Representantes dos gandeiros que participan nos bloqueos ás grandes cadeas de distribución na Coruña, Lugo e Lalín estanse a reunir nestes momentos coa directiva de Gadisa en Lalín para poñer fin aos bloqueos programados ou xa en marcha, caso de Lalín, contra a distribuidora galega. O obxectivo da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego é lograr un acordo de suba de prezos aos produtores similar ao que xa acadaron con Eroski, Carrefour e Lidl.
Os resultados da reunión trasladaránselles posteriormente aos gandeiros reunidos nunha asemblea convocada para as 17:00 horas na Coruña e ás 22:00 horas en Lugo, na entrada do Carrefour, nas que decidirán as medidas a tomar. Gadis é, xunto con Alcampo e DIA, unha das grandes cadeas de distribución nas que a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego ten previstas medidas de protesta para demandar que a suba do prezo do leite chegue ao gandeiro para poder cubrir os custos de produción.
Reunión en Lugo entre Agromuralla e Leclerc
Ao mesmo tempo, ven de comezar en Lugo unha reunión entre representantes de Agromuralla e de Leclerc para acadar un acordo na mesma liña. Onte pola tarde, os gandeiros de Agromuralla visitaron o Leclerc de Lugo e a dirección do centro comprometeuse a subir 5 céntimos o prezo do leite daqueles cartóns que teñen o prezo máis baixo no seu lineal. Asemade, Leclerc comprometeuse a que ese prezo chegue aos gandeiros. Na reunión de hoxe agárdase que se concrete máis o acordo.
Dende Agromuralla aseguran que para que se cubran os custos de produción do gandeiro, o prezo do litro de leite no lineal da distribución ten que estar por riba de 0.63 euros.
Para esta tarde está prevista por Agromuralla unha concentración dos gandeiros ante o Gadis do Ceao ás 16:00 horas. O mesmo tempo, outro grupo de gandeiros quedarán ás 16.00h diante do Multiusos para visitar pequenas tendas de alimentación e comprobar que venden marcas de leite por riba dos 0,63 euros. A tódalas que o cumpran colocaráselle un cartel na porta de acceso ó establecemento onde se identifique claramente que “aquí venden leite,valorando o traballo dos gandeir@s” e daranlle publicidade no Facebook.
Por último, para mañá mércores ten previsto Agromuralla unha manifestación en Lugo de mulleres e de cativos fillos de gandeiros para demandar das administracións solucións para o sector.
Inicio de achegamento entre Agromuralla e a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego
As mobilizacións dos produtores lácteos galegos, aínda que con diferentes estratexias en Agromuralla e nos sindicatos agrarios presentes na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, parecen estar provocando un inicio de achegamento, sobre todo a medida que a mobilización dos gandeiros na Coruña e en Lalín foi logrando acordos con Carrefour, Eroski e Lidl.
Así, o portavoz de Agromuralla, Roberto López, salientou na asemblea celebrada onte pola noite “o noso apoio aos compañeiros que están bloqueando o Carrefour de Lugo e os que participan nos bloqueos da Coruña, pois aínda que con procedementos distintos aos nosos temos os mesmos fins: que se traslade aos gandeiros a suba de prezos que se aplicou nos lineais”.