A Xunta impulsa tres novos polígonos agroforestais para gandería en extensivo nos concellos da Peroxa, Carballedo, San Xoán de Río e Os Blancos

O Consello da Xunta aprobou este xoves a declaración de utilidade pública e interese social de tres novos polígonos agroforestais. Así, ascenden xa a 33 os polígonos postos en Galicia desde 2021 -7 foron aprobados nos últimos 4 meses-, que mobilizan no seu conxunto 9.475 hectáreas.

Os tres decretos aos que onte deu o visto e prace o Consello supoñen a devandita declaración para outros tantos polígonos agroforestais de iniciativa pública, dous deles situados integramente na provincia de Ourense (nos concellos de San Xoán de Río e Os Blancos) e un terceiro cunha parte dos seus terreos no municipio ourensán da Peroxa e outra no concello lugués de Carballedo.

Esta declaración implica, entre outras cousas, o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento. Así mesmo, autorízase a redacción de cadanseu proxecto básico e a execución dos procedementos de investigación da titularidade na forma prevista na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Estes tres novos polígonos terán como actividade principal a gandaría en extensivo, dentro da aposta do Goberno autonómico por previr incendios forestais a través da xestión e a dinamización socioeconómica do territorio.

San Xoán de Río, Os Blancos e A Peroxa-Carballedo

No seu conxunto, estes tres novos polígonos aprobados hoxe polo Consello da Xunta permitirán mobilizar un total de 152,57 hectáreas, repartidas en 745 parcelas de 350 propietarios. Así, o polígono de Cambela, no concello de San Xoán de Río, beneficiará 135 titulares de 301 parcelas, cunha superficie total de 97,36 ha; o dos Blancos, no municipio homónimo, permitirá mobilizar 29,73 ha, distribuídas en 249 parcelas de 122 propietarios, e por último, o polígono que abrangue terreos dos concellos da Peroxa, na provincia ourensá, e de Carballedo, na de Lugo, beneficiará a 93 propietarios de 195 parcelas e terá unha superficie de 25,48 hectáreas.

A maiores destes tres que agora se declaran de utilidade pública, hai outros 30 polígonos agroforestais en marcha (en diferentes fases de execución) na comunidade. En conxunto, estas 33 iniciativas de mobilización de terras supoñen a posta en valor das xa mencionadas 9.475 hectáreas, distribuídas en 30.110 parcelas propiedade de 8.917 veciños.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información