O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela organiza dúas xornadas o 14 e 16 de xuño coas que se pretende achegarse a persoas interesadas no ámbito da hortofruticultura, de cara a ofrecerlles acompañamento técnico. Estas accións englóbanse no proxecto ‘Paisaxes Intelixentes’, no que participan ademais outros catro grupos: GDR Ribeira Sacra, GDR Deloa, GDR Comarca de Ordes e o GDR Costa da Morte.
A primeira delas terá lugar o 14 de Xuño na Casa da Cultura do Concello de A Baña a partir das 16:30h, e a seguinte será o 16 de Xuño no Centro Comercial Monte Balado (3º andar) – Brión a partir das 16:30h. Están enfocadas a captar a todos aqueles labregos e labregas que iniciaron recentemente ou están a iniciar a súa actividade económica neste sector. En ambas sesións, contarase co apoio da labrega e formadora Carmen Freire, e exporánse as actividades a realizar para poder organizar este grupo de traballo.
“Dentro do proxecto preténdese dignificar aos produtores labregos, valorizar os produtos locais e de proximidade, concienciar á cidadanía para fomentar o consumo de alimentos locais e agroecolóxicos, dinamizar os mercados locais da contorna, ou mobilizar terras e implementar variedades tradicionais, entre outras”, sinalan desde o GDR Terras de Compostela.