As proantocianidinas, unha sustancia utilizada pola industria farmacéutica e que se pode extraer da madeira, cotizan no mercado internacional a 1.000 dólares o quilo. Como as proantocianidinas, hai moitas outras sustancias químicas usadas en sectores como a cosmética, a protección de cultivos ou a saúde animal que se poden obter das árbores. A bioquímica da madeira, unha tendencia emerxente de gran valor engadido e perspectivas prometedoras, é un dos retos que encara a cadea forestal nos próximos anos.
As previsións para o sector da madeira en Europa dibuxan un escenario de futuro no que baixan os consumos ligados á industria do papel e do taboleiro e soben os consumos relacionados coa bioeconomía. O uso para o que se prevé un maior crecemento é o da biomasa como combustible, que medrará en Europa arredor dun 40% de aquí ó 2030, segundo os cálculos que manexan os expertos. A obtención de novos produtos derivados da madeira, como téxtiles, bioplásticos e químicos é outra das vías de traballo a nivel internacional.
A rexión de Aquitania, no suroeste francés, conta cun cluster de empresas ligadas á bioquímica da madeira
Xornadas en Galicia
Galicia acolleu este outono dúas xornadas que contaron coa participación de expertos europeos para debuxar algúns dos cambios que parecen aveciñarse no sector da madeira. Pascal Xanthopoulos, director de Polybridge, un centro de investigación de Aquitania (suroeste de Francia), expuxo no congreso Agrobiotech (Ourense) as posibilidades da química da madeira.
Xanthopoulos incidiu nas novas posibilidades de valorización de serríns, astillas, nós e outros coprodutos das industrias do aserrado e do papel. Toda madeira componse principalmente de celulosa, hemicelulosa e lignina, materias primas das que se poden extraer numerosos produtos.
Usos
Da lignina, por exemplo, obtense a vanilina, a versión sintética dos extractos de vainilla, usados para xerar aromas e sabores. O seu interese, a vanilina cotízase a 12 dólares o quilo. O sulfato de trementina, outro elemento de aromas derivado da madeira, move un mercado anual de 600 millóns de dólares.
A vanilina cotízase a 12 dólares o quilo, o sulfato de trementina move 600 millóns anuais e os extractos para medicamentos superan os 1.000 dólares quilo
Os extractos de maior valor, con todo, son os usados na industria farmacéutica para o tratamento de problemas como enfermidades cardiovasculares, cancro de próstata, mellora da circulación do sangue ou protección da pel, que chegan a superar os 1.000 dólares o quilo.
Da celulosa extráese o acetato de celulosa, empregado en pantallas LCD ou válido tamén para téxtiles de alta calidade. A ether celulosa, outro derivado, úsase na industria farmacéutica para recubrimento de pastillas e como axente espesante na agroalimentaria e na das pinturas, e así un longo etcétera.
Tecnoloxías
A complicación do asunto radica na extracción dos químicos da madeira, se ben en Aquitania, Pascal sinala que xa hai un cluster de empresas, Xylofutur, que traballa nas tecnoloxías da extracción. Un dos puntais do cluster é Tembec, unha biorrefinería de biomasa a gran escala. “Esta é a liña de futuro” -valora Pascal-. “A bioeconomía tende a crecer, en tanto as industrias do papel e do taboleiro tenden a minguar. No 2004, Francia tiña 17 factorías de papel. Cinco anos despois eran 12”, compara.
“No 2004, Francia tiña 17 factorías de papel. Cinco anos despois eran 12” (Pascal Xanthopoulos, Polybridge)
Conclusións similares manexa tamén Yves Lesgourgues, consultor do European Forest Institute, que interviu este outono nunhas xornadas organizadas en Santiago pola plataforma forestal Devesa. Yves tamén procede, igual que Pascal, de Aquitania, unha zona do suroeste francés caracterizada polos bosques de piñeiro das Landas e pola súa industria da madeira. As previsións que expuxo en Compostela o consultor do European Forest Institute apuntan na liña de crecemento da bioeconomía e da baixada da importancia do papel e da industria do taboleiro.
Consumos de madeira na UE
No 2010, os consumos de madeira na UE dirixíanse principalmente á industria do papel (61%) e a produtos da madeira (35%), en tanto a biomasa como combustible e para a obtención de enerxía supuña só un 4%. Para o 2030, as previsións apuntan a que o principal consumo serán os produtos da madeira (44%), en tanto o papel reducirá o seu peso ata o 30% e collerán pulo o consumo da biomasa (15%) e os novos produtos da madeira (químicos, bioplásticos, téxtiles, etc.), cun 11%.
As previsións apuntan a que biomasa e novos produtos representarán un 26% do consumo da madeira en Europa no 2030
Yves Lesgourgues incide en especial no crecemento en Europa do sector da biomasa nun 40% de aquí ó 2030, segundo as estimacións de Pöiry, unha consultora enerxética multinacional. Arredor dun 60% das necesidades de biomasa cubriranse con madeira, en tanto outro 40% farase con subprodutos industriais.
Situación en España e en Galicia
En España, as novas tendencias de bioeconomía da madeira están en fase embrionaria. Castilla La Mancha proxecta unha planta piloto de biorrefinería que permitirá poñer a punto procesos para obter, a partir de vexetais, bioplásticos, biocombustibles e outros materiais. Tamén hai un consorcio de 14 empresas, denominado Valor Plus, que comezou a traballar no 2014 na obtención de produtos de alto valor engadido a partir de palla de trigo, millo e serrín.
En España proxéctase unha biorrefinería piloto en Castilla La Mancha
En Galicia, o sector forestal amósase prudente ante as novas expectativas. O uso da madeira como biomasa para caldeiras (pellets, astillas) si se foi consolidando nos últimos anos e xa hai unha rede de empresas por toda a comunidade que traballa para biomasa a madeira de trituración, principalmente piñeiro, en competencia coa industria do taboleiro.
Os usos da biomasa para a xeración de enerxía eléctrica, que hai anos tiñan boas perspectivas en Galicia, están agora en horas baixas polas menores primas públicas, en tanto quedan no terreo das posibilidades potenciais as innovacións ligadas á bioquímica e a novos produtos derivados da madeira.