos.
Na seguinte gráfica obsérvase unha estratexia de inseminación:
Ensaios de pastoreo: primavera 2010/2011 e 2012
A continuación exponse os resultados dos ensaios realizados no CIAM con vacas en pastoreo de xullo a setembro (2010); de maio a xullo (2011); e de abril a xuño (2012) para ver os seus resultados na calidade do leite.
Características do pastoreo:
-
O pastoreo fíxose entre os muxidos da mañá (8:00 h) e a tarde (20:00 h)
-
Dieta: pasto a vontade durante o día, e mestura unifeed pola noite no establo. A mestura estaba composta por 13-15 kg de ensilado de millo, ½ kg de palla e 2-2.5 kg de concentrado/vaca
-
O manexo do pastoreo nas parcelas era rotacional, con dous fíos eléctricos, e un avance cada 1 a 2 días (3 os fins de semana).
-
Experimentouse con catro tipos de pasto: raigrás inglés, trevo branco, trevo violeta e alfalfa, como especies sementadas en cultivo único..
-
As vacas eran Holstein, do rabaño experimental do CIAM, e en distintos estados de lactación ( 225 días en 2010; 135 día en 2011; 90 día en 2012).
-
Todas as vacas pasaron por todos os tratamentos (os catro tipos de pastos).
Resultados: o pastoreo aumenta o Omega 3 do leite
Os resultados do ensaio son un aumento xeral dos niveis de ácidos graxos Omega 3 no leite, por riba do 0,9, tal e como se mostra nas gráficas de resultados: