Condado Paradanta, un territorio que deseña o seu reverdecemento

O Grupo de Desenvolvemento Rural da comarca ultima a súa estratexia 2023-2027, enfocada a potenciar os recursos do territorio, como a agricultura e o sector forestal, así como o seu posicionamento como xeodestino turístico

Condado Paradanta, un territorio que deseña o seu reverdecemento

Os Pasos de Tatín sobre o río Tea, e o Meandro do río Tea, zona agrícola e fértil. / Fonte: GDR Condado Paradanta

A posta en valor dos recursos do territorio é a liña principal de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta, que abrangue dez concellos do sureste da provincia de Pontevedra. Nesa liña, o GDR, xestor de programas europeos como o Leader, apoia tanto proxectos produtivos como non produtivos (por exemplo, servizos á veciñanza ou iniciativas de dinamización turística).

O GDR Condado Paradanta atópase agora deseñando a súa estratexia 2023-2027, que ten a transición ecolóxica como guía e que busca traballar coas potencialidades do territorio, como o turismo, a agricultura ou o sector forestal. Esa estratexia guiará os proxectos do Grupo e as próximas convocatorias de apoios, a partir do 2024, pois a convocatoria deste ano xa se fixo no primeiro trimestre, cun total de 27 proxectos presentados.

Algúns dos piares do traballo do GDR son os que analizamos a continuación:

    • Xeodestino Condado Paradanta

O Xeodestino Condado Paradanta naceu como un instrumento para a promoción do territorio da comarca, que comparte unha identidade turística común. Unha das súas primeiras iniciativas foi o lanzamento dun visor turístico que cataloga máis dun milleiro de puntos de interese nos distintos municipios da zona, de xeito que o visitante pode xeolocalizar a través do seu ‘smartphone’ distintas propostas ao seu redor, desde elementos patrimoniais a áreas recreativas, adegas, servizos de hostalaría e aloxamento, ou festas e mercados de interese.

Durante os próximos tres anos, o Xeodestino manexa un plan de sustentabilidade dotado de 1,5 millóns de euros que lle permitirá colaborar no impulso a proxectos e eventos.

    • Potenciación da agricultura e do sector forestal 

O territorio do Condado Paradanta, cunha climatoloxía vantaxosa, presenta gran potencialidade tamén para a agricultura, tanto no viñedo, unha actividade xa consolidada, como noutras áreas. “Entre os anos 1930 e 1960, toda a zona de Ponteareas, Mondariz ou Salceda era considerada como a horta de Vigo”, lembra o xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González.

Imaxe do xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González. / Fonte: GDR Condado Paradanta

Imaxe do xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González. / Fonte: GDR Condado Paradanta

No marco da Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia, o GDR considera que hai ferramentas para impulsar novos proxectos. “Temos detectado moito interese en emprender. A terra ten que deixar de ser un problema e pasar a ser unha oportunidade, iso si, adaptándose ás peculiaridades do noso territorio, como o minifundio”, apunta Paco González.

O Grupo de Desenvolvemento Rural, conxuntamente co GDR Mariñas – Terras de Betanzos, está desenvolvendo o proxecto Viño e Froita, co que está a divulgar as posibilidades de plantacións froiteiras, como os cítricos ou as mazás, xunto con formación sobre manexo do viñedo, unha actividade máis tradicional na zona.

Alén da terra agraria, outra grande parte do territorio da comarca correspóndese co monte. “Temos máis de 100 comunidades de montes veciñais. Se simplificamos, podemos dicir que case un 60% do noso solo é forestal. Desde o GDR estamos convencidos de que isto ten que ser unha oportunidade”, avanza González.

“Case un 60% do noso solo é forestal, entón, desde o GDR estamos convencidos de que isto ten que ser unha oportunidade” (Paco González)

    • Transición ecolóxica

O Grupo desenvolveu recentemente tres xornadas participativas para recoller as inquietudes veciñais a nivel de transición ecolóxica, o piar que guía a estratexia do GDR para o periodo 2023-2027.

A raíz dos lumes do 2017 levamos a cabo un proxecto que lle chamamos ‘Reverdecer’, que o que perseguía era reverdecer un territorio terra ardida, é dicir, reverdecer desde o punto de vista ambiental, turístico, económico e tamén do sector agrario. Isto concluíu na necesidade inminente dunha transición ecolóxica”, avanza Paco González.

Con ese enfoque, o Grupo procurou a participación social dos veciños. “É un mecanismo decisivo se queremos facer cousas novas para solucionar os problemas de sempre, o que implica buscar a cooperación”, destaca. Deste modo, o GDR programou tres xornadas para debatir e para coñecer iniciativas que se desenvolven noutros territorios, como a Estratexia agroalimentaria do Eo, na que un conxunto de axentes da comarca colaborou para impulsar o produto alimentario de cercanía.

Outro dos focos das xornadas estivo na terra. “Quixémonos ocupar dunha cuestión que supera as capacidades de decisión do GDR, pero non de reflexión, sobre a reordenación e usos do territorio porque é moi importante que quede ben definido que se pode facer e onde se pode facer”, detalla o xerente. Algo que desde a Consellería de Medio Rural se está definindo coa elaboración do “Catálogo de usos agropecuarios”.

Desde o Grupo sinálase tamén a importancia de establecer medidas que contribuan a facer que a actividade económica convoca en harmonía coas necesidades dos residentes, “cunha correcta ordenación territorial que faga compatible, por exemplo, a chegada de grandes adegas cos intereses e necesidades dos veciños”, aclara.

A transición enerxética foi o tema principal da terceira xornada participativa. “Somos un territorio, como o resto de Galicia, cunha produción de enerxía importante, polo que temos que procurar ser un territorio moi beneficiado pola enerxía que se produce”, sinalan. Neste eido, o fomento das comunidades enerxéticas está no seu punto de mira.

    • Diferenciación

“Temos claro que un territorio atendido e coidado é un territorio protexido”. Sobre esa base de traballo, o GDR pensa en plasmar a súa potencialidade nunha marca a nivel comarcal. “Queremos crear unha marca a nivel comarcal que sirva como paraugas para que se vexan representados e promovidos os axentes de diferentes actividades económicas, sobre todo no sector agrario e turístico”, afima González. 

Cómpre lembrar que neste camiño de diferenciación, o GDR xa é xestor do selo Sicted -Sistema Integral de Garantía de Calidade Turística en Destinos-, que actúa como un distintivo de garantía de calidade turística e doutros sectores da zona. A intención de continuar baixo o amparo deste selo permitirálle á comarca trasladar aos visitantes unha imaxe conxunta de esforzo e compromiso coa calidade e mellora continuas.

Sobre o Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta é unha entidade sen ánimo de lucro que foi constituída no 2008. Localízase na zona sureste da comunidade e abrangue os concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas,  Salvaterra de Miño, e Salceda de Caselas, coa peculiaridade de que hai 2 pontes que conectan con Portugal. En conxunto, este territorio ten unha poboación aproximada de 65.000 persoas.

Este organismo está constituído tanto por entidades públicas como privadas. As públicas son os 10 Concellos da comarca, nos cales hai 2 entidades menores do territorio, Vilasogroso e Queimadelos, e a Deputación de Pontevedra; e tanto entre as entidades privadas están asociacións sen fins de lucro que conforman a maior parte do tecido social do territorio. 

Estas entidades, tanto públicas como privadas, articúlanse en mesas sectoriais, dando lugar a 9 diferentes, así como por unha xunta directiva formada por 21 membros, que representan ás diferentes mesas sectoriais.

Das orixes á situación actual

“Antes da miña chegada ao GDR no 2017, tiña unha participación activa na dinamización do territorio con entidades privadas, e véxoo un territorio con moitas posibilidades pola súa posición estratéxica, debido a que é unha zona rural con influencia en Vigo, e preto doutras cidades como Ourense e Oporto. O sector máis potente é o de servizos, con especial presencia do turismo, e logo, tamén ten unha forte pegada o sector agrícola debido a que 6 dos concellos que o integran están na D.O. Rías Baixas”, explica o xerente do grupo e un dos tres técnicos do equipo técnico do GDR Condado Paradanta, Paco González.

Sala de enoturismo da Bodega As Laxas, confinanciada por fondos Leader. / Fonte: GDR Condado Paradanta

Sala de enoturismo da Bodega As Laxas, confinanciada por fondos Leader. / Fonte: GDR Condado Paradanta

“Ademais da xestión dos fondos Leader, o GDR representa un axente dinamizador que permitiu establecer unha rede entre as diferentes entidades presentes no territorio, fortalecendo tamén sinerxias entre os diferentes municipios”, amplía o xerente.

Con esa base, o GDR estivo desenvolvendo xornadas participativas para definir os seus obxectivos e estratexia de traballo no periodo 2023-2027, no marco das súas competencias e capacidades, pois entre as necesidades observadas, hai algunhas que o GDR non vai poder abordar pola súa magnitude, como poden ser as cuestións de mobilidade, a garantía dunha boa conexión a internet ou a dispoñibilidade de vivenda. Tamén a a atención social de certos colectivos, unha cuestión na que o GDR xa viña colaborando na medida das súas posibilidades.

Máis información:

Enderezo: Rúa Silleda, s/n, 36880 A Cañiza, Pontevedra

  • Email: gdr (arroba) gdrcondadoparadanta.gal
  • Tel. 986 663 329

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información