“Os viños do Bierzo clasificados por parcela e paraxe teñen moi boa acollida no mercado”

Entrevista a Carmen Gómez, directora técnica do CRDO Bierzo, unha Denominación de Orixe pioneira en España en clasificar os viños por paraxe e por parcela

Publicidade
“Os viños do Bierzo clasificados por parcela e paraxe teñen moi boa acollida no mercado”

Carmen Gómez, directora técnica do Consello Regulador da Denominación de Orixe Bierzo

A Denominación de Orixe Bierzo foi a pioneira en España en introducir a clasificación dos seus viños por paraxes e parcelas, unha forma de pór en valor o terroir, especialmente en territorios con minifundio e orografía moi variable, e que xa leva moito tempo implantada noutras zonas de Europa de gran prestixio vitivinícola como Borgoña.

Para coñecer como foi a posta en marcha desta nova clasificación dos viños falamos con Carmen Gómez, directora técnica do CRDO Bierzo, que recentemente impartiu unha charla en Sober (Lugo).

Como cualificarías a situación actual da Denominación de Orixe Bierzo?
A imaxe da nosa Denominación de Orixe vista desde fóra como figura de calidade, creo que é moi boa, que nos atopamos dentro das Denominacións de Orixe punteiras debido ao gran traballo que realizamos en canto á clasificación.

En canto ao Bierzo, a nosa situación actual é a seguinte:

2250 hectáreas
1078 viticultores
74 adegas inscritas
15.000 parcelas inscritas
Superficie media por parcela: 0.15 ha
Superficie media por viticultor: 2.08 ha
Nº medio de parcelas que traballa cada viticultor: 14

Isto indícanos o carácter claramente minifundista da comarca, e que ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. Grazas ao minifundio conservamos o viñedo vello, xa que como as parcelas eran moi pequenas e de moitas persoas non se puideron concentrar grandes superficies para arrincar e facer novas plantacións, polo que a idade media do viñedo no Bierzo é de aproximadamente 75 anos. De feito, somos probablemente a zona vitícola con maior cantidade de viñas vellas do mundo, que producen uva de gran calidade debido ao equilibrio na produción ao longo dos anos.

“A idade media dos viñedos no Bierzo é de 75 anos, somos a zona con máis cepas vellas do mundo”

As nosas viñas teñen unha gran variabilidade xenética nas plantacións, xa que se conservaron numerosos clons e variedades minoritarias que doutra forma extinguiríanse, como é o caso da Estaladiña, que é unha variedade única no Bierzo que se logrou rescatar e evitar que se perdese. Os labores que se realizan son practicamente todas manuais, facendo difícil a mecanización, a vendima é manual, a selección da uva faise na viña, todo isto fai que os custos de produción sexan elevados.

En canto ás variedades que temos son:
Mencía: 75.48 %
Garnacha Tintorera: 1.61%
Merenzao: 0.2%
Estaladiña: 0.1%
Godello: 10.08%
Palomino: 10.38%
Dona Branca: 2.33%
Malvasía: 0.1%

Sobre as variedades indicar que no noso prego de condicións só temos incluídas variedades autóctonas non abrindo o abano a variedades foráneas, mantendo a identidade da zona.

-Cales son os principais retos de futuro para a DO?
O principal reto que temos é pór en valor o traballo da clasificación dos viños que puxemos en funcionamento a partir da colleita 2017, co fin de que o Bierzo sexa recoñecido mundialmente polos seus viños e as súas viñas.

-Que fai singulares aos viños da DO. Bierzo dentro dos viños de Castela e León?
A diferenza fundamental é que as variedades que temos na nosa Denominación de Orixe son variedades autóctonas, diferentes do resto das que se cultivan en Castela e León, polo que fai que o noso produto sexa exclusivo e diferente.

 “No Bierzo as variedades de vide que cultivamos son autóctonas, diferentes do resto das que se cultivan en Castela e León”

-A comarca do Bierzo comparte moitas similitudes coa de Valdeorras, e tamén en variedades como a godello ou a mencía. Cales son as caracteristicas que vos diferencian? Consideras que hai base para traballar nunha DO supraautonómica, como o caso da Rioxa?
Aínda que Bierzo e Valdeorras compartan as variedades, as diferenzas entre os viños brancos e tintos son significativas, e estas son debidas principalmente ao que tradicionalmente chamamos “terroir”, que fai que un viño de Mencía do Bierzo teña unhas características diferentes a un viño Mencía de Valdeorras, principalmente polas diferenzas no clima e no chan, polo que creo que ambas denominacións de orixe ten a súa propia identidade e por iso son recoñecidas ámbalas dúas a nivel mundial.

-Fostes uns dos pioneiros en España en pór en marcha a clasificación dos viños da DO. por paraxe e por parcela. Que vos levou a tomar esta decisión?
Tomouse a decisión debido a que numerosos produtores estaban a elaborar viños das súas mellores paraxes por separado, e mesmo había máis dunha adega que elaboraba viño dunha mesma paraxe. Ademais, os consumidores cada vez queren saber máis sobre a orixe dos viños e os produtores querían ofrecer esa información adicional na etiquetaxe, co fin de pór en valora as aldeas e as paraxes de gran tradición na produción de uvas de calidade e que o consumidor poida ter información veraz na etiquetaxe, facendo necesario que se regulasen as condicións de uso do nome dos pobos e das paraxes. Con isto mellorouse a oferta de viños da nosa Denominación de Orixe, e reforzouse a nosa fama ante a opinión de expertos e consumidores.

-Como se está levando a súa aplicación? Require moita complexidade técnica?
Comezamos a realizar controis na colleita 2017, isto require un maior control por parte dos técnicos do Consello Regulador, pero tamén unha maior implicación por parte das adegas, xa que ao final do que se trata é que a adega ten que ser capaz de demostrar a orixe do viño que está a pór no mercado, cun nome dunha determinada vila ou paraxe.

Temos a disposición dos viticultores e das adegas na páxina web de Consello Regulador, no apartado de Clasificación as listaxes por municipios de todas as referencias catastrais das parcelas que pertencen a cada unha das paraxes, ademais de dispor dos planos onde se poden consultar todas as paraxes recoñecidas no noso prego de condicións.

Ademais o Consello Regulador, ten implementado ferramentas para facilitar o traballo ás adegas durante a vendima pondo á súa disposición unha aplicación de vendima denominada “VITIO” que ademais de facilitar o control da vendima serve como soporte para as comprobacións das elaboracións de viños de Unidades Xeográficas Menores. Tamén nestes momentos estamos a implantar unha aplicación de comunicacións chamada ECOB, que serve para facilitar o traballo ás adegas e para o cumprimento do Plan de Autocontrol Mínimo.

Viñedos no Bierzo

Viñedos no Bierzo

-Que requisitos mínimos debería cumprir unha DO para pór en marcha a diferenciación por paraxes e parcelas?
O primeiro é ter no prego de condicións as unidades xeográficas admitidas, no noso caso temos as vilas e as paraxes, e identificados os nomes todos eles. Logo haberá que saber cada unha das parcelas inscritas nos Rexistros do Consello Regulador en que Unidade Xeográfica Menor se atopan.

 “Fixámonos principalmente en Borgoña, un referente en viños de paraxe e de produtores”

-Cal sería para ti a DO referencia neste sentido e por que motivos?
Fixámonos principalmente en Borgoña, xa que dentro dunha mesma paraxe, con características climáticas e edafolóxicas practicamente idénticas cada ano, poden producir viño varios produtores, conseguindo viños diferentes, precisamente pola acción da man do home, achegándonos ao concepto de terroir, tal e como se identifica en Borgoña.

-Como valorades a súa posta en marcha e a acollida que tivo tanto por parte do mercado como de adegas e viticultores?
A acollida foi moi boa, temos ao redor de 30 adegas que elaboran viños de unidades xeográficas menores.

En concreto, Viños de Vila elabóranos 16 adegas, de 14 vilas e en mercado hai 23 referencias. E Viños de Paraxe elabóranos 19 adegas, de 43 paraxes e en mercado temos 53 referencias.

En canto ao prezo do viño, ao ser exclusivos dunhas determinadas zonas, si adquiren un prezo máis elevado en mercado, ao mesmo tempo que incrementan o valor do a uva da que proceden e das viñas de onde saen as uvas.

-Como se presenta esta campaña na DO Bierzo?
De momento moi ben, non hai ningunha incidencia, pasamos o período de xeadas, polo que agora a esperar o que nos trae o tempo durante o período de floración e maduración da uva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información