Os fungos e a avespiña botan por terra a campaña da castaña en Galicia

Os castiñeiros reséntense da incidencia da avespiña e presentan importantes danos polo ataque de fungos nas últimas semanas. As montañas do oriente ourensá son as máis afectadas e mesmo se teme pola sanidade das árbores. Preséntase unha campaña con baixas producións e castañas de pouca calidade e calibre

Os fungos e a avespiña botan por terra a campaña da castaña en Galicia

Castiñeiros afectados na zona de Quiroga.

Todo apuntaba a que a de 2021 podía ser unha boa campaña da castaña, logo de anos de malas e escasas colleitas. Mesmo se cumprira o dito popular de que “a castaña quere arder en agosto e beber en setembro”, meses nos que as vagas de calor e as chuvias frecuentes permitiran manter as esperanzas. Porén, as últimas semanas tumbaron por terra tódalas previsións e parece que as castañas serán escasas e tamén se verá resentida a calidade do froito.

Os contrastes de temperaturas, frío e calor intensos, e a incidencia de fungos como a antracnose está a deixar danos importantes nos castiñeiros das zonas máis altas. “Pensamos que iamos ter unha campaña moi boa, pero nos últimos 20 días torcéronse bastante as previsións. Os castiñeiros están quedando sen folla e os ourizos non chegan a poder criar as castañas, que caen sen ter madurado”, indica Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia.

“Pensamos que iamos ter unha campaña moi boa, pero nos últimos 20 días torcéronse bastante as previsión” (Jesús Quintá, IXP Castaña de Galicia)

“A antracnose xa ten aparecido outros anos, pero non acordamos danos tan importantes como os de agora, o que tamén se pode deber a que os castiñeiros estean máis febles pola incidencia da avespiña (Dryocosmus kuriphilus)”, valora Quintá.

Nalgunhas zonas a campaña está a vir con certo atraso, o que xera ademais inquedanza tanto ós produtores como para os comerciantes e empresas especializadas. Así, nestes momentos o mercado atópase bastante desabastecido. Os prezos mantéñense á alza para a castaña de calidade, o que tamén é difícil lograr, dado que os fungos tamén afectan á sanidade da castaña e obrigan a seleccionar moi ben o produto.

Facemos un percorrido por algunhas das principais zonas produtoras de castaña en Galicia para coñecer de man de produtores e empresas especialistas a situación esta campaña:

Na montaña ourensá: Preocupación non só pola baixada da produción senón pola sanidade dos castiñeiros

Unha das zonas que máis están a acusar unha baixada importante da produción son os soutos máis orientais da provincia de Ourense, principais produtores de castaña en Galicia. Nas últimas semanas, os castiñeiros da Gudiña, A Mezquita ou Riós presentan severos danos. Produtores e compradores están preocupados non só pola baixada da produción senón polo estado sanitario dos castiñeiros. Preto do 80% dos castiñeiros están xa sen folla, segundo apuntan os produtores.

“Os castiñeiros están moi debilitados pola avespiña e houbo distintos factores que lles están a afectar”, indica Xosé Manuel Guerra, un dos produtores de castaña da Gudiña. Nos seus soutos en poucos días os castiñeiros de variedades como a Famosa quedaron fortemente afectados. Tamén apunta a que as xeadas que se deron xa durante varias noites na zona son un dos factores que ocasionou danos nas árbores, xunto ós fungos. “Estiven coidando neles, regándoos e abonándoos. Todo apuntaba a que ía ser bo ano, pero en dúas noites quedaron sen follas”, comenta.

No seu caso tamén conta con algúns castiñeiros híbridos, clons do 90044 que están a resistir á avespiña e se manteñen máis vigorosos. “Polo de agora foron resistindo e teñen unha castaña bastante grande, aínda que por debaixo do calibre das variedades galegas. Con todo, aínda non sabemos como vai funcionar esta variedade no mercado”, reflexiona o produtor.

Os mercados están faltos de castaña e isto está a motivar que se estean a manter prezos competitivos

Aínda que xa caeron moitas castañas das variedades de cedo non están a xuntarse quilos e hai moitas castañas que caen sen acabar de criar.“As castañas de cedo teñen un calibre pequeno e hai moi pouca cantidade. Haberá que ver como veñen outras variedades máis tardías como a Longal ou a Xudía”, apunta o produtor, que tamén recoñece que de continuaren as xeadas a campaña rematará axiña e será moi mala.

Os mercados están faltos de castaña e isto está a motivar que se estean a manter prezos competitivos. En función da calidade e a variedade está a se pagar entre 1,60 ata preto dos 2 euros o quilo de castaña.

Macizo Central: As castañas non criaron ben e a calor de outubro tampouco axudou a que sexan de calidade

En Manzaneda, en pleno Macizo Central, a campaña comezou a finais desta mesma semana. “Ata o de agora non se levarán apañados nin 50 quilos”, indica Óscar Freire, un dos membros de Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, entidade centrada na recuperación de antigos soutos e na transformación da castaña para xerar valor engadido. Recoñecen que en agosto parecía que habería unha boa campaña, pero non está a ser así. “Hai moitas teorías, pero o caso é que as castañas non criaron ben e a calor de outubro tampouco axudou a que medraran e sexan de calidade”, explica Freire.

Na cooperativa prevén unha colleita semellante á do ano pasado, na que finalmente recolleron un 20% do que viña sendo habitual. A incidencia da avespiña tamén está a contribuír a estes nefastos resultados. “O ano pasado foi o primeiro que tivemos unha incidencia importante de avespiña na zona”, recorda Freire. Ó longo dos últimos meses estivéronse a facer soltas por parte da Xunta de Torymus sinensis, o depredador natural da avespiña. “Vimos moita avespiña durante a floración, pero logo tanto a candea e os ourizos ían bastante ben”, apunta.

Xunto con outros factores como a calor do mes de outubro, tamén responsabilizan á avespiña da escasa produción e da pouca calidade da colleita, ó debilitar os castiñeiros e quedar febles para sacar adiante as castañas.

É o segundo ano que a campaña da castaña se ve lastrada pola avespiña ou polas súas consecuencias

En base ó acontecido noutras zonas afectadas pola avespiña e nas que se realizaron soltas de Torymus, estiman que aínda lles agarda outras dúas campañas que poidan verse lastradas polo efecto da avespiña, xa que, polo xeral, ata o terceiro ano non comeza a mellorar a situación e recuperarse a produción.

Nesta zona a recollida arranca nas datas habituais e estímase que será unha campaña curta, de 2 ou 3 semanas. “Algún ano por Santos aínda non recolléramos castañas”, recorda Freire en canto ós tempos de recolleita.

En Amarelante levan dende o 2013 apostando pola transformación da castaña para lograr maior valor engadido. Así, boa parte da produción comercialízana en seco, ben como froito pelado ou como fariña ou bica de castaña, o que lles fai estar menos suxeitos ós prezos da castaña en fresco e ás variacións do mercado. Logo de varios meses de investigacións, agora están a piques de sacar ó mercado uns flocos de castaña e preparan tamén unha bebida vexetal elaborada con este froito.

Sureste de Lugo: A campaña chega con 15 día de demora con respecto doutros anos

En Quiroga (Lugo), esta semana aínda están a caer as primeiras castañas. “Este ano vén con moito atraso, case con 15 días con respecto doutros anos”, explica Verónica Núñez, da firma Caurelor, especializada na comercialización da castaña e na elaboración de produtos a base deste froito. Noutros anos, a estas alturas de outubro atopábanse en plena recollida da castaña, tal e como comenta a produtora.

Nos soutos que xestionan non detectaron danos importantes polo momento nos castiñeiros, pero apuntan que tampouco será unha campaña de grandes producións, aínda que agardan poder ter mellor colleita que a do 2020, na que non puideron coller apenas castañas pola gran incidencia da avespiña do castiñeiro.

No sur de Lugo: Menos árbores afectadas, pero castaña de peor calidade e calibre

Nos soutos de Taboada e Chantada a campaña de recollida tamén está empezando e aínda que a situación non está a ser tan crítica coma nas zonas altas, tamén se resentiu a calidade e a cantidade de castaña.

En Castañas Naiciña, unha da industrias asentada en Chantada e que recolle castaña por todo Galicia están a percibir unha forte caída da produción de castaña. “Na zona de Chantada non hai tanta porcentaxe de árbores afectadas como nas montañas orientais ourensás, pero estase vendo máis danada a castaña, sendo de peor calidade e calibre menor. Había unha carga importante de ourizos que non chegaron a criar”, detalla Miguel Areán, xerente da firma. Detrás destes danos de novo as variacións térmicas das últimas semanas, que propiciaron néboas favorables para a aparición de fungos, con impacto especialmente nos castiñeiros máis debilitados pola avespiña.

Na zona centro de Galicia a campaña trae certo atraso, pero como recoñece o empresario estanse a recuperar as datas tradicionais para a caída deste froito. “Cómpre ter en conta que os últimos anos a campaña viña moi adiantada. É certo que este ano vén con algo de atraso, pero está nas datas tradicionais dos anos 90”, concreta. De feito, en Alibós, outra das principais industrias de castaña en Galicia agardan comezar co forte da campaña nuns días. “Imos con certo atraso con respecto doutros anos”, indica Jesús Quintá, responsable da firma.

Esta campaña chega despois de dous anos lastrados para a produción de castaña en Galicia.“Os últimos dous anos foron moi malos no que se refire a calidade da castaña, e este parecía que ía encamiñado a ser bo, pero dende hai 3 semanas fastidiouse a campaña, non só pola caída da produción senón pola calidade do produto”, concretan dende Castañas Naiciña, firma especializada na comercialización da castaña en fresco e sobre todo en seco, cunha aposta clara pola valorización da castaña, xa que foron a primeira empresa en elaborar fariña de castaña na Península Ibérica, unha transformación coa que comezaron en 1998. “Aínda que temos instalacións para xestionar unhas 2.000 toneladas de castaña, nas últimas campañas non estamos chegando a esas cifras porque estamos primando calidade fronte a cantidade”, especifica Areán.

A aposta pola posta en valor da castaña da firma de Chantada fixo que sexa a empresa cunha cadea de valor máis longa da Península Ibérica, aínda sen ser a que máis volume de castaña xestiona. A castaña en fresco comercialízana principalmente nas cadeas de distribución estatais, así como en Europa; e a maior parte da produción destínana á castaña pelada que se conxela, para logo empregar na elaboración doutros produtos de maior valor engadido.

Piden a profesionalización dos produtores para garantir a supervivencia do sector e a súa competitividade fronte a outros mercados como Portugal

Dende a firma reivindican a importancia de seguir apostando por un sector que factura entre 15 e 20 millóns de euros ó ano, cunha produción centrada en zonas do interior das provincias de Lugo e Ourense. “Levamos tempo insistindo na necesidade de profesionalizar ós produtores, como están a facer en Portugal, para que a castaña galega non quede atrás”, valora Areán.

Ó mesmo tempo, o empresario tamén reclama maior control por parte da Administración para acabar con prácticas irregulares na recollida da castaña, que aínda se manteñen e dan lugar á especulación. “Precísase poñer fin a esas furgonetas que seguen recollendo de xeito clandestino a castaña e que non contribúen a que haxa un control”, reclama, á par que incide na importancia de contar con censos actuais que axuden a tomar decisións na xestión dos castiñeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información