Declarados de utilidade pública pola Xunta tres polígonos agroforestais de Ourense

Estes proxectos enmárcanse dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e supoñen un total de 232 hectáreas de terreo mobilizadas

Declarados de utilidade pública pola Xunta tres polígonos agroforestais de Ourense

O conselleiro visitando un polígono agroforestal en Ourense. / Arquivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe cadanseu anuncio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polo que se declaran de utilidade pública os polígonos agroforestais de San Amaro (San Amaro), Mirallos (A Peroxa) e Prado de Miño (Castrelo de Miño), todos eles na provincia de Ourense. Deste xeito, dáse conta dos diferentes usos aos que se poden someter os terreos para executar distintas actividades agroforestais.

Estes proxectos enmárcanse dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e supoñen a mobilización, en conxunto, dun total de 232 hectáreas. Así, o polígono de San Amaro, no concello homónimo, conta con 28,03 hectáreas de terreo divididas en 422 parcelas de 146 propietarios; no de Mirallos, situado no concello da Peroxa, están agrupadas un total de 44,52 hectáreas de terreo correspondentes a 193 predios de 65 titulares e o de Prado de Miño -en Castrelo de Miño- reúne 160 hectáreas conformadas por 1.685 parcelas de 372 propietarios.

Cabe sinalar que neste caso, ao tratarse de polígonos de iniciativa pública, o obxectivo prioritario é poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal.

No caso do polígono de San Amaro, o uso planificado é principalmente para a gandaría en extensivo, cultivos para a alimentación do gando e mesmo cultivos leñosos. Pola súa banda, o polígono agroforestal de Mirallos destaca polo uso principal da gandaría en extensivo. Así mesmo, no polígono agroforestal de Prado de Miño establécese como uso destacado o cultivo da vide dentro da denominación de orixe do Ribeiro.
Toda a documentación pode consultarse no portal web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Enlaces ás publicacións dos anuncios no DOG:

San Amaro (San Amaro):
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230710/AnuncioG0426-300623-0004_gl.html

Mirallos (A Peroxa):
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230710/AnuncioG0426-300623-0006_gl.html

Prado de Miño (Castrelo de Miño):
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230710/AnuncioG0426-300623-0005_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información