Piden menos trabas burocráticas para a circulación en vías públicas dos apeiros agrícolas

Piden menos trabas burocráticas para a circulación en vías públicas dos apeiros agrícolas

A organización agraria Unión de Uniones de Agricultores y Ganaderos, no marco dunha reunión mantida recentemente coa Subdirección Xeral de Calidade e Seguridade Industrial do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, insistiu na necesidade de adaptar a normativa relativa á maquinaria agrícola á realidade do sector para evitar unha excesiva burocracia que retarda os traballos.

Unión de Uniones sinalou os problemas derivados da instrución 20/V-139 de febreiro de 2020 que, ao considerar os apeiros remolcados como maquinaria agrícola remolcada, obriga a homologalos, matriculalos, inscribilos no ROMA, estar suxeitos a ITV e dispor do seguro obrigatorio para circular pola vía pública.

“Isto provocou que este tipo de maquinaria, até agora utilizada de maneira habitual polo agricultor, poida ser obxecto de sanción”, advirten. Para evitar esta situación, a organización solicitou ao Ministerio unha moratoria de tres anos e un proceso de homologación en bloque que permita circular ao agricultor sen problemas como até agora.

Así mesmo, outro dos temas tratados foi a instalación dos sistemas localizados de aplicación de xurros nas cisternas. Neste sentido, a organización agraria advirte de que “déronse casos onde empresas de estacións ITV indicaron ao agricultor que debe iniciar un proceso de reforma da cisterna para instalar estes sistemas cando, segundo a súa condición de elemento intercambiable, non debería iniciarse este proceso”.

Piden eximir aos tractores agrícolas de inspeccións técnicas

Doutra banda, os representantes da organización defenderon a necesidade de eximir aos tractores agrícolas das inspeccións técnicas, como ocorre noutros países da contorna como Francia, Italia ou Portugal, de acordo coa Directiva 2014/45/UE ou unha ITV específica da maquinaria agrícola fóra do alcance desta Directiva co fin de adecualo máis á realidade agraria.

A organización insiste en que se faga unha revisión do manual de inspección para que sexa máis específica á maquinaria agrícola, mantendo as debidas esixencias en materia de seguridade. 

Así mesmo, reclamaron que as cabinas dos tractores sexan consideradas elementos de confort, de cara a facilitar a homologación de tractores con protección antiemborque e cabina instalada a posteriori e evitar así os problemas que teñen estas máquinas para pasar a ITV.

En canto á resposta por parte do Goberno, segundo a organización agraria os representantes do Ministerio de Industria mostráronse comprensivos coas cuestións expostas por Unión de Uniones e comprometéronse particularmente a analizar, xunto coa DXT, a cuestión da homologación dos apeiros.

“Así mesmo, mostráronse sorprendidos coa cuestión dos sistemas localizados de xurros e a reforma das cisternas, asegurando que non deben implicar unha reforma ao tratarse de elementos intercambiables polo que, para evitar malas interpretacións da regulamentación, comprometéronse a trasladar esta cuestión ás Comunidades Autónomas para evitar que ocorran casos similares nun futuro”, conclúen desde Unión de Uniones.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información