A Xunta impulsa dous novos polígonos agroforestais nos concellos lugueses de Chantada e Paradela

Estas iniciativas permitirán mobilizar en conxunto preto de 62 hectáreas, distribuídas en 204 parcelas duns 105 propietarios

A Xunta impulsa dous novos polígonos agroforestais nos concellos lugueses de Chantada e Paradela

O conselleiro do Medio Rural na súa reunión cos veciños de Sabadelle. Foto: Xunta

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión cos veciños de Chantada para estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal na parroquia de Sabadelle. Logo de rematar este encontro e resolver as dúbidas dos asistentes, trasladouse ata o concello lucense de Paradela, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para abordar tamén a posibilidade de crear un polígono na parroquia de Loio.

No caso de Sabadelle, o polígono agroforestal abranguería unha superficie de preto de 39 hectáreas, divididas en 114 parcelas de 80 propietarios. Mentres tanto, no de Loio ocuparíanse unhas 23 hectáreas con 90 parcelas duns 25 propietarios.

Segundo explicou o conselleiro, proponse dedicar estes polígonos a cultivos agrícolas, incluíndo no de Paradela a posibilidade de recuperar antigos terreos dedicados á viña no ámbito da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra, co fin de darlle valor ás variedades autóctonas que caracterizan aos viños da comunidade. Ademais, ambos poderían contar tamén con gandaría en extensivo.

Estes futuros polígonos sumaríanse aos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños.

O conselleiro no encontro cos veciños de Paradela

O conselleiro no encontro cos veciños de Paradela

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información