O chifro do capador ourensán que inspirou a un dos grandes do jazz

O alumnado da escola de Luíntra (Ourense) recupera e descobre novos datos sobre a historia da melodía do chifro do ourensán José María Rodríguez, que inspirou a Miles Davis

O chifro do capador ourensán que inspirou a un dos grandes do jazz

Mural de José María Rodríguez tocando o seu chifro, situado na escola de Luintra.

A melodía dos afiadores e capadores resoaba hai décadas en vilas e aldeas galegas. Hoxe o oficio tanto de capador como de afiador persiste de xeito testemuñal, pero é difícil escoitar aquelas melodías que o identificaban. Por iso ten especial significado o traballo levado a cabo polo alumnado da escola de Luíntra (Ourense) para recuperar a historia da melodía de afiador e capador que interpretou o ourensán José María Rodríguez no ano 1952 para o estudoso musical Alan Lomax e Jeanette Bell, que acababan de chegar a Galicia no seu percorrido para recompilar melodías populares e folclóricas. Esa melodía quedaría recollida nun disco que serviría de inspiración para un dos grandes do jazz, Miles Davis, á hora de compoñer o seu tema “The pan pipper”, editado en 1960 no disco Sketches of Spain.

O chifro do capador José María Rodríguez. Foto de Víctor Barros

O chifro do capador José María Rodríguez. Foto de Víctor Barros.

Nun traballo de recuperación desta historia, o alumnado deste centro levou a cabo unha investigación sobre a mesma na que descubriu novos datos sobre aquela colaboración. Entre as novidades descubertas atópase a localización exacta das fotografías que se realizaron e se conservan daquel encontro ou o percorrido que fixeron os estudosos en Galicia, así coma o pago que recibiu anos despois José María Rodríguez por interpretar dita melodía.

Os rapaces tamén contactaron coa sobriña de José María, Celita, quen lles deu conta dalgúns detalles sobre a vida do seu tío e lles permitiu ver o chifro co que se gravara a melodía.

O capador José María Rodríguez e o seu pai Eduardo.

O capador José María Rodríguez e o seu pai, Eduardo.

Esta semana o chifro volvía resoar, desta volta na escola e cos rapaces, con motivo da celebración dos 70 anos desta historia. Un mural no centro e unha xornada de celebración arredor desta historia serviu para rememorar o asubiar dos capadores e celebrar os descubrimentos de alumnado, familias e profesorado, ó tempo que permite manter vivo o son do chifro dos capadores e afiadores.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información