4000 tractores rodean Santiago ao longo de 10 quilómetros

Participación masiva de gandeiros das comarcas leiteiras de Galicia. A estas horas as máquinas rodean a cidade. Ás 19:30 asemblea de gandeiros na Estación de Autobuses. Feijóo traslada o apoio da Xunta aos gandeiros

4000 tractores rodean Santiago ao longo de 10 quilómetros

Tractores en San Caetano

Arredor de 4.000 tractores rodean neste momento Santiago de Compostela ao longo de dez quilómetros. A participación cumpriu as expectativas da organización, a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, malia os atrasos e as longas esperas ás que se ven obrigados os gandeiros nun día de sol implacable na capital galega. De momento, os tractores permanecerán ata mañá estacionados rodeando a capital galega.

A mensaxe das organizacións agrarias integrantes da plataforma é coincidente: o acordo ao que se chegue o xoves en Madrid entre industria, distribución e produtores debe garantir uns prezos que cubran os custos de produción para o gandeiro e debe estar respaldado cun decreto polo Goberno para que sexa de obrigado cumprimento, con sancións incluídas. E con carácter inmediato, porque a situación dos gandeiros galegos é límite e non pode agardar máis meses.

Está previsto que se celebre unha asemblea ás 19:30 horas na  xplanada da estación de autobuses de Santiago.  na que os gandeiros decidirán as accións a tomar nos próximos días.

Para o xoves está convocada unha manifestación en Santiago de Compostela á que está previsto que se sumen os gandeiros de Lugo, que non están a participar na tractorada na capital galega. O venres, día 11, reunirase a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego para valorar o acordo ao que se chegue en Madrid o día anterior. En caso de non cumprir as demandas dos gandeiros, a Plataforma xa anuncia que endurecerá as protestas, con mobilizacións indefinidas e unha folga de entregas de leite á industria.

Valoracións das organizacións agrarias

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, advertiu de que “Galicia está nunha situación dramática porque á caída de prezos a nivel europeo, xúntase que somos a comunidade de España na que menos se paga o leite”.

En canto ao acordo deste xoves en Madrid, García advertiu de que “ten que garantir que non se pode pagar ao gandeiro por debaixo dos custos de produción (…) e ten que contar cunha base legal regulada de obrigado cumprimento e que estableza sancións” . Para iso demandou que “o Ministerio ten que lexislar para que o acordo sexa de obrigado cumprimento e con sancións”.

Roberto García: “Os gandeiros precisan unha solución para a nómina de outubro”

O secretario de UUAA reclamou tamén que “o acordo ten que implicar que os contratos lixo e as baixadas de prezos que está anunciando a industria se retiren este mes e o día 1 de outubro haxa uns novos contratos que impliquen de forma obrigatoria que ningunha industria pode pagar por debaixo dos custos de produción” .

“Non nos vale unha solución para dentro de 6 meses, precisamos unha solución para a nómina do mes de outubro. Non nos imos volver para a casa despois da tractorada, se temos que morrer imos morrer de pé”, advertiu.

SANTIAGO_TRACTORADA_01_STANDARDende o Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba defendeu que “políticas que non leven a ter excedentes, que reforcen o valor engadido e ter unha lei que garante as marxes na parte produtora”.

A este respecto, alertou “sobre as falsas mensaxes que está a difundir a conselleira do Medio Rural, porque hoxe unha organización de produtores está indefensa fronte ás grandes industrias multinacionais”. Pola contra, a secretaria xeral do SLG insistiu en que “o que necesitamos é unha base xurídica que permita unha negociación colectiva entre gandeiro e industria, con mediación da administración”.

Francisco Bello, secretario xeral de ASAJA Galicia, demandou pola súa parte que “dunha vez por todas se recupere o prezo do leite” cun acordo que dea estabilidade no tempo ao sector e con medidas legais que obriguen ao seu cumprimento. “E se non chega, haberá que seguir loitando”, advertiu.

“O de que os sindicatos e a Plataforma non defendemos os intereses dos gandeiros é unha mentira do PP”

Anxo Escariz, portavoz da Organización de Productores de Leche (OPL) asegurou que “no sector do leite hai unidade total porque hai unha Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego na que estamos todos representados”.

Anxo Escariz: “A conselleira está contenta en dividir aos gandeiros entre Santiago e Lugo”

Neste sentido, subliñou que “apoiamos aos gandeiros de Lugo pero temos que facer forza en Santiago para que se nos vexa a todos xuntos” . E advertiu de que “o único que hai en Lugo é unha manipulación da conselleira e do Partido Popular que quere dividir aos gandeiros e ter a metade en Lugo e a metade en Santiago, se por eles fora mellor sería que houbera hoxe 50 tractoradas” .

Escariz preguntouse “que reivindicacións das que defenden os representantes da asemblea de Lugo non están xa incluídas nas reivindicacións da Plataforma”. “E iso de que os sindicatos e a plataforma non defendemos os intereses dos gandeiros é unha burda mentira do PP”, concluíu.

Pola súa parte, Elías Somoza, da FRUGA criticou a falta de implicación do presidente Feijóo cos problemas do sector lácteo e pediu que “se nas tractoradas das comarcas a sociedade apoiou aos gandeiros, en Santiago e en Galicia tamén lle pedimos á sociedade que nos apoie”.

Feijóo: “Apoiamos aos gandeiros e esperamos maior sensibilidade da Unión Europea”.

Por último, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou a través dun comunicado que “a Xunta de Galicia quere amosar o seu apoio aos gandeiros do sector lácteo galego e agarda unha maior sensibilidade da Unión Europea para garantir a viabilidade futura das explotacións”.

Feijóo tamén lle trasladou aos representantes do sector “o compromiso do Goberno autonómico de seguir traballando por que as reivindicacións do sector lácteo galego sexan escoitadas tanto no conxunto de España como en Bruxelas para lograr solucións que garantan un futuro viable e estable para as explotacións”.

Galería de imaxes da tractorada:

Centros de tractores nunha das explanadas de Salgueiriños.

Una idea sobre “4000 tractores rodean Santiago ao longo de 10 quilómetros

  1. bito

    Ninguen nos engana. Ninguen…se polos sindicatos fose, o xoves pasado estaban os tractores a noite na casa. Lugo esta cos gandeiros e gandeiras de Coruña e Pontevedra. A loita e a mesma. Prezo digno polo noso leite!!!! Non estamos en Santiago, pero estamos a demostrar Forza e Unión, todos xuntos colapsando Lugo. Ánimo e Forza

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información